Arquivo do blog

Noelia Darriba: “O Cuarto Propio das BMC é un espazo de liberdade para falar de temáticas feministas”

O Cuarto Propio das BMC é un espazo lector feminista que nace en novembro de 2019 para seguir sumando á rede de clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Coruña.

A miña chegada foi máis ben o empuxón para posta en marcha. Sabía da idea que tiñan desde as bibliotecas de crear un club feminista, un bo complemento para o Centro de Interese de “Xénero e Feminismos” que hai na Biblioteca Ágora, brindáronme a oportunidade de participar na súa creación e nin o pensei, pois son dúas cousas imprescindibles na miña vida: a lectura e os feminismos.

Fai click na imaxe para ver unha vídeo-presentación do centro de interese Xénero e Feminismos

As persoas que integramos o grupo nun inicio fomos 20, o número máximo de prazas que hai por club, e este ano continuamos 12: Cris, Adrián, Noe, Marta, Natalia, Bárbara, Tono, Diego, Lore, Bea, Nuria e eu nun formato online. A modalidade virtual non é tan atractiva como a presencial (non hai o terceiro temo –tomar unhas cañas- despois da sesión) pero, sen dúbida, é unha forma de manter a unión do grupo e poder seguir compartindo lecturas. Así, seguimos reuníndonos unha vez ao mes, concretamente os primeiros mércores, onde partillamos impresións da lectura que corresponda. Mantemos unha dinámica moi horizontal, de feito non hai persoa que dinamice senón que todas imos dando primeiras impresións da lectura e, dependendo da temática, iso lévamos a outras reflexións e outros compartires máis persoais. O ano pasado no formato presencial, rotábamos a figura de dinamizadora para que cada quen probara ese rol podendo adaptalo á súa personalidade e foi moi gratificante; houbo persoas que complementaron o libro con vídeos onde falaba a autora, outras que prepararon algunha dinámica de grupo, etc. O feito de ter unha persoa de xeito rotativo que coide o espazo axuda a transformar as relacións e os vínculos que podan darse; pois aprendemos de cada quen, interiorizamos a responsabilidade que supón coidar e preparar a seguinte reunión e sentímonos coidadas sabendo que cada mes haberá unha persoa que se preocupa por levar mellor preparado o debate: temas a sacar, curiosidades, etcétera sobre o libro. Esa posta en marcha de prácticas feministas, como repartir os coidados entre as persoas do grupo, axuda a interiorizar a importancia de dar visibilidade a ese traballo que pasa desapercibido tantas veces e polo que con forza berraremos nas rúas este 8M baixo o lema: Sen coidados non hai vida.

Ás lecturas do club foron moi diversas: ensaio, novela, banda deseñada, relatos biográficos, poesía,….. e este mes de marzo, mes do teatro, estamos lendo “La casa de Bernalda Alba” de Federico García Lorca que nos fala de roles impostos e opresión pero tamén da loita pola liberdade, seguro que nos dará para moito na vindeira sesión do club. Todas as sesións son diferentes, gardo moi bos recordos da sesión sobre “Luns” con Eli Ríos porque tivemos a gran sorte de que viñera ela a falar do seu libro e foi fantástico, apagaron as luces do Ágora e nós aínda sen querer marchar, ou o relato “A esencia da cidade” de María Reimóndez coa que compartimos unha xuntanza virtual en pleno confinamento. Son moi fan das escritoras que temos aquí e sempre intento propoñer libros delas pois temos unha riqueza literaria impresionante e iso, é un luxo.

En definitiva, O Cuarto Propio das BMC é como, para Virginia Woolf en “Una Habitación Propia”, un espazo de liberdade para falar de temáticas feminista coa escusa de ler un libro, un espazo onde todas as persoas son benvidas porque o único que é necesario é a apertura para poñer en cuestión a orde establecida, unha pequena revolución interna que pode comezar cunha lectura, non é marabilloso

Noelia Darriba García.

