Arquivo do blog

Aa voces baixas

 

9788499144405

Todos os  luns na  Biblioteca Sagrada Familia temos o club de lectura. O horario  da sesión é de 10.30 a 12h.

Este ano no “Club de lectura da Sagrada Familia” a segunda  novela que limos foi de Manuel Rivas, “As Voces Baixas“. Gustou moito, porque a xente do club se sentía identificada coas súas vivencias, e a historia desenvolvíase na nosa cidade, véndose reflectidas nesa familia e nesa época.

Por outra parte, Manuel Rivas é un escritor moi recoñecido e querido en Galiza. Escollemos este libro en galego para fomentar que a xente do club coñeza a nosa língua, porque non era moi extenso e pareceunos moi emotivo.

Trátase dunha novela autobiográfica na que se mestura a realidade e a fición.

O humor e a dor están presentes ao longo de toda a obra. “As voces baixas” é un reflexo das persoas esforzadas na loita cotiá pola vida e que adoitan falar sen se deixar notar. Un  bo exemplo é a súa nai, que falaba soa ou con voz queda.

Relata as súas vivencias na infancia e adolescencia xunto á´súa irmá María e os seus pais. Os primeiros anos de vida descorren en Monte Alto, na rúa Marola, e parte da súa infancia e adolescencia en Elviña.

Sitúase nos anos 60 ata 1975, nunha España franquista ata a morte do ditador, cando comeza a etapa da Transición. Nestes anos a liberdade de expresión, ser homosexual, ser anarquista ou comunista supoñía moitas veces a condena de sufrir o cárcere

Reflexa un sentimento nostálxico polos costumes e a vida tradicionais. Esta obra mostra personaxes e oficios que foron desaparecendo co tempo: lavandeiras, pescantinas, leiteiras… Resalta a imaxinación e a creatividade nos xogos dos nenos.

As tradicións e as romerías formaban parte da diversión da xente, compartíase cos veciños e coa familia: cabezudos, samaín, a matanza do porco…  Tamén  relata como primeiro a radio e despois o invento da televisión supuxo una revolución na vida da xente.Manuel-Rivas_1067303527_9663412_1020x574

O autor cóntanos o vínculo que o unía coa súa irmá María (que morre de cancro), ambos comparten a paixón pola lectura e a política.

Fai un percorrido pola súa xuventude, o seu instituto, o primeiro traballo (no Ideal Galego), a súa decisión de estudar xornalismo en Madrid, a seu sentir para converter o seu soño en realidade: ser escritor. E así cumprir coa teima da súa nai “buscar un traballo no que non se mollase

Esta obra e o resto da produción literaria de Manuel Rivas pódese atopar no Cascarilleiro, catálogo en liña das Bibliotecas Municipais da Coruña.

 

OS LIBROS ARDEN MAL. Manuel Rivas

oslibrosA cidade que le,lema de promoción cultural na nosa cidade, apareceu en forma de cartaces e proxectos de animación e achegamento á lectura hai un par de anos, pero tamén foi unha das referencias que desapareceron do noso antigo escudo histórico. Di Manuel Rivas en Os libros arden mal que no vello escudo da Coruña figuraba un libro aberto ao pé da torre e que daba medida da grande importancia da cultura e da lectura no noso lugar, onde tanto o faro como a caveira do xigante Xerión, acoutaban a nosa historia. Co tempo e cos avatares da historia ese libro desapareceu e, con el, outros moitos máis, os libros palpables e reais. Ardidos, queimados, expoliadas as bibliotecas e, por tanto, ceifados os camiños da cultura dunha xeración secuestrada e incerta.

Os libros arden mal, pero arden e con este auto de fe da Falanxe en pleno agosto do 36, a queima cruel e desapiadada, queimáronse as raíces do pensamento e da formación futura.

Con esa fotografía das pías fumegantes de libros, da queima vixiada polos falanxistas, armados e co brazo en alto, Rivas comeza unha novela polifónica, poliédrica, que crea un mosaico de memoria xunto coa xente e os tixolos da cidade, recanto a recanto toda Coruña vai tomando unha voz de séculos que declarao seu auxe e a súa caída.

Cando un grupo de mozas e mozos republicanos van debullando as súas historias e entrelazándoas, asistimos á reconstrucción dunha cidade e o seu desenvolvemento a través dunha guerra que pasou de refilón para uns e de cheo para outros, prantexando a reconstrución da esperanza e da formación dos plans de futuro a través do medo, da fuxida, da emigración, da volta ao pasado.

