Arquivo do blog

O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz

 E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor

                                                                                            Orhan Pamuk: Neve

Agustín Fernández PazEste libro foise facendo durante varios anos, pero estes contos teñen un fío común que lle da a unidade ao conxunto.

Todos falan da importancia do amor, ese sentimento capaz de transformarnos máis profundamente que calquera outro, e tamén da súa ausencia, do baleiro que deixa nas persoas cando as voltas da vida o fan  imposible.

Pero este libro é para min, un libro sobre a importancia da lectura nas nosas vidas, pois contén unha homenaxe explícita a outros libros que o autor apreza especialmente, e dos cales inclúe fragmentos. Desta maneira provócase no lector o desexo de achegarse a: José Ángel Valente, Paul Auster, Pablo Neruda, Xulio López Valcárcel, W.B. Yates …

Agustín Fernández Paz é uno dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil en Galicia, en España e no extranxeiro. Mestre e licenciado en Ciencias da Educación, desenvolve unha amplia actividad teórica e divulgativa  na promoción lectora.

Gañador de Premios da talla do: Merlín, Lazarillo, O barco de vapor, Martin Sarmiento… Foi recoñecido dúas veces como o mellor autor do ano pola Federación de Libreiros de Galicia e pola Asociación Galega de Editores. A OEPLI acordou designalo como candidato español ao Premio Andersen 2012.

O seu libro O único que queda é o amor, obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil que concede o Ministerio de Cultura de España é foi incluido na IBBY Honour List en 2010.

A petición dos nosos integrantes de “Café con libros” a nosa próxima lectura será unha obra de teatro. Animámosnos con Don Miguel Mihura e os seus “Tres sombreros de copa”.

O único que queda é o amor

O único que queda é o amor, cando desaparecen os seres que amamos, os devecidos, aqueles que fomos seguindo coa ollada soñadora, coa volta atrás dos recordos até chegar a un punto en que se nos perde a memoria, cando xa novos personaxes acabaron por borrar os antigos, cando a casca física do sentimento cae para mudar, só queda o amor.

Este conxunto de relatos do narrador lugués Agustín Fernández Paz fíase a través do amor como leit motiv, pero sempre o amor desde o punto final, o punto da perda, da disolución e da nostalxia, desde a indecisión de quen ve pasar unha muller misteriosa e perfecta pero que non dará ningún paso, até aqueles que relembrar os seus anos de xuventude, os primeiros amores, as decisións tomadas e a marcha dos lugares onde habitaron felices nos anos do espertar sentimental.

Guiados por poemas e citas que gardan relación cos contidos, Fernández Paz achéganos as experiencias dunha manchea de tipos cotiás, de mulleres que son observadas polos ollos das pantasmas que as amaron, ou pantasmas que contan a súa propia historia desoladora, homes covardes que perderon ou que non decidiron ou que decidiron tarde. Todos os narradores esfaragullan a súa historia desde o finado e a nostalxia, asumindo que é pleonástico aquilo de falar de amor mentres se vive o amor, que se garda para logo, para o seu fin ou a súa marcha, a teima de contalo. Pero sempre esperanzadores, os relatos avalían o valor do amor en si mesmo, como algo precioso a vivir e gardar, do que aprender, que perseguir, o único que queda -realmente- cando todo o demais é ido.

Acompañan esta sucesión de relatos sinxelos pero vertixinosos na nosa fame lectora, as ilustracións de Pablo Auladell, que contribúen a esluir os personaxes nesa atmosfera  onírica que xa fan presentir os versos de Valente ou Pahmuk, que da nome ao libro.