#LaTribu: club de lectura xuvenil

Comezamos 2021 e desde a Biblioteca Ágora facémolo ao grande: coa creación dun novo club de lectura xuvenil: #LaTribu.

Tes entre 14 e 16 anos? Únete a #LaTribu: falaremos de libros, cómics, música, pelis, videoxogos, apps… e moito máis…

Sabemos que a cousa está rara. Hai moitas cousas que non podemos facer e outras temos que facelas doutra maneira. Por iso, e debido á situación actual, os nosos encontros serán virtuais. Non terás que saír da túa casa para compartir lecturas e boa conversación!

  • Comezamos en febreiro!
  • As sesións serán os xoves alternos ás 18:30 h.
  • Os libros que leamos pódelos recoller en préstamo na biblioteca de forma gratuíta.
  • A lectura fala ti pola túa conta. Nas sesións o que facemos é comentar, escoitar, debater e divertirnos.
  • Se non che apetece falar, non pasa nada, sempre podes escoitar o que lle pareceu a outras persoas e aprender cousas novas.
  • Imos falar de libros, sí. Pero tamén da última serie, ou dunha película, ou desa canción que lle encantaba á protagonista do libro… O libro é soamente o punto de partida.

O mundo necesita tribos e #LaTribu necesítate a ti! Tes toda a info na nosa web. Apúntate xa!

III Concurso de Microrrelatos, Dado-Biblioteca Ágora

Este martes foi unha xornada de festa e premios na biblioteca Ágora!!

Rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos asistiron ao Auditorio do Centro Ágora para celebrar a Gala de Entrega de Premios do III Concurso de Microrrelatos e Booktrailers. O certamen foi organizado polos clubs de lectura e bibliotecas do Grupo Dado coa coalaboración da Biblioteca Ágora. Un Dado, por certo, este ano de sete caras, xa que ademáis dos Institutos Agra do Orzán, Elviña, Monelos,  Monte das Moas,  Rafael Dieste e Menéndez Pidal (Zalaeta) veteranos xa neste certame, contamos coa participación nesta terceira edición do IES Eusebio da Guarda.

Máis de 400 mozos e mozas asistiron ao evento, entraron na biblioteca para facerse fotos, representaron bailes e pequenas pezas teatrais, tocaron instrumentos, leron os seus traballos, visualizaron os seus vídeos…  e sobre todo disfrutaron dun evento no que eles foron os auténticos protagonistas.

O centro encargado de conducir a gala foi o IES Zalaeta: dous presentadores de luxo, Iria e Iván, foron dando entrada a diferentes actuacións, e chamando ao escenario aos autores finalistas de microrrelatos , que leron os seus traballos, e dos booktrillers, que puidemos visualizar en pantalla.

Non o tivo fácil o xurado para escoller entre os textos preseleccionados polos centros. Un ano máis os nosos pequenos escritores demostraron o seu gran potencial, chegasen ou non a estar na lista dos finalistas ou dos autores premiados. Desde aquí os alentamos a seguir  escribindo.

Este foi o resultado co concurso:

NA MODALIDADE DE MICRORRELATOS…


CATEGORÍA A: (1º, 2º e 3ª da ESO)

Primeiro premio

O meu inimigo, de Sara Sanz Fonta, do IES Monte das Moas!

Segundo premio

Xoel Añón Lage, do Rafael Dieste,  por “Un viaje a través del desagüe”.

CATEGORÍA B: (4º ESO e 1º e 2º BAC)

Primeiro premio

Uxía Queijeiro Sesar, do IES Rafael Dieste por Tengo ganas de que te quedes.

Segundo premio

El hilo rojo, de María Lado Domínguez, do IES Zalaeta

Clicando nas imaxes de abaixo podedes ler todos os relatos presentados en ambas categorías:

NA MODALIDADE DE BOOKTRAILERS….


CATEGORÍA A : (1º, 2º e 3ª da ESO)

Primeiro premio

Antología poética, de Aitana Ballesteros y Daniela Lumbrera, de 2º ESO de Zalaeta, booktriller do libro La tinta de mis ojos, de Aitana Ocaña.