O expolio das bibliotecas públicas e dos ateneos culturais e das coleccións privadas –como a de Casares Quiroga, na rúa de Panadeiras- constitúe a grande metáfora que é a espiña dorsal de OS LIBROS ARDEN MAL, a queima do futuro e das posibilidades dos novos, a desaparición de toda referencia para o pensamento, a formación e promoción das vindeiras xeracións tras da postguerra, caídas na involución e o retroceso cara ao que cada guerra nos leva –ou nos devolve-, no banzo primeiro da inxustiza e da incerteza que veñen da ignorancia forzada.

Polca o gaiteiro enterrador, o cantante Terranova, a misteira Olinda e a súa filla lavandeira e clarividente Ó, os boxeadores Arturo da Silva e o Hércules do Papaigaio, amigos que se crían na cultura das ruelas da antiga pescadaría, van dando testemuña dos anos previos á guerra, da placidez e os recursos que se atopan na liberdade e de cómo se destrúen todos os camiños e as unións cando estoupa a guerra, a caza, como di un dos protagonistas, que a guerra se convirte nalgúns lugares nunha auténtica caza.

No bando contrario, en non querendo falar de vencedores e vencidos, un censor que odia tanto os libros como lle fascinan, un xuíz co degoro de atopar a Biblia de Borrow pero tamén de destacar por riba de canto se lle poña diante, a súa muller, Chelo Vidal, unha pintora que reflicte o espírito de traballo e de sacrificio das mulleres pero tamén encarna a idea de liberdade e progreso. E, entrementres, personaxes reais que conforman os ganduxos deste lenzo, o ditador de corpo presente, o pintor Urbano Lugrís, Sada, cos seus “atentados” de pinturas no Azor, o ideólogo nazi Carl Schimdt, e o grande prexudicado do cambio de tercio, o perseguido até o expolio e a aniquilación do seu nome e a súa sombra: Santiago Casares Quiroga.

Novela dura pero fluida, novela río de seu, traza con rapidez unha senda que aos de aquí nos fascina e nos atrapa polo efecto espello que provoca a identificación para o lector se se presinte no que se narra. Recoñecemos os lugares, sóannos os nombres e as anecdotas, ás veces voltas a enlear polo tempo, máis cargadas de tintas e de esaxeración, pero recentes aínda no noso patrimonio intanxible.

Curioso ver como os aparentemente inconexos capítulos iniciais nos levan até unha confluencia no auto da queima, todos os protagonistas xiran arredor do lugar das follas ardendo e do fume, dalgún xeito chegaron alí para ollar, para doerse ou tratar de rescatar unha ínfima memoria, o olor das páxinas queimadas grabado para sempre no narís, os libros como despoxos de animais mortos, e alguén que recoñece unha capa coñecida, que arrisca a punta dos dedos nas brazas, que fica luxado co tisne, pero que aínda sabe que os libros arden mal, pero que nos fan vivir e que nos salvan.

 

manuel_rivas

OS LIBROS ARDEN MAL É UNHA DAS NOVELAS GALEGAS MÁIS PREMIADAS DE TODOS OS TEMPOS:

MANUEL RIVAS na wikipedia http://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Rivas

Manuel Rivas en El poder de la palabra http://www.epdlp.com/escritor.php?id=2214

A Coruña: un escenario de novela

A Coruña ao longo da súa historia constituíu tema ou foi escenario de novelas, relatos, contos…de escritores que lle dedicaron a súa imaxinación e as súas palabras, de maneira que se podería falar dunha A Coruña literaria.

Cartel Mes do Libro 2013

Con motivo do Día do Libro, nas nosas bibliotecas podes atopar unha escolma de libros e películas que teñen á nosa cidade entre as súas páxinas e escenas. Libros e películas que  convidamosvos a lectores e visitantes das nosas Bibliotecas a levalas en préstamo e pola contra pedimosvos que nos axudedes a mellorar e ampliar esta selección que podedes atopar na nosa wiki “A Coruña, un escenario de novela”Un amor pequeño de Alejandro Gándara, Contos da Coruña de Xurxo Souto, La cruz de San Andrés de Camilo José Cela, La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, Crímenes exquisitos de Nieves Abarca… 

Mostra bibliográfica:

Mostra bibliográfica: “A Coruña un escenario de novela”

Que títulos botas en falta? que obra ambientada na Coruña esquecimos na nosa selección?