Arquivo do blog

IlustrArte na Biblioteca Forum

Cartel IlustrArte_sen actividades-001

A Real Academia de Belas Artes, vén de declarar o 1 de abril o Día das Artes Galegas, este ano adicado a Castelao. Porén quixemos rendirlle unha pequena homenaxe ó máis célebre dos nosos ilustradores cunha mostra adicada aos ilustradores galegos, na que atoparedes unha pequena selección do traballo de moitos destes artistas.

E é que xa o dicía Manel Cráneo:

“Dedicarse á ilustración en calquera dos seus afluentes foi sempre unha opción ligada á incomunicación debido ao illamento que supón traballar por conta propia…”.

Entre abril e xuño na Biblioteca do Fórum Metropolitano atoparedes unha mostra bibliográfica e unhas actividades coas que pretendemos dar maior visibilidade a estes profesionais, destacando a labor levada a cabo pola AGPI, que leva dende o 2003 procurando crear “conciencia de grupo e polo tanto de non traballar na soidade”.

Nestes meses tamén estarán presentes datas sinaladas, como o día do Libro Infantil e Xuvenil, o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, ano adicado a Manuel María.

Ilustradores de antes e de hoxe, reunidos nesta pequena selección e que podedes atopar nos fondos das Bibliotecas Municipais da Coruña. 

 

Actividades dentro da programación da mostra “IlustrArte”

Cartel IlustrArte_con actividades

.: Obradoiro-Creativo “Os Pelelliños” con Anxo Fariña
20 de abril ás 18:30h. (para nenos de 4-6 anos) Require inscrición
Obradoiro de ilustración para estes máxicos personaxes da man do seu creador, inventar novas historias e deseñar novos pelelliños cunha chea de debuxos e risas.

.: Ilustrando coa Escola Pablo Picasso
27 de abril a partir de 11:00h. (para todos os públicos) Entrada libre
Ilustrando en directo cos profesores Mario e Clara e os alumnos do módulo de Ilustración da Escola Pablo Picasso

.: Ilustrando Ando con Irene Sanjuán
11 de maio ás 19.00h. (para todos os públicos) Require inscrición
Clase maxistral de Ilustración con Irene Sanjuán

.: “A casa de Manuel María” con Teatro Babaluva
18 de maio ás 18:00h. (para nenos de 5-12 anos). Require inscrición
Coñeceredes o mundo poético de Manuel María e o recrearedes ao voso xeito nun libro despregable

.: Faladoiro con Antonio Seijas
8 de xuño ás 19:00h. (para todos os públicos) Entrada libre
Antonio Seijas falaramos dos seus álbumes e amosará imaxes de moitos dos seus traballos

Podedes seguir todas as noticias relacionadas con esta mostra co hashtag #IlustrArte

 

A ilustración galega na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

A Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña súmase á celebración, por primeira vez, do Día da Ilustración en Galicia. Esta celebración está promovida pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura, e como tal aparece recollida no Calendario do Libro e da Lectura do ano 2014.

A data escollida, o 30 de xaneiro, coincide co nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura senxeira da nosa cultura e debuxante, polo que a data acae moi ben para destacar a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, sobre todo si pensamos na literatura infantil e xuvenil, e tamén para poñer en valor este sector e os profesionais que traballan nel.

Porque en Galicia temos grandes profesionais da ilustración, artistas consolidados e premiados co merecido recoñecemento a nivel nacional e internacional, e novos valores que permiten pensar nun brillante futuro.

Desde as bibliotecas municipais queremos render unha pequena homenaxe a estes grandes artistas mediante unha pequena mostra bibliográfica da que podemos salientar títulos como “O coelliño branco” ilustrado por Óscar Villán, “Cidades” ilustrado por Pablo Otero “Peixe”, “O peizoque Roque” ilustrado polo betanceiro Xosé Tomás, “Venres” con debuxos de Dani Padrón, e moitos máis títulos de artistas como David Pintor, Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez, Noemí López, Manuel Uhía, Xosé Cobas, Antonio Seijas, Marina Seoane, Manel Cráneo, etc…

 Se queres saber máis da ilustración contemporánea galega, podes facelo na páxina de Gálix ou achegarte o catálogo de ilustradores da AGPI.

Mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

Esta mostra, estará exposta ata o 28 de febreiro na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, pero se queres ir abrindo boca podes botar unha ollada ao noso taboleiro de pinterest onde temos recollidos todos estes títulos.

E xa sabes, no noso catálogo podes consultar estas e máis obras dos ilustradores contemporáneos galegos.

catalogo1