Segundo premio

PaulaSalgado Torres, do Agra I, por  O que sei do silenzo, de Andrea Maceiras

CATEGORÍA B : (4º ESO, 1º e 2º BAC)

Primeiro premio

Club de lectura de inglés de Monte das Moas polo booktriller de  Milk and Honey de Rupi Kaur.  

Segundo premio

Vanessa Fernández Santamaría por  El festín de la muerte, de Jesús Díez de Palma

Parabéns aos gañadores polo voso magnífico traballo!!!

E parabéns tamén a todos os que enviastes os vosos textos!!!

E por último, tan só queda das as grazas a todos os que participastes deste proxecto:

Ao xurado, formado por representantes da cultura literaria e audiovisual da cidade: Beatriz Maceda Abeleira, Rita Más Ybáñez,  Miriam Rodríguez Debasa,  Roberto Castro, libreiro, e Elizabeth Rico, bibliotecaria”. Moitas grazas pola vosa entrega e entusiasmo!!

Aos cordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura e bibliotecas do Grupo Dado por impulsar o certame. E moi especialmente ao profesorado do Instituto Zalaeta polo seu traballo para a realización desta gala.

E sobre todo grazas e parabéns a todos os que participastes cos vosos microrrelatos e booktrailers neste concurso. Esperamos seguir contando con tovos vós

ATA A PRÓXIMA EDICIÓN!!

Podedes ver os booktrailers presentados en Youtube e máis fotos da gala en Instagram e Flickr 

“Viaxes de papel” na Biblioteca Ágora

Se queres organizar a túa viaxe de verán e aínda non escolliches destino…

Se sabes onde ir, pero queres ambientarte antes de partir…

Se na túa mochila son imprescindibles cando menos un par de libros…

Se o teu é viaxar desde o sofá, sen gastar un peso…

 

… Na biblioteca Ágora ofrecémosche esta selección de cerca de 150 libros que te poden interesar:

 

 

Libros  de viaxes que chegan a todos os recunchos do mundo: dos territorios mais afastados e exóticos de Oriente ou Oceanía ás cidades máis modernas e trepidantes de Europa ou América do Norte; dos desertos máis agrestes de África ás altas e xélidas latitudes polares; das altas cumes do Everest á impenetrable selva amazónica…

 

 

 

 

 

 

 

 

[Podes facer clic nas portadas para +info]

Libros escritos por intrépidos homes e mulleres que lanzándose á aventura penetraron nos lugares máis recónditos e inexplorados do mundo.  Novelas sobre grandes expedicións científicas, como a que partiu da Coruña para estender a vacina da varíola por todo o mundo. Relatos dalgúns dos mellores reporteiros do século XX que se achegaron a culturas alleas sempre dispostos a aprender delas…

 

 

 

 

 

 

 

Narracións de viaxes de recoñecidos escritores e escritoras ávidos de coñecer o mundo que te sorprenderán en outras facetas moi diferentes ás literarias; biografías de mulleres de gran carácter que romperon estereotipos da súa época e viaxaron a lugares moi afastados acadando grandes metas. Cómics que contribúen nas súas viñetas a paixón pola aventura  e o afán de coñecer…

José SaramagoRyszard KapuscinskyV.S. NaipaulStendhal,Paul TherouxAgatha ChristieRobert Luis StevensonArthur Conan DoylePaul Bowles, Javier ReverteBeryl MarkhamKaren BlixenJavier Moro,Eduardo GaleanoRoger Casement… son algúns dos autores e autoras representados entre os títulos seleccionados, algúns dos cales poderás atopar na guía de lectura que aquí te ofrecemos

Guía de lectura “Viaxes de papel”

Xa Sabes! Este verán non te quedes sen viaxar:

Sen estrés nin apuros, colas, maletas, atascos… Sen sufrir o jetlag, nin as cancelacións de vós…

A uns minutos da túa casa. No que te leva achegarte á biblioteca podes ir aos lugares máis recónditos do mundo.

