Category Archives: letras galegas

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga

Alguén dixo unha vez que a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para as idades que veñen marcadas no propio libro, senón que abranguen desde esos anos ata +99.

No club de lectura de Escritores e Escritoras Galegas non podemos estar máis de acordo, e o curso pasado tivemos a inmensa sorte de ler O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.

1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber bestiarium scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.

Sinopse de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.

O seu autor, Antonio Manuel Fraga, naceu en Nogueirosa (Pontedeume), pero é Coruñés de adopción. É Enxeñeiro Técnico Industrial, escritor e docente. As súas obras foron gañadoras, entre outros, do xa nomeado Premio María Victoria Moreno, do Premio Merlín de Literatura Infantil (O castañeiro de abril, 2013) e do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil (santoamaro, 2021), ambos de Xerais, ou do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica e do Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria, os dous pola obra Querido H.P. Lovecraft (2016, Urco Editora).

A obra fálanos dun sitio ben coñecido da cidade da Coruña e da súa historia: o hospital de Oza. Para meternos na obra, foinos de moita utilidade buscar fotografías como as que se achegan a continuación.

Imaxes obtidas de https://xxicoruna.sergas.gal e http://personaldelchuac.blogspot.com

Mesturando ficción, fantasía, ciencia e realidade, Antonio Manuel Fraga transportounos a un mundo no que desfrutamos da investigación e a aventura coma auténticas crianzas!

Aquí vos deixamos un vídeo marabilloso onde o propio autor nos fai unha visita guiada polo Sanatorio de Oza e a historia da obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa.

Vídeo-roteiro sobre o desaparecido Sanatorio Marítimo de Oza (A Coruña). Subido por @politicalinguistica.

Palabras contadas, de Camilo Franco

“Cando morra han dicir que fun pioneiro. Pero leva morto tanta xente“.

O anterior é un dos microrrelatos que compoñen o libro Palabras contadas de Camilo Franco.

Este libro inclúe máis de cen de microrrelatos, trinta argumentos de novela e cinco relatos algo máis extensos, tal e como afirma Xerais.

Aproveitando a funcionalidade da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Dunha parte a versatibilidade da literatura breve, doutra parte a capacidade para colocar a palabra como código e como significante en sorportes propios dunha cultura industrial ou de masas. En conxunto mesmo se pode entender como unha tentativa de converter ao lector en espectador. a palabra e a narración está no centro de espazos que poden ser considerados escénicos. Neste sentido, a reinvindicación da palabra como creadora de ámbitos leva á creación de espazos nos que o relato adquire significado completo. En moitos sentidos, a creación de espazos que teñen como centro a lectura dun texto é dotar a cada unha das historias da circunstancia que a completa. Case como unha proxección sólida do argumento e do ambiente do relatado.

Sinopse de Palabras contadas.

Camilo Franco é escritor, crítico teatral e xornalista, e publicou libros como En malos pasos (1995, Xerais), Por conto alleo (2003, Galaxia), ou ensaio Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (2012, Biblos Clube de Lectores). Tamén ten participado en obras colectivas como Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade (2009, Difusora) ou Níxer (2010, Xerais).

Esta imaxe foi obtida da páxina web da AELG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega. As fotos orixinais foron producidas por Santos Díez e Eduardo Castro Bal cunha licenza CC-BY-SA 3.0.

Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz

Nos últimos meses, unha das novelas “máis coruñesas” que limos no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi Veleno de tinta impresa. Nela desenvólvese, a través da ollada dunha muller protagonista afouta e decidida, a sociedade da cidade da Coruña a comezos do século XX.

Veleno de tinta impresa, de Xośe A. Neira Cruz, foi a novela gañadora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo no ano 2019.

Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova… Un día, a protagonista coñece a Miguel Sawa, que acaba de chegar á Coruña para dirixir o xornal La Voz de Galicia, e decide dar un paso adiante. É o intre en que as novas máquinas, as linotypes, imprimen importantes cambios na composición da prensa e a sociedade coruñesa se debate entre o tradicionalismo e a apertura a novas ideas. Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro.

Sinopse de Veleno de tinta impresa.

Á parte da protagonista, Elvira Morales, que é unha homenaxe a María Luz Morales, a primeira directora dun xornal en España, na novela aparecen outras moitas mulleres senlleiras relacionadas coa Coruña: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Sofía Casanova… Tal e como din desde Xerais: “Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, é unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño”.

De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Emilia Pardo Bazán, María Luz Morales, María Barbeito, Sofía Casanova e Fanny Garrido.

