Category Archives: escritoras
Lecturas ouvidas, lecturas sentidas vol. II
O estado de alarma continúa e nos continuamos coas nosas lecturas ouvidas durante o resto do mes de maio ata finalizar a tempada. Con Leila Guerriero xa comezáramos o mes pero, sendo o mes das nosas letras, aínda nos quedaban sesións suculentas do club de lectura. Para celebrar este mes e participar doutro xeito na campaña #DesconfinarALingua das Bibliotecas Municipais, no club de lectura da Sagrada Familia decidimos “desconfinar” tamén as nosas palabras favoritas do idioma galego e con elas fixemos unha composición que nos quedará de recordo deste ano sen precedentes.
O encontro virtual dos clubs de lectura con María Reimóndez, autora de “A esencia da cidade”, achegounos este relato, que convertemos parcialmente a audio para seguir o fío das nosas reunións. O relato, publicado por Amnistía Internacional dentro de “Camiñan descalzas polas rochas: autoras polos dereitos das mulleres”, resultou moi estimulante, poñendo o punto na dor e na recuperación, que é posible si, por suposto, da vivencia de maltrato na adolescencia. A presentación deste feito toca na sensibilidade de calquera e as integrantes do club Sagrada Familia non ían ser menos. Fonda indignación porque se sigan dando estes feitos na actualidade, e agradecemento á autora por estar disposta a presentalos así, para que todos tomemos conciencia e intentemos evitar que se repitan na nosa contorna.
Tamén tivemos tempo para abordar a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor e mestre homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, que tamén foi tratada polo resto dos compañeiros dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña como xa coñecemos a través da publicación dedicada a este feito.
Non foi sinxelo atopar audios coas súas obras literarias sendo como era, mestre e estudoso do noso idioma, abundan as súas entrevistas e participación en conferencias sobre o reintegracionismo do galego e a reivindicación da autonomía de Galicia, feitos polos que foi fortemente represaliado durante a ditadura. Atopamos un fragmento de “Scórpio”, Premio da crítica de narrativa galega en 1987, que nos conta a execución dun soldado por rebelión e morte dun superior durante a Guerra Civil.
Neste pequeno anaco da xigante obra xa podemos albiscar a trascendencia da novela que narra toda a vida do protagonista, Rafael Martínez Pinheiro (alcumado Scórpio) a través da época republicana e logo durante a Guerra Civil ata a caída da República.
Unha execución nunca é un momento agradable, e tampouco nolo mostra así o autor, que resalta a desesperación do reo durante as súas últimas horas. Móstranos, iso si, a humanidade que manteñen os soldados e o avogado defensor pese á crueza da guerra, que serve de único apoio ao sentenciado a morte. Destacamos na tertulia o último pensamento do condenado, o recordo da nai e das súas ensinanzas, que non sempre somos capaces de seguir, pero que sempre procuran o noso ben.
A vantaxe de compartir lecturas e reflexións, no contexto que sexa, é que todo parece máis levadeiro e, aínda que parece que abandonamos o humor no mes de abril a intención do club non é entristecer a ninguén. Pero continuamos cunha fonda tristura na seguinte semana de debate, tristura atemporal por chegar da man de Antón Chéjov e o seu relato “La tristeza”, que comentamos o luns 25 de maio.
Este pequeno relato, publicado na afastada Rusia de 1886, conta a historia dun pai, cocheiro en Moscú, que lamenta a morte do seu fillo durante unha fría e lúgubre noite de traballo. Este home non atopa consolo en ningures, pola contra recibe maltratos dos clientes, totalmente indiferentes á súa situación. O desenlace serve de cumio de tristura, desengano, pero non volo contaremos aquí, recomendamos a súa lectura ou escoita atenta.
Aproveitamos a ocasión de coñecer ao “pai do relato” para comentar tamén outro clásico dos seus, “Muerte de un funcionario”. En este caso a tristura vai diminuíndo; sen chegar a ser un relato de humor, ten píntegas de excéntrico pola reacción desmesurada do protagonista. Non escapou da conversa a importancia das convencións sociais da época, que de seguro non coinciden practicamente en nada coas actuais, e impoñían un pouso de servilismo nas relacións cos superiores en rango e en escala social. As participantes da tertulia foron sensibles a esta situación social que diferenciaba tanto as persoas polo momento, o lugar e a familia na que naceran. Conscientes do cambio social que podemos gozar co paso dos anos, ninguén quere volver un paso atrás, nin para coller pulo.