Non perdas esta oportunidade!

 

Entrega de premios I Concurso de Microrrelatos Grupo Dado

Este martes, 23 maio, tivo lugar no Auditorio do Ágora a Gala de entrega de Premios do Concurso de Microrrelatos do GrupoDado.

Grupo Dado está formado polos clubs de lectura destes centros de ensino secundario e público de A Coruña: IES Agra IIES ElviñaIES Monte das MoasIES MonelosIES Rafael Dieste e IES Zalaeta. O longo do ano, os alumnos e profesores destes centros traballaron os microrrelato nas aulas e nos clubs de lectura de cada centro. Os alumnos escribiron os seus sorprendentes textos e enviaron os mais destacados ó concurso.

A gala, presentada polos alumnos de 2ª ESO do IES Zalaeta, foi combinando a lectura dos microrrelatos coa actuación do grupo musical Black,  dirixido por Iria Mejuto, que acompañada ó piano por Iago Mouriño, fíxonos vibrar ó ritmo do  soul.

O xurado estivo composto polos escritores Arantza Portabales e Antonio Manuel Fraga Allegue, o editor e libreiro, Pablo Zaera Silvar, o coordinador dun blog de relatos multilingües Shimanto Reza, e a directora Bibliotecas Municipais da Coruña Isabel Blanco.

Non foi fácil para os miembros do xurado a decisión. Todos eles destacaron a creatividade de todos os relatos e o dominio da técnica narrativa dalgúns deles. E é que hai un gran potencial literarios nestas novas xeneracións!!:

“Me ha sorprendido el manejo de las estructuras. El  del lenguaje viene después, pero saber hacer esa estructura, eso se tiene o no se tiene. Es intuición pura”

Arantza Portabales

 “En muchos veo una buena construcción de la historia lo cual es de destacar ya que muchos superventas no les llegan ni a la suela de los zapatos en este aspecto”

Pablo Zaera

Na categoría A, á que se presentaron alumnos de 1º e 2ª da ESO, o gañador foi o relato Dispara, de Paula  Salgada Torres, do IES Agra do Orzán.  Carlos Infante, con Non te fíes de ninguén levou o segundo premio.

Na Categoría B, para alumnos de 3º e 4º da ESO e 1ª BAC,  A vida son dous días, de Jonathan Suárez Filgueira, levou o primeiro premio. O segundo foi para Intravenoso, de Xoana García

Nestes links podes consultar os outros relatos presentados ó concurso nas CATEGORÍA A e  CATEGORÍA B

E por último, o gañador do primeiro premio na categoría C, na que se avaliaba mellor escnificación ou presentación mais orixinal do relato, foi para Avións de papel, do Ies Zalaeta. Este Instituto tamén acadou o segundo premio, por Una muñeca muy especial

Parabéns a todos os que participastes neste concurso: profesores e alumnos por todo ese traballo tan ben feito!! Parabéns a Iria pola súa magnífica actuación. Para nós foi un placer traballar con todos vós !! Esperamos volver estar convosco en futuras ocasións!!

 

Soldados de Salamina

O 30 de xaneiro de 1939, o escritor Rafael Sánchez Mazas, fundador e de Falange Española, amigo íntimo de Primo de Rivera, e mais tarde ministro sen carteira durante os primeiros gobernos de Franco,  sobrevivía a un fusilamento colectivo no Santuario de Collell, onde fora conducido xunto a outros prisioneiros do exército republicano, días antes de que as tropas rebeldes culminaran a ocupación de Cataluña. Este relato, ou versións similares do mesmo, circulou en periódicos, entrevistas e memorias durante os primeiros anos do franquismo, e foi recollido nunha filmación que apareceu nun dos primeiros noticiarios de posguerra

Este episodio, real, será o punto de partida de Soldados de Salamina, unha obra na que conflúen con harmonía diferentes modalidades narrativas: biografía, historia, reportaxe, relato oral, autoficción, novela… todas elas perfectamente engarzadas de tal xeito que é difícil saber ás veces onde termina a realidade e comeza a ficción.

