Arquivo do blog

Lecturas de Café con Libros 2021. Primeira Parte

Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales as nosas tertulias seguen a ser virtuais pero continuamos a tecer fíos invisibles que nos unen nunha comunidade, nunha tribo, por así dicilo, que comparte o pracer da lectura.

Abrimos o primeiro trimestre do 2021 coa lectura da obra Volver a casa de Yaa Gyasi. A primeira novela da xove de orixe ghanesa reconstrúe a historia dos seus antepasados desde o África esclavista do século XVIII ata o Estados Unidos do século XX. A idea da obra xorde nunha viaxe que a escritora fai ao seu país de orixe, onde visita o castelo de Costa do Cabo, no que se apiñaban miles de africanos antes de ser vendidos como escravos. O argumento centrase nas personaxes de Effia e Esi, dúas irmás de sangue que nunca chegarán a coñecerse. A obra estrutúrase a través dunha ducia de personaxes, cada un protagoniza un capítulo cun pano de fondo histórico distinto, incluíndo datas e acontecementos de cada período. A través das súas páxinas coñecemos as guerras tribais, a chegada dos misioneiros ao país africano, a lei de escravos fuxitivos de 1850, pasando polas minas nas que tras a Guerra de Secesión os negros cumprían condenas por delitos inventados ; das rúas de Harlem ás aldeas subsaharianas; da epidemia do crack no Nova York dos oitenta, ao nacemento do movemento de independencia na Costa do Ouro. Toda unha leccion de historia.

Esta novela serviunos de catalizador e sen darnos conta entramos de cheo no mes de febreiro, o mes por excelencia no que réndese homenaxe a xeracións de afroamericanos que loitaron contra a adversidade para lograr a plena cidadanía na sociedade estadounidense, o Black History Month. Que mellor maneira de sumarnos a esta celebración que a través dunha mostra bibliográfica, na que poderedes atopar unha coidada selección de novelas, cómics, películas e cds de música que abordan a historia do pobo negro.

Se facemos un pouco de memoria, o mes da Historia Negra – Black History Month – é unha conmemoración anual para homenaxear ás persoas afrodescendentes que, aínda hoxe, sofren o racismo institucional e cotián que impera nalgunhas sociedades desenvolvidas. Actualmente, toma unha relevancia especial co auxe dos movementos sociais, por mor da morte de George Floyd e o movemento Black Lives Matter, onde se busca acabar co racismo e a inxustiza social.

A orixe desta iniciativa remóntase ao 1926, cando Carter G. Woodson instituíu nos EEUU a Semana da Historia dos Negros. Elixiuse a segunda semana de febreiro coincidindo cos aniversarios do presidente Abraham Lincoln e do abolicionista Frederick Douglass. A partir de 1976, a semana inicial ampliouse a todo un mes. Na actualidade, o Mes da Historia Negra conmemórase de maneira oficial en Canadá e Estados Unidos en febreiro e en Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido en outubro.

Seguimos tirando do fío e chegamos ao noso recuncho de #Viaxalendo, un pequeno espazo que reservamos na sala de adultos dedicada á literatura dun país, polas nosas estanterías xa viaxamos a Xapón, Irlanda, India ou Portugal. Desta volta no podiamos deixar de dar voz a unha literatura tan rica pero tan descoñecida como a do continente africano. Desde o norte ao sur. Alí poderedes encontrar obras de J.M. Coetzee (Sudáfrica), Jose Eduardo Agualusa (Ángola), Yasmina Kadra (Alxer), Leila Slimani (Marrocos) e tantos outrxs.

Pechamos o círculo literario deste primeiro trimestre con Arenas movedizas de Nella Larsen. A evocadora primeira novela desta autora (1928), a máis autobiográfica, é a historia dunha muller que vive entre dous mundos lastrado polos prexuízos e o sectarismo. Autora esquecida e reinvindicada por algunhas figuras actuais como Alice Walker, Toni Morrison e Maya Angelou que veñen de rescatar do esquecemento aos artistas do chamado Renacemento de Harlem e, entre eles, á nosa autora, para introducila non xa no canon das escritoras afroamericanas, senón no das autoras estadounidenses de calquera cor.

Non podíamos comezar de mellor maneira este temporada literaria nos clubs de lectura “Café con Libros”!! Non vos parece?

La bruma verde

No club de lectura da biblioteca Sagrada Familia continuamos coa nosa dose semanal de lecturas en conxunto pese ás limitacións impostas polo tempo de pandemia que nos tocou vivir. Descubrindo e apoiándonos nas tecnoloxías, mantemos as reunións ao tempo que imos aprendendo novas posibilidades de comunicación que ata non hai moito nos eran tan estrañas.

Este mes escollemos unha novidade editorial coa que, consideramos, abririamos moitas posibilidades de debate, e parece que non nos equivocamos. La bruma verde é a última novela de Gonzalo Giner e ven de gañar o Premio Fernando Lara deste ano.

