Arquivo do blog

O onte e o hoxe de Balmis: Balmis,todo por un virus

Nestes días nos que a nosa forma de vivir mudou tan de súpeto é normal que nos sintamos algo perdidas. Pero se de algo serve a Historia é para lembrarnos que cousas parecidas xa aconteceron noutros momentos e lugares. tamén a Socioloxía, permítenos saber cómo reaccionaron os habitantes daquelas épocas, neses momentos.

Sen dúbida, nós formaremos parte da Historia.

Estes días temos nas nosas rúas unha operación militar en marcha, moi importante: Operación Balmis. De seguro, que escoitáchedes este nome. Trátase dun operativo millitar que ten como misión principal facerlle frente ó Coronavirus.

Hoxe vamos tratar de achegarvos a historia dese nome, o contexto e o motivo, que por certo está moi relacionado coa nosa cidade.

Ano 1803, está a piques de comezar unha das expedicións máis importantes da nosa historia. A primeira expedición filantrópica pagada polo Reino de España, a “Real Expedición Filantrópica de la Vacuna”.

Esta expedición foi liderada polo  médico militar Francisco Javier Balmis co fin de levar a vacina da varíola ós territorios do imperio español en América e Filipinas (1803-1806). O propósito era acabar coa alta mortandade infantil que o virus estaba causando neses territorios. Balmis contou co apoio económico da coroa, que tiña interés propios,  xa que a propia filla de Carlos IV, a infanta María Teresa, finou a causa de esta enfermidade.

Balmis, non realizou esta fazaña él so,  o acompañaron o catalán José Salvany e por suposto a tan esquecida Isabel Zendal que foi a primeira enfermeira recoñecida en misión internacional e a  única muller que formou parte desta expedición.

Así, o 30 de novembro de 1803 partiu o navío chamado María Pita con 37 persoas dende o porto da Coruña. Destas 37 persoas, 22 eran nenos, orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago, de entre 3 e 9 anos, entre eles tamén iba o propio fillo de Isabel Zendal: Benito Vélez de 9 anos.  A forma de facer chegar a vacina foi  sinxela, pero supoñemos que moi dura para os pequenos: foron inoculados sucesivamente ó longo da viaxe para manter vivo o virus vacunal. Tratábase de elaborar unha “cadea humana”.

Grabado de Francisco Perez

Os resultados da expedición foron un éxito, se ben hai que ter en conta que un dos nenos finou na viaxe e que ningún deles regresou a España. Foron moitas e diversas as traxectorias dos participantes nesta histórica expedición. Pero eso daría para outra entrada no blogue.

Esta expedición foi moi valorada no seu tempo e incluso o propio Jenner, inventor da vacina, ó coñecer a iniciativa dixo: “No me imagino que en los anales de la historia haya un ejemplo de filantropía tan noble y tan extenso como éste”.

Esta expedición que durou 3 anos foi probablemente o primeiro programa oficial de vacinación masiva realizado no mundo, pero tamén tiña, como é lóxico pensar, elementos políticos e formaba parte dun programa de goberno: era un intento do rei Carlos IV de levar os novos avances sanitarios ás súas colonias e controlar o territorio.

Antonio López xunto a estatua adicada a Isabel Zendal na Coruña

Estatua de Isabel Zendal na Coruña

Esta parte da historia foi recuperada por varios/as escritores, directores de cine, historiadores, así como pola nosa cidade que recentemente adicou unha rúa a Isabel Zendal.

Tamén,  periodistas de renome  como Antonio López están a facer unha magnífica laboura de investigación e difusión de este persoaxe e do seu papel tan importante nesta parte da Historia.

 

Na cidade a historia da Expedición Balmis está moi presente, como última anécdota relacionada con esta parte da historia e da nosa cidade, sabíades que na Domus temos o balcón dos nenos da varíola??

 

 

 

Nas nosas bibliotecas podedes atopar diferentes materiais que profundizan neste tema. Aquí vos deixamos varios exemplos:

Non podemos deixar de facer mención ó último libro escrito por Antonio López: “Isabel Zendal Gómez en los Archivos de Galicia” que tamén tendes nas bibliotecas formato papel e que tendes dispoñible en formato dixital, na web do Parlamento de Galicia, moi apropiado para estes días de confinamento.

 

 

 

 

 

 

 

Esperamos que descubrirades algo da historia de eses homes, mulleres e nenos que tamén foron heroes no seu momento, que tamén salvaron vidas e tamén superaron moitas adversidades e momentos complicados semellantes ós que estamos a vivir nós.

Saúde e vémonos pronto nas Bibliotecas pero polo de agora lembra:

#EUQUEDONACASA

 

Catálogo das bibliotecas municipais