Na súa “vertente” máis real, Soldados de Salamina fálanos da biografía  do escritor e fascista Rafael Sánchez Mazas, da súa obra literaria e do papel que desempeñou na fundación de Falange Española. E reflexiona sobre ós motivos que levan ós homes a violencia o más exactamente de los motivos que indujeron a un puñado de hombres cultos y refinados que fundaron Falange a lanzar a su país a una orgía de sangre”.

Pero o episodio que mais interesa a Cercas é o momento no que, tras escapar do fusilamento, agochado entre matogueiras, é descuberto por un soldado republicano que lle perdoa a vida, permitíndolle fuxir. Sobrevivirá no bosque durante varios días, axudado por tres desertores do esborrallado exército republicano, á espera da chegada do exército vencedor. Este momento dará paso á parte mais ficticia da novela, a que presenta a outros personaxes nin vitoriosos nin afortunados, pero que constitúen os verdadeiros heroes, os verdadeiros “soldados de Salamina”: os tres amigos do bosque, e moi especialmente Antonio Miralles, representante de todos aqueles que padecen as guerras ideadas por outros e que ó final son capaces dunha actitude moito mais digna e humana.

frame-soldados-trailer

Diego Luna, interpretando a Miralles, na película de David Trueba

Por outra banda, o aspecto quizais mais destacado da obra, o que a fai mais orixinal,  é a forma en que está construída a narración, a estratexia utilizada para facela avanzar: dende o momento en que Sánchez Ferlosio, revela a Javier Cercas (ou un escritor que comparte con Javier Cercas nome e apelido) o relato do fusilamento do seu pai, este emprende unha trepidante investigación na busca do soldado que no Collell salvou a vida do falanxista, responsable a fin de contas de tantas mortes anónimas, para poder preguntarlle por qué o fixo. Esta investigación, que avanza entre cartas, chamadas telefónicas, entrevistas, consultas en arquivos… arrastra ó escritor dende a curiosidade ata a obsesión, duda e desesperación, para acabar concluíndo que a pregunta non ten resposta, quizás porque o verdadeiro heroe non teña interese en ser recoñecido como tal

Para mais información, podes consultar o dossier Soldados de Salamina ou descargalo en pdf

portada-dossier-001

A Segunda Guerra Mundial na Biblioteca Ágora

A Segunda Guerra Mundial foi o maior conflito bélico da historia. Con mais de sesenta millóns de mortos, estivo marcada por feitos de enorme transcendencia, que incluíron o Holocausto (Shoah en hebreo) e a utilización por primeira vez na historia de armas nucleares.

Esta inmensa traxedia deixou unha fonda pegada no mundo da cultura. A bibliografía sobre o tema é inabarcable e non deixa de medrar: libros de historia, películas, obras literarias… saen constantemente ó mercado para tratar de entender este episodio tan terrible da historia da humanidade.

cartel-2gm-pequeno

Na Biblioteca Ágora, dende febreiro ata maio, no espazo Os mellores de … poderedes atopar unha selección de mais de 130  documentos dispoñibles nas nosas bibliotecas  que dende diferentes puntos de vista abordan o conflito

Estudos históricos: transcorridos máis de 70 anos dende o fin da guerra, esta continúa a ser obxecto da mirada dos historiadores, que abordan o tema dende novos puntos de vista, do cotiá, do día a día, ou ofrecen novas interpretacións de conxunto baseadas nas fontes documentais, agora accesibles, dos países do leste.

Testemuños das vítimas, que moitas veces en forma de diario deixaron por escrito os terribles acontecementos que truncaron as súas vidas, trasladándonos os seu medos, penurias, e tamén as súas ilusións e esperanzas. Todos eles son unha fonte imprescindible para coñecer o tema e achegarse a el dende o punto de vista das vítimas.

