Arquivo do blog

Lecturas ouvidas, lecturas sentidas vol. II

LetrasGalegasClubO estado de alarma continúa e nos continuamos coas nosas lecturas ouvidas durante o resto do mes de maio ata finalizar a tempada. Con Leila Guerriero xa comezáramos o mes pero, sendo o mes das nosas letras, aínda nos quedaban sesións suculentas do club de lectura. Para celebrar este mes e participar doutro xeito na campaña #DesconfinarALingua das Bibliotecas Municipais, no club de lectura da Sagrada Familia decidimos “desconfinar” tamén as nosas palabras favoritas do idioma galego e con elas fixemos unha composición que nos quedará de recordo deste ano sen precedentes.

O encontro virtual dos clubs de lectura con María Reimóndez, autora de “A esencia da cidade”, achegounos este relato, que convertemos parcialmente a audio para seguir o fío das nosas reunións. O relato, publicado por Amnistía Internacional dentro de “Camiñan descalzas polas rochas: autoras polos dereitos das mulleres”, resultou moi estimulante, poñendo o punto na dor e na recuperación, que é posible si, por suposto, da vivencia de maltrato na adolescencia. Maria_reimondez_boaA presentación deste feito toca na sensibilidade de calquera e as integrantes do club Sagrada Familia non ían ser menos. Fonda indignación porque se sigan dando estes feitos na actualidade, e agradecemento á autora por estar disposta a presentalos así, para que todos tomemos conciencia e intentemos evitar que se repitan na nosa contorna.

ricardoTamén tivemos tempo para abordar a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor e mestre homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, que tamén foi tratada polo resto dos compañeiros dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña como xa coñecemos a través da publicación dedicada a este feito.
Non foi sinxelo atopar audios coas súas obras literarias sendo como era, mestre e estudoso do noso idioma, abundan as súas entrevistas e participación en conferencias sobre o reintegracionismo do galego e a reivindicación da autonomía de Galicia, feitos polos que foi fortemente represaliado durante a ditadura. Atopamos un fragmento de “Scórpio”, Premio da crítica de narrativa galega en 1987, que nos conta a execución dun soldado por rebelión e morte dun superior durante a Guerra Civil.

Neste pequeno anaco da xigante obra xa podemos albiscar a trascendencia da novela que narra toda a vida do protagonista, Rafael Martínez Pinheiro (alcumado Scórpio) a través da época republicana e logo durante a Guerra Civil ata a caída da República.
Unha execución nunca é un momento agradable, e tampouco nolo mostra así o autor, que resalta a desesperación do reo durante as súas últimas horas. Móstranos, iso si, a humanidade que manteñen os soldados e o avogado defensor pese á crueza da guerra, que serve de único apoio ao sentenciado a morte. Destacamos na tertulia o último pensamento do condenado, o recordo da nai e das súas ensinanzas, que non sempre somos capaces de seguir, pero que sempre procuran o noso ben.

chejov

 

A vantaxe de compartir lecturas e reflexións, no contexto que sexa, é que todo parece máis levadeiro e, aínda que parece que abandonamos o humor no mes de abril a intención do club non é entristecer a ninguén. Pero continuamos cunha fonda tristura na seguinte semana de debate, tristura atemporal por chegar da man de Antón Chéjov e o seu relato “La tristeza”, que comentamos o luns 25 de maio.

Este pequeno relato, publicado na afastada Rusia de 1886, conta a historia dun pai, cocheiro en Moscú, que lamenta a morte do seu fillo durante unha fría e lúgubre noite de traballo. Este home non atopa consolo en ningures, pola contra recibe maltratos dos clientes, totalmente indiferentes á súa situación. O desenlace serve de cumio de tristura, desengano, pero non volo contaremos aquí, recomendamos a súa lectura ou escoita atenta.