Autor de firmes convicións naturalistas, nesta ocasión viaxa a África, ao mesmo corazón do continente para contar as vivencias de dúas impoñentes protagonistas, Bineka e Lola, amais de poñer o foco de atención nos atropelos e espolios sufridos por esa tan rica terra.

O centro da historia non é outro que África, en concreto a República Democrática do Congo. Neste país nace Bineka, a protagonista, e a el acude Lola na busca da súa amiga Beatriz, que foi secuestrada. O país é vítima dun espolio constante, un flagrante ataque contra a súa natureza e hábitat de innumerables especies animais, como os chimpancés, que tamén son parte importante do relato. Só a axuda das organizacións altruístas que traballan para a súa protección consegue minguar un pouco o dano infrinxido polos explotadores.

Bineka nace e vive nunha aldea da República Democrática do Congo, leva a selva no corazón e o seu verdor nos ollos. Trala perda dos seus pais, medrou baixo a protección do avó Tonuk, pero un día sucede o que nunca chegou a imaxinar. A súa aldea é asaltada por uns homes que destrúen todo o mundo que coñecía, incluídos Tonuk e Sanza, a súa mellor amiga. A súa historia acaba de comezar e ela aínda non sabe todo o periplo que lle espera.

Doutra banda presenta a Lola, alta executiva dunha multinacional telefónica, que debe viaxar ao Congo para intentar atopar sa e salva á súa amiga da infancia, Beatriz Arriondas. Beatriz traballa como cooperante e acaba de ser secuestrada. Todos os temores posibles vanse confirmando cando á súa chegada, coñecen aos responsables políticos e policiais da súa busca. Parece que terá que mirar de atopala polos seus propios medios.

O mundo cooperante preséntase nesta novela cos seus riscos, as súas riquezas e sobre todo, o seu traballo por acadar un mellor mundo para todos. Marc e Colin son compañeiros de Beatriz na ONG coa que traballa, pero descoñecen a sorte que puido correr a rapaza. Lola acepta o ofrecemento de Colin para desprazarse ao outro extremo do país, á provincia de Tshopo, nun intento de investigar as razóns e as circunstancias da desaparición de Beatriz. Será esta viaxe a que cambie a perspectiva de vida da executiva e a aproxime máis se cabe á personalidade e valores da súa amiga.

Ao longo da novela se nos presentan tamén os “malos”, as multinacionais que buscan aproveitar todos os recursos dispoñibles coa fin da máxima rendibilidade. Gobernos corruptos, con funcionarios tamén corruptos, que pechan os ollos á barbarie no momento en que perciben regaliños monetarios, aínda que as desfeitas deixen toda a natureza arrasada, vida vexetal pero tamén animal e humana. A desprotección sufrida nestes paraísos de natureza está lonxe de solucionarse mentres as necesidades do primeiro mundo se solucionen coas riquezas do terceiro.

É sen dúbida unha novela de contrastes, a riqueza e a comodidade dos privilexiados contra a vida sinxela e elemental dos nativos; o respecto á natureza destes últimos contra a violación de todos os límites no caso dos empresarios explotadores dos recursos; o amor incondicional contra a distancia máis absoluta entre dous seres que se queren; a inocencia contra a vaidade. Só podemos definila como unha novela de aventuras, verde, ecolóxica, tenra e dura á vez, proposta de optimismo e esperanza na nosa especie e profundo respecto polo mundo animal tan descoñecido en definitiva.

O autor

Nacido en Madrid en 1958, é veterinario de profesión reconvertido a escritor de éxito na súa madurez. Gonzalo Giner deuse a coñecer dentro do mundo literario en 2004 con La cuarta alianza. Unha novela histórica con grandes doses de intriga que traballa as pisadas das enigmáticas sociedades secretas. O renome e o éxito chegaríalle en 2008 co libro  El sanador de caballos, co que recrea os inicios da súa profesión de veterinario e gracias ao cal acadou tanto boas críticas como unha notable aceptación por parte dos lectores.

Giner plasmou nos seus libros a paixón que sente polos animais, adentrándose en distintos momentos da historia, como El jinete del silencio (2011), ambientada no Renacemento, ou en Pacto de lealtad (2014), onde se centra na Guerra Civil Española e no auxe do nazismo cunha inesquecible historia de amizade entre unha muller e o seu can. En 2017 volve á Idade Media plasma as construcións das grandes catedrais, en concreto das súas vidreiras, con Las ventanas del cielo. Nela a acción sae dos talleres e se expande a través dunha aventura entre destinos tan dispares como África, Terranova e Burgos.

Estas novelas sinaladas de Gonzalo Giner pódense atopar nas Bibliotecas Municipais da Coruña; a través dos enlaces nos títulos formúlanse as consultas sobre a súa dispoñibilidade para o préstamo. Nós imos continuar coas lecturas, recollemos recomendacións e esperamos que as nosas tamén sexan ben recibidas 😉