Narrativa: A transcendencia do conflito converteuno nun tema literario de primeira orde, ó que recorrerán unha e outra vez escritores de todo o mundo. Relatos sobre o derrubamento da orde social europea e o ascenso dun novo poder que acabará levando a Europa e a todo o mundo ó maior dos conflitos da historia. Historias sobre o holocausto, inquietantes, aterradores, que nos achegan ás zonas mais escuras da alma humana. Sempre flotando no aire a pregunta sen resposta de Como foi posible que sucedese todo isto? Nestes últimos anos, o nazismo e a Alemaña nazi convértense tamén no marco de novelas de intriga e aventura que, sen afondar nas razóns do conflito, veñen a confirmar o profunda pegada que estas páxinas da nosa historia deixaron na cultura occidental.

Documentais:  As melloras técnicas no mundo do cine, o interese dos exércitos con fins propagandísticos ou doutras persoas por deixar testemuña do horror, permitiron dispor de multitude de imaxes orixinais da que foi a primeira  guerra documentada en imaxes. O documental ofrécenos unha crónica dos acontecementos, pero tamén aporta unha análise que nos permite comprender eses feitos mellor e, especialmente, vivilos dun xeito máis real, case a través dos ollos dos protagonistas, nun formato entretido e fácil de seguir.

Cine: Poucos eventos históricos teñen sido tratados con tanta frecuencia e con tanta calidade polo cinema. Dende as primeiras películas, realizadas en plena guerra, cunha forte carga propagandística, ata o presente, foron moitos os grandes directores que dende os máis variados puntos de vista nos deixáron a súa visión do conflito. Películas sobre o Holocausto, as grandes batallas, submarinos, a vida na retagarda, espías, as orixes… Nesta mostra e guía, tés unha escolma do que podes atopar nunha biblioteca

Cómic: Un fito importante na historia do cómic foi a publicación de Maus. Por primeira vez se aborda nun medio popular o tema mais solemne que deixou o século XX: a Segunda Guerra Mundial.  Algo estaba cambiando na consideración desta forma de escritura, e moitos outros autores están aí para aproveitalo. Nós ofrecémosche algúns exemplos

E por úlitimo, conscientes da enorme atracción que este capítulo tan gris da historia exerce sobre a público xuvenil, seleccionamos tamén algúns títulos especialmente recomendados para estes lectores. Algúns deles, protagonizados por rapaces ou rapazas ós que lle tocou  vivir este tráxico momento, e que se converteron có paso do tempo en auténticos clásicos do xénero.

Na guía de lectura que aquí te presentamos, podes atopar unha selección dalgúns dos títulos mais significativos desta mostra 

Guía de Lectura da Segunda Guerra Mundial

portada-guia

Aquí podes desargar a Guía en pdf

E se queres saber mais  sobre a guerra e a Shoah, podes consultar as seguintes páxinas webs que ofrecen unha información detallada e contrastada:

Memorial de la Shoah = Muséee, Centre de Documentation Juive Contemporaine

United States Holocaust Memorial Museum = Museo Nacional de la Memoria del Holocausto de Estados Unidos.

Yad Vashem: Centro Mundial de Conmemoriación de la Shoa: Museo do Holocausto en Israel.

USC Shoah foundation (University of Southern California Shoah Foundation)

Museo de Ana Frank = Museo de Ana Frank (Amsterdam).

 

Xa sabes!! Achégate a Biblioteca Ágora, de febreiro a maio, para levar en préstamo os libros da Mostra sobre a Segunda Guerra Mundial. E non deixes de consultar a nosa Guía de Lectura na que están representados os títulos mais representativos desta mostra.

