Arquivo do blog
Arrincamos, queeruñxs!
Xa volo adiantábamos en xuño cunha “presentación en sociedade” na Biblioteca do Forum Metropolitano. As Bibliotecas Municipais propuxémonos camiñar da man dun novedoso proxecto: O Club de lectura Queeruña, o primeiro club LGTBI de Galicia. Un club que, como ben manifestan desde o seu propio blogue, “nace do afán dun grupúsculo que pensamos -como Jeanette Winterson, autora da nosa primeira lectura- que hai libros que salvaron as nosas vidas, e por iso é necesario compartilos”. Só apto para esxs lectorxs (queers e non queers, claro está) amigxs do diferente: novelas, poesías, cómics e películas que rebasan o discurso binario e chegan dispostas a abrir liñas de debate tan alternativas como necesarias.
Os encontros comezan este mércores 26 de outubro ás 18:30 h na Biblioteca Ágora. As primeiras conversas partirán da lectura dunha obra que nos marabilla: El azul es un color cálido, cómic no que se baseou a adaptación cinematográfica La vida de Adèle.

El azul es un color cálido é unha fermosa novela gráfica que narra a historia de amor entre dúas rapazas a través de viñetas cargadas de emocións, paixón e desasosego.
Para os seguintes encontros (os últimos mércores de cada mes) e antes de despedir o 2016, traballaranse outros dous títulos de calidade: A Esmorga (todo un clásico da literatura galega) e Ten o seu punto a fresca rosa, unha novela da nosa paisana Mª Xosé Queizán tan controvertida como trepidante.

Consulta a dispoñibilidade dos materiais propostos polo Club no Cascarilleiro, o catálogo das Bibliotecas Municipais de A Coruña.
Para 2017 barállanse varios títulos, pero xa que este club nace como algo familiar e vivo que evoluciona coas persoas que o conforman, as suxestións sempre son benvidas. Ben polo twitter @clubqueerunha ou vía mail clubdelecturaqueerunha@gmail.com podes enviarlles as túas preferencias ou ampliar a información sobre a súa andaina.
Semella que a cousa empeza ben, non? Pois ainda estás a tempo de anotarte e comprobar o que estas xuntanzas poden dar de si. Preme aquí se ademais dunha boa lectura, queres facer amigxs, divertirte e compartir opinións e experiencias. O libro, coma sempre, só é o punto de partida. Esperámosche!
Club de lectura Queeruña: o privilexio de ler sen etiquetas
Para moitos as siglas LGTBQ non significarán nada. Para outros tantos son un símbolo de identidade, liberdade, dereitos e respecto. Dende o meu parecer, tamén de amor e valentía. Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais. ” E o Q do final, que diantres…?” Queer, of course. Unha palabra que en inglés significa raro, invertido, desviado. Comezou sendo un termo de estigmatización que se empregaba para falar dun xeito despectivo da comunidade LGTB e de toda sexualidade que non estivera dentro da “normalidade” heterosexual. Foi a principios dos noventa cando certo sector da poboación LGBT sentía que a dirección que tomara o movemento non os incluía e só daba visibilidade a certo tipo de persoas gai. Entón decidiron apropiarse da palabra queer e convertela naquela que identificaría unha nova corrente do movemento na que o sexo e o xénero son unha construción. Un termo común para todas aquelas persoas que non se senten incluídas na forma tradicional coa que se definen as relacións (LGBT, pansexuais, intersexuais, asexuais, poliamorosos…)
Así o define Judith Butler, unha das “nais” do movemento:
“O meu entendemento da palabra Queer é o dun termo que desexa que non teñas que presentar un cartón de identidade antes de entrar nunha reunión. Os heterosexuais poden unirse ao movemento queer. Os bisexuais poden unirse ao movemento queer. Queer non é ser lesbiana, non é ser gai. É un argumento contra a especificidade: se son lesbiana teño que ser de tal modo. Ou se son gai teño que desexar de certa maneira. Queer é un argumento en contra de certa normativa, do que unha adecuada identidade lesbiana ou gai constitúe”.
A teoría parécenos fantástica, vale… pero… e a práctica? Que podemos facer desde a nosa esquiñina para visibilizar realidades? As bibliotecas somos quen de darlle un empurrón á corrente crítica? Somos, claro. As municipais tamén “entenden”. Non se trata de institucionalizar movementos, senón de que as institucións se movilicen. Esquecer os códigos establecidos e facer o posible para queimar etiquetas, xerar diálogo e crear comunidade.
Este martes 28 de xuño preséntase o primeiro club de lectura LGTBI de Galicia: o Club de lectura Queeruña. Un club que nace como imán para esxs lectorxs que buscan algo diferente: novelas, poesías, cómic e películas que rebasan o clásico discurso binario, dispostas a abrir liñas de debate tan alternativas como necesarias.
A presentación e primeira sesión terá lugar mañá na biblioteca do Fórum Metropolitano ás 18:30 h. Un encontro informal para falar da dinámica do club de cara ao seu comezo (setembro-outubro) e comentar a primeira das lecturas propostas: ¿Por qué ser feliz cuando puedes ser normal? de Jeanette Winterson. A primeira dunha escolma de calidade na que se inclúen libros que son pura controversia, como Testo Yonqui, ou películas tan humanas como La vida de Adèle, baseada na ultracoñecida novela gráfica “El azul es un color cálido”.

