Arquivo do blog
Día de Rosalía 2015
A Asociación Escritoras-es Lingua Galega (AELG) promove dende o ano 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, do Día de Rosalía.
Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía!” e convida os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizar actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicalo ao resto do mundo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…“.
Todas aquelas persoas que vos animedes a realizar o vídeo ou que queirades expresar o voso sentir pola obra de Rosalía, podedes difundilo tamén en redes sociais utilizando o cancelo #EuSonRosalía.
Ademais, na Biblioteca Municipal Ágora realizarase unha lectura pública de textos rosalianos o martes 24 de febreiro ás 19.00 horas. Animámosvos a que vos acheguedes á biblioteca a celebrar connosco o Día de Rosalía e convidámosvos a participar coa lectura dalgunha das súas obras.
Ata entón, eu despídome cuns versos de Rosalía:
“Ben sei que non hai nada
novo embaixo do ceo,
que antes outros pensaron
as cousas que hora eu penso.
E ben, ¿para qué escribo?
E ben, porque así semos,
relox que repetimos
eternamente o mesmo”
Premios AELG2013
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, escrita científica, traducións…
Foi fundada no ano 1980 por algúns dos escritores máis sobranceiros da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta, entre outros.
A AELG destaca por ser un dos órganos instituídos pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel. Forma parte do European Writers’ Congress.
Como cada ano a AELG ven de entregar os seus premios. Nesta ocasión foi o centro Ágora da Coruña quen acolleu a Gala das Letras o pasado sábado onde se deron a coñecer os galardóns deste ano.
Entre os premiados destaca a novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño que se está a apousentar como unha das obras máis exitosas das nosas letras no último ano.
Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos. Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?
Canda ela Ana Romaní levou o premio ao xornalismo cultural, Ledicia Costas o da literatura infantil e xuvenil con O corazón de Xúpiter, e Franciso Pillado o de teatro pola súa coordinación no volume colectivo Banqueiros. Darío Xohán Cabana foi recoñecido pola súa tradución o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas de Petrarca, mentres que o premio de Poesía foi Ex-Aequo para Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal,Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro.
Non esquezas que moitas destas obras podes atopalas nas Bibliotecas Municipais da Coruña.