Aproveitamos a ocasión de coñecer ao “pai do relato” para comentar tamén outro clásico dos seus, “Muerte de un funcionario”. En este caso a tristura vai diminuíndo; sen chegar a ser un relato de humor, ten píntegas de excéntrico pola reacción desmesurada do protagonista. Non escapou da conversa a importancia das convencións sociais da época, que de seguro non coinciden practicamente en nada coas actuais, e impoñían un pouso de servilismo nas relacións cos superiores en rango e en escala social. As participantes da tertulia foron sensibles a esta situación social que diferenciaba tanto as persoas polo momento, o lugar e a familia na que naceran. Conscientes do cambio social que podemos gozar co paso dos anos, ninguén quere volver un paso atrás, nin para coller pulo.

vargas llosaE imos chegando ao momento da parada vacacional, parece que a pandemia comeza a remitir e todos queremos dispoñer de máis tempo ao aire libre que compense os días de encerro obrigado. Pechamos a tempada cun autor de prolífica traxectoria e recoñecido prestixio internacional, Mario Vargas Llosa. Cun dos seus primeiros relatos, “El abuelo” publicado en 1956 no diario El Comercio de Lima, e incluído tres anos despois na colección de relatos “Los jefes“.  Recuperamos a súa lectura na canle de Youtube Audio Libros Sense:

Resulta un relato confuso pola intención, non somos capaces de comprender a actuación do protagonista, meter medo a un neto, de forma tan violenta, non é propio dun avó, polo menos dos avós que coñecemos. A escrita é salientable, mantén a atención en todo momento e todos queremos saber qué é o que vai facer este avó que tanto maquina. A presenza da calavera tamén nos desconcerta, ¿cómo se pode atopar así, nunha cuneta, cando se vai nun taxi? Hai quen o clasifica como relato de medo, nós non o describiriamos así, pero si coma un relato desconcertante. Nada que ver coa segunda proposta da sesión.

O segundo audio pertence a unha lectura que o propio autor fixo da súa novela biográfica “El pez en el agua“, publicada en 1993 por Seix Barral e que relata unha grande parte da súa vida desde os primeiros anos, a súa nenez, a relación co seu pai; ata o seu paso pola política, finalizado trala derrota pola presidencia de Perú ante Alberto Fujimori.

Integrado nunha novela biográfica, o texto limítase a contar o que ocorreu, sen artificios literarios máis alá da descrición dos feitos e a exposición das sensacións dos protagonistas. Sen chegar a ser explícito, fainos partícipes das inquedanzas da parella, podemos sentir cómo se enfrontaron ao rexeitamento da familia apoiados nos seus sentimentos e na súa valentía. A conversa deunos para destacar o desenvolvemento social e económico que se desfrutaba en hispanoamérica no século XX, alonxados da situación española. Coñeciamos os comentarios dos que alí emigraron coincidindo coa época do relato, e os seus recordos axudaron a comprender a facilidade coa que Julia e Mario salvaron os problemas de idade e de convencións sociais para acadar o seu matrimonio.

A lectura ouvida deste premio Nobel resultou ser un bo broche de ouro para esta tempada do club de lectura da Sagrada Familia. E descubrindo dous relatos tan dispares creo que moito máis. Trátase dun autor de múltiples facetas co que non coincidimos en moitas delas, pero fomos capaces de recoñecer nel a súa valía como narrador e periodista. Coido que fixemos nosa a frase “non xuzgues un libro pola súa cuberta” e foi aplicada ao autor nesta sesión, de seguro que a seguiremos aplicando no noso día a día.

Finalizada queda esta “extraordinaria” tempada do club de lectura da Sagrada Familia e non queremos despedila sen agradecer a confianza e participación das integrantes, que tanto nos ensinaron este curso e seguro que moito nos queda por aprender nos seguintes. Porque imos regresar, aínda non podemos saber de qué forma pero voltaremos coas mesmas ilusións nas tertulias, nas lecturas e na compaña de todas vós.

Apertas grandes para todos e disfrutade moito da liberdade conseguida tras o confinamento. Saúde ante todo!!

 

María Reimóndez únese aos clubs para #DesconfinarALingua

Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua, o xoves 14 de maio terá lugar un encontro virtual con María Reimóndez en torno ao seu relato “A esencia da cidade“, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.

O relato, autobiográfico e con vocación de ser utilizado nos centros de ensino para traballar a igualdade, foi ofrecido en descarga libre poca editorial con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista no ano 2016.

Podo dicir sen temor a equivocarme que todas as mulleres que coñezo –e son moitas, de diferentes países do mundo– padecen ou padeceron diferentes tipos de violencia ao longo da súa vida. Esta dura realidade agóchase na nosa sociedade cun discurso de silencio e culpabilización, co medo a falar, co estigma.

No blog do club #QUEERuña, organizador do encontro, veñen de publicar unha entrevista coa autora como anticipo ao encontro. Non a perdas!