Xabier Quiroga e A Ruta das ratas

O longo destes últimos anos algúns autores galegos, como Antón Riveiro Coello,  Francisco X. Fernández Naval, ou mais recentemente Ledicia Costas e  Alberto Canal,  publicaron novelas moi intensas, desoladoras ás veces, sobre grandes traxedias vividas no contexto da Segunda Guerra Mundial e a atrocidade do nazismo:  Laura no desertoA noite branca, Un animal chamado néboaO amor nos escuros días de Birkenau

Outros, como  Pedro Feijóo, en Os fillos do mar ou  Carlos Reigosa, en A vinganza do defunto investigaban nas súas publicacións a presenza dos nazis en Galicia. É o caso da úlitma novela de Xabier Quiroga, Izan o da saca, Premio San Clemente 2016 na categoría de Lingua Galega, que tivemos oportunidade de compartir no Club de Lectura do Ágora do Mércores.

composicion2   izan-con-marco

 

A partir da investigación que un político e empresario galego encarga a Reina, taxista  e investigador privado que aparecera xa en O cabo do mundo, Xabier Quiroga constrúe unha narración trepidante sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a “Ruta das ratas”, o entramado organizado polos xerarcas do Terceiro Reich para permitir a fuga de nazis desde Europa a América do Sur, no seu paso polo noroeste da Península Ibérica, en concreto pola Ribeira Sacra.

A novela móvese entre dous tempos diferentes: o momento actual, no que Reina leva a cabo a investigación, e a posguerra, na que tiveron lugar certos acontecimentos verídicos nos que se enmarca a acción, e  que vinculan a Galicia coa Alemania de Hitler. A forte presenza dos alemáns nas explotacións mineiras de volframio e ferro utilizados para a fabricación de armamento; a instalación das Torres do Arneiro, que facilitaban a localización dos submarinos alemáns; a utilización dos portos galegos, especialmente Vigo, como punto de saída dos U-Boot, ou o constatado refuxio dalgúns dirixentes nazis, como Walter Kutschmann en Galicia na súa fuxida cara a Arxentina… son algúns dos datos cós que Reiniña se vai atopando no desenvolvemento da súa procura.

volframio

Moitos elementos fan desta novela unha lectura altamente recomendable: O desenvolvemento da trama, que atrapa desde o primeiro momento;  a elaborada caracterización dos personaxes, algún deles engaloiantes de principio a fin (Loliña, o mestre Armando, Lelia…); o dominio da linguaxe nos diferentes rexistros utilizados; as reflexións do protagonista sobre os movementos sociais e o panorama político actual, ou a propia estructura da obra, composta a partir de varias pezas que encaixan ó final para darlle sentido ó conxunto.

No escuro todo é pecho. Abres os ollos e non ves, queres falar e non das, intentas moverte e non podes. Unha mordaza tapa a túa boca e estás atado de pés e maos. Por riba, sabendo como sabes que non hai nada que poidas facer, tés a alma, ou ese inefábel hálito que te envolve, agarrada como por unha man de anguria…

Xabier Quiroga (Saviñao, 1961), deuse a coñecer como autor de narrativa con Atuado na braña, unha obra extensa pola que recibiu o Premio Losada  Diéguez 2002. Reapareceu cunha novela de formato máis breve Era por setembro, 2004, a que seguirán (2006),  O Cabo do Mundo, (2009), e Zapatillas rotas (2014) polas que obtivo o Premio da Crítica 2010 e 2014. Izán o da saca (2015) é a súa última novela.

No dossier que adxuntamos podes atopar mais información sobre o autor e a súa obra:

portada-izan

Aqui podes descargar o pdf

Arrincamos, queeruñxs!

twitter

Xa volo adiantábamos en xuño cunha “presentación en sociedade” na Biblioteca do Forum Metropolitano. As Bibliotecas Municipais propuxémonos camiñar da man dun novedoso proxecto: O Club de lectura Queeruña, o primeiro club LGTBI de Galicia. Un club que, como ben manifestan desde o seu propio blogue, “nace do afán dun grupúsculo que pensamos -como Jeanette Winterson, autora da nosa primeira lectura- que hai libros que salvaron as nosas vidas, e por iso é necesario compartilos”. Só apto para esxs lectorxs (queers e non queers, claro está) amigxs do diferente: novelas, poesías, cómics e películas que rebasan o discurso binario e chegan dispostas a abrir liñas de debate tan alternativas como necesarias.