Xosé A. Neira Cruz, o autor da novela, é licenciado en filoloxía italiana e en Ciencias da Información, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor dunha extensa bibliografía que abarca desde a novela para xente adulta, a literatura infantil e xuvenil, a poesía e mesmo o ensaio, tamén resultou gañador de diversos premios literarios, coma o Premio Raíña Lupa en 2002 e 2021, o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2007, o Premio Merlín en 1988 e 2000 e o Premio O Barco de Vapor nos anos 1997 e 1999, entre outros.

Imaxe de Xosé A. Neira Cruz da Wikipedia. Autor: Adrián Estévez.

Memoria do silencio, de Eva Mejuto

Un dos libros que máis gustou no club de lectura de Estudos Locais no pasado curso 2020/2021 foi Memoria do Silencio, de Eva Mejuto.

En Memoria do silencio, a autora lévanos á Ribadavia de 1943. Alí, Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. A súa vida entrecrúzase coa de Lola, unha muller brava e xenerosa que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Tamén coñecemos a Frieda, quen foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Con estas tres voces tan diferentes, Eva Mejuto explora, a camiño da ficción e a realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial.

A historia real das irmás Touza impactou os e as asistentes ao club, chegando algunhas persoas mesmo a facer as súas propias investigacións. Froito disto é a recuperación dun roteiro literario pola vila de Ribadavia levada a cabo pola propia autora, entre outros. Pódese ver aquí.

Ademais, en http://memoriadosilencio.evamejuto.com/ pódense ver imaxes da verdadeira historia, que se achegan a continuación:

Eva Mejuto é doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha dilatada carreira como autora de literatura infantil e xuvenil. Con Memoria do silencio quedou finalista do Premio Jules Verne da editorial Xerais e a obra foi incluída na Lista de Honra 2019 da OEPLI.

Xa para finalizar, os e as asistentes ao club puidemos ver un vídeo co resumo da historia das irmás Touza, realizado pola TVG:

Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

A LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) non é só para menores de idade. Desde os clubs de lectura de Monte Alto e Estudos Locais reivindicamos isto o pasado curso coa lectura de Das cousas de Ramón Lamote, do autor Paco Martín.

Das cousas de Ramón Lamote é un clásico da literatura galega. Publicado por ver primeira en 1985 (gañador do Premio Barco de Vapor de 1984) e con numerosas reimpresións e reedicións ao longo dos anos, é grazas a el que se usa o termo Xeración Lamote para se referir a un grupo de escritores galegos lugueses como Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz que renovaron a literatura galega infantil nos anos oitenta. En 1986 acada o Premio Nacional de LIteratura Infantil e Xuvenil e aparece na prestixiosa lista IBBY Honour List.

O seu autor, Paco Martín, nado en Lugo 1940, é mestre xubilado de Primaria. Tamén foi conferenciante e columnista periódico en xornais como El Progreso, e director do suplemento Axóuxere. Semanario do neno galego publicado no xornal La Región de Ourense nos anos 1974-1975.

Este best-seller breve e retranqueiro fixo que moitos e moitas das asistentes lembrasen as súas lecturas da infancia e que lles saíse un sorriso ao ler as vivencias do profesor de chairego e debuxante de soños.

Paco Martín, autor de Das cousas de Ramón Lamote. Foto da Wikipedia.

Scórpio, de Carvalho Calero, e novas inscricións para o club Autores/as Galegos/as da biblioteca de Estudos Locais.

O 2020 foi un ano atípico para todo o mundo, incluídas as conmemoracións das Letras Galegas. Ese ano dedicóuselle a Ricardo Carvalho Calero, e desde o club de lectura Autores/as Galegos/as da biblioteca de Estudos Locais quixemos ler unha das súas obras máis importantes: Scórpio.

Carvalho Calero, nado en Ferrol en 1910, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüísta e escritor. Membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi membro numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.

Retrato de Carvalho Calero por Moncho Rama. Álbum Nós do Consello da Cultura Galega

Antes de 1981 o autor asinaba como Carballo Calero, pero como ideólogo do reintegracionismo lingüístico, defendendo que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa, a partir desa data adaptou o seu nome á grafía correspondente. Desde o club de lectura foi un reto ler unha novela escrita en galego reintegrado, e para coñecer un pouco máis do tema puidemos ver a seguinte entrevista a Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua, e debater dos pros e contras do binormativismo:

Tanto a estrutura e a forma de contar a historia como os acontecementos da vida de Scórpio resultaron moi interesantes para os e as membros do club. A ironía literaria, as descricións da guerra e os apuntamentos autobiográficos que se deixaban entrever deron para unha conversa ben amena sobre a novela, que recomendan.

Por último, lembrar que nuns días abrirá o prazo para apuntarse ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais para cubrir as baixas existentes. Estade atentos/as!