Arquivo do blog

Bella muerte, de Kelly Sue DeConnick e Emma Ríos

Un ano máis, Viñetas desde o Atlántico pecha as súas portas. O festival de banda deseñada da cidade da Coruña leva celebrándose no mes de agosto desde o ano 1998, o que lle supón ser o máis importante de Galicia e un dos máis salientables de España.

Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais levamos dous anos facendo a nosa particular homenaxe ao festival, incluíndo como mínimo un cómic nas nosas lecturas. Este ano tocoulle a Bella muerte, de Kelly Sue DeConnick e a galega Emma Ríos.

Nesta obra, as autoras parten dun western clásico e rematan construíndo unha historia inesperada e sorprendente, combinando o realismo máxico de Sandman coa brutalidad de Predicador, tal e como din desde a propia editorial, Astiberri Ediciones.

Bella muerte foi nominada en 2014 a varios premios Eisner, os Óscar dos cómics: Sue DeConnick como mellor guionista, Emma Ríos por mellor lapis/entintado e mellor portada, e Jordie Bellaire na categoría de mellor cor, algo que sorprendeu moito a ambos clubs xa que non sabían que o debuxo e a cor podían ser feitas por diferentes autores.

Ademais de desfrutar desta obra, puidemos achegarnos máis á vida de Emma Ríos a través da seguinte reportaxe e a entrevista final, o que nos achegou algo máis ao mundo do cómic.