Os encontros comezan este mércores 26 de outubro ás 18:30 h na Biblioteca Ágora. As primeiras conversas partirán da lectura dunha obra que nos marabilla: El azul es un color cálido, cómic no que se baseou a adaptación cinematográfica La vida de Adèle.

agenda-urbana-elazulesuncolorcalido-h

El azul es un color cálido é unha fermosa novela gráfica que narra a historia de amor entre dúas rapazas a través de viñetas cargadas de emocións, paixón e desasosego. 

Para os seguintes encontros (os últimos mércores de cada mes) e antes de despedir o 2016, traballaranse outros dous títulos de calidade: A Esmorga (todo un clásico da literatura galega) e Ten o seu punto a fresca rosa, unha novela da nosa paisana Mª Xosé Queizán tan controvertida como trepidante.

m

Consulta a dispoñibilidade dos materiais propostos polo Club no Cascarilleiro, o catálogo das Bibliotecas Municipais de A Coruña.

Para 2017 barállanse varios títulos, pero xa que este club nace como algo familiar e vivo que evoluciona coas persoas que o conforman, as suxestións sempre son benvidas. Ben polo twitter @clubqueerunha ou vía mail clubdelecturaqueerunha@gmail.com podes enviarlles as túas preferencias ou ampliar a información sobre a súa andaina.

Semella que a cousa empeza ben, non? Pois ainda estás a tempo de anotarte e comprobar o que estas xuntanzas poden dar de si. Preme aquí  se ademais dunha boa lectura, queres facer amigxs, divertirte e compartir opinións e experiencias. O libro, coma sempre, só é o punto de partida. Esperámosche!

Forever Young

O 14 de outubro saía en prensa unha noticia que causou gran sorpresa no mundo das letras e da música: A Academia Sueca concedía o Nobel de Literatura ao cantautor estadounidense Bob Dylan “por crear unha nova expresión poética dentro da gran tradición americana da canción”, segundo expuxo a secretaria permanente da Academia Sueca, Sara Daniues.

foto1-1

Dende ese momento moitos foron os comentarios en redes sociais, diarios, e blogs, sobre a conveniencia ou non de outorgar o galardón literario de maior prestixio a nivel internacional a un autor máis coñecido pola súa faceta musical que literaria. E aínda que houbo algunhas voces críticas, os parabéns ao autor e á academia por abrirse a novas formas de literatura non se fixeron esperar

             “Para min é como poñer unha medalla ao monte Everest, á montaña mais alta”.

Leonard Cohen:

                      Parabéns a un dos meus poetas favoritos, Bob Dylan, por un ben merecido Nobel”.

Barack Obama

                    Desde ayer, nuestro mundo ha quedado elevado a la categoría de alta cultura, y eso está bien

Joaquín Sabina

Nos Clubs de Lectura da Biblioteca Ágora escollimos algúns dos seus poemas para achegarnos a este gran autor. Non foi fácil a selección, porque hai moito, moi variado, e sobre todo moi fermoso na extensa obra de Dylan: os himnos protesta dos primeiras 60, a rabiosa denuncia da discriminación racial de Hurricane, as cancións de amor e desamor,  o lirismo simbólico de Desolation Row, o surrealismo de Mr. Tambourine Man… Cada un dos seguidores de Dylan terá a súa propia e interminable lista de cancións imprescindibles. Para nós o importante era achegarnos á súa faceta de poeta. E seguro que a partir de agora acabaremos tamén confeccionando as nosas propias listas de títulos imprescindibles.

Neste dossier que adxuntamos podedes atopar máis información, e ler algúns dos temas escollidos

Dossier Bob Dylan

Dossier Bob Dylan

E recordade que nas Bibliotecas Municipais da Coruña poderedes atopar ós seus discos, as súas letras, biografías, libros infantís, documentais e películas de ficción sobre o autor.