Podes atopar todo o material proposto polo Club Queeruña no Cascarilleiro, o catálogo das Bibliotecas Municipais de A Coruña
Paréceme unha parvada aclarar que o feito de que a temática queer sexa un fío condutor non debe facer pensar axs lectorxs que é un club só para LGTBI, pero haberá que puntualizalo por se alguén xa ten pensado que vai dirixido a un público concreto e non vai ser quen de disfrutalo (xa mencionei liñas máis arriba que as etiquetas só serven para ser queimadas).
Para rematar, non me queda máis que animar a todxs xs que nos len a que deixen os prexuízos na casa e formen parte desta interesante iniciativa. Para saber máis detalles sobre o como, cando e onde, visita o seu blog ou segue os seus chíos en Twitter. Fuck normality!
A cociña de Banana Yoshimoto
A cociña como elemento conciliador e de reunión serviunos como espazo metafórico literario no que reunirnos o pasado martes 2 de Xullo na Biblioteca de Ágora. Coma se for unha cociña na que tradicionalemente sentamos a compartir, reunirnos, á carón da lareira ou dunha vitrocerámica, coa xente da que somos parte ou coa familia inventada. E neste caso a familia fomos nós, parte viva das Bibliotecas Municipais onde se unen experiencias e aprendizaxes, participantes dos diferentes Clubs de Lectura en marcha en Rosales, Monte Alto, Castrillón e Ágora.
A nosa intención con esta sesión especial non era outra que participar das actividades organizadas ao redor do Orgullo LGTBq 2013 baixo o lema #asMunicipaisEntenden. Para tal, organizamos unha reunión con toda a xente que participa nos diferentes Clubs de Lectura en marcha nas Municipais e convocámolos a unha sesión especial con sede na biblioteca de Ágora. Unha ocasión de celebrar a diversidade con diversidade de opinión, con diversidade de participación, e con diversidade de expresión.
A cociña nas súas diversas formas de ser entendida pode incluso considerarse o eixo vertebrador dunha novela como Kitchen, sinxela, sin presuncións, coa profundidade de quen ve mais non termina de sentir porque o presente vaise polas maos sin poder collelo nunca, sen evitar vivir nun pasado permanente que nos permite analizalo mais non deletrear a palabra “agora” sin que ao facelo non sexa xa parte do antes e non do “xa”. A cociña como espazo do fogar, como refuxio do corpo; a cociña como acto, como refuxio da mente.
A vida de Yuichi e Mikage, dous xóvenes xaponeses rodeados pola soidade e a morte, como eles mesmos din, repousa nunha quietude do deixarse levar polo cotiá. Eriko, a nai-pai de Yuichi, é unha presenza que fía as súas vidas cun espíritu positivo, e sin deixar entrever o por qué do seu cambio de sexo. A partir de ahí, Banana Yoshimoto constrúe un relato sin grandes artificios, sin grandilocuencias, un fluir de sentimentos que acompañan a uns personaxes que proxectan as súas soledades e crecen arredor dos seus propios duelos.
Mais quizais nesta sesión, o símil da cociña como punto de reunión é o que nos queda, unha reunión entre o diverso de nós mesmos, un achegamento entre todas as persoas que comparten o gusto dal lecturas comentadas nas Bibliotecas Municipais, e un reflexo da normalidade coa que se vivimos o colectivo LGTBq na maioría, por sorte, dos casos.
Grazas a todos por vir!