Arquivo do blog

Un lume azul de Pedro Feijoo

No marco da cidade de Vigo e na súa contorna ambiéntase a última novela de Pedro Feijoo. O inspector Mateo e a súa equipa da Brigada de Investigación Criminal enfréntanse a unha serie de crímenes cruentos e salvaxes.

A novela está narrada en primeira persoa polo propio inspector e tamén por un narrador en terceira persoa que nos deixa  ás veces ir por diante das propias investigacións policiais.

Intercalados na historia, os propios personaxes describen episodios da súa vida que son importantes para tecer a trama e ir descubrindo o drama das súas vidas.

Atrapa a súa trama, maxistralmente construída, na que os acontecementos van desvelando a historia cara adiante co desenmarañamento dos crímenes pero, as voltas atrás na vida dos personaxes e o afondar nos seus sentimentos, é para min o máis valioso da novela.

É un testimonio aterrador, que corta a respiración, e que fai que nos cuestionemos de que parte estamos e ata onde é capaz de chegar un ser humano castigado, maltratado, sometido a todo tipo de degradacións.

Como di o propio autor, onde poñemos o límite da dor e ata onde podemos aguantar unha vez que nos obrigan a pasar ese límite.

Mergúllanos no máis dantesco da especie humana, nos escenarios máis terribles que nin imaxinamos que puidesen existir.

Persoalmente, encántame o título, penso que unha vez lida a novela é moi significativo, sen dúbida unha boa elección.

Moito máis alá da novela negra, para min esta é unha historia de dor e de medo, de levar aos personaxes a un sufrimento extremo e de cómo responden a eses golpes inhumanos no corpo e na alma.

Dura pero emotiva é, ao meu enterder e ata o momento, a mellor das novelas de Pedro Feijoo, a que chega máis dentro.

“E xa todo está en paz.

O lume, o mar.

A calma.

Todo.”

A novela podédela atopar nas nosas bibliotecas e tamén en formato dixital na plataforma de GaliciaLe.