E imos chegando ao momento da parada vacacional, parece que a pandemia comeza a remitir e todos queremos dispoñer de máis tempo ao aire libre que compense os días de encerro obrigado. Pechamos a tempada cun autor de prolífica traxectoria e recoñecido prestixio internacional, Mario Vargas Llosa. Cun dos seus primeiros relatos, “El abuelo” publicado en 1956 no diario El Comercio de Lima, e incluído tres anos despois na colección de relatos “Los jefes“. Recuperamos a súa lectura na canle de Youtube Audio Libros Sense:
Resulta un relato confuso pola intención, non somos capaces de comprender a actuación do protagonista, meter medo a un neto, de forma tan violenta, non é propio dun avó, polo menos dos avós que coñecemos. A escrita é salientable, mantén a atención en todo momento e todos queremos saber qué é o que vai facer este avó que tanto maquina. A presenza da calavera tamén nos desconcerta, ¿cómo se pode atopar así, nunha cuneta, cando se vai nun taxi? Hai quen o clasifica como relato de medo, nós non o describiriamos así, pero si coma un relato desconcertante. Nada que ver coa segunda proposta da sesión.
O segundo audio pertence a unha lectura que o propio autor fixo da súa novela biográfica “El pez en el agua“, publicada en 1993 por Seix Barral e que relata unha grande parte da súa vida desde os primeiros anos, a súa nenez, a relación co seu pai; ata o seu paso pola política, finalizado trala derrota pola presidencia de Perú ante Alberto Fujimori.
Integrado nunha novela biográfica, o texto limítase a contar o que ocorreu, sen artificios literarios máis alá da descrición dos feitos e a exposición das sensacións dos protagonistas. Sen chegar a ser explícito, fainos partícipes das inquedanzas da parella, podemos sentir cómo se enfrontaron ao rexeitamento da familia apoiados nos seus sentimentos e na súa valentía. A conversa deunos para destacar o desenvolvemento social e económico que se desfrutaba en hispanoamérica no século XX, alonxados da situación española. Coñeciamos os comentarios dos que alí emigraron coincidindo coa época do relato, e os seus recordos axudaron a comprender a facilidade coa que Julia e Mario salvaron os problemas de idade e de convencións sociais para acadar o seu matrimonio.
A lectura ouvida deste premio Nobel resultou ser un bo broche de ouro para esta tempada do club de lectura da Sagrada Familia. E descubrindo dous relatos tan dispares creo que moito máis. Trátase dun autor de múltiples facetas co que non coincidimos en moitas delas, pero fomos capaces de recoñecer nel a súa valía como narrador e periodista. Coido que fixemos nosa a frase “non xuzgues un libro pola súa cuberta” e foi aplicada ao autor nesta sesión, de seguro que a seguiremos aplicando no noso día a día.
Finalizada queda esta “extraordinaria” tempada do club de lectura da Sagrada Familia e non queremos despedila sen agradecer a confianza e participación das integrantes, que tanto nos ensinaron este curso e seguro que moito nos queda por aprender nos seguintes. Porque imos regresar, aínda non podemos saber de qué forma pero voltaremos coas mesmas ilusións nas tertulias, nas lecturas e na compaña de todas vós.
Apertas grandes para todos e disfrutade moito da liberdade conseguida tras o confinamento. Saúde ante todo!!
María Reimóndez únese aos clubs para #DesconfinarALingua
Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua, o xoves 14 de maio terá lugar un encontro virtual con María Reimóndez en torno ao seu relato “A esencia da cidade“, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.
O relato, autobiográfico e con vocación de ser utilizado nos centros de ensino para traballar a igualdade, foi ofrecido en descarga libre poca editorial con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista no ano 2016.
Podo dicir sen temor a equivocarme que todas as mulleres que coñezo –e son moitas, de diferentes países do mundo– padecen ou padeceron diferentes tipos de violencia ao longo da súa vida. Esta dura realidade agóchase na nosa sociedade cun discurso de silencio e culpabilización, co medo a falar, co estigma.
No blog do club #QUEERuña, organizador do encontro, veñen de publicar unha entrevista coa autora como anticipo ao encontro. Non a perdas!
#MollámonosPoloLibro
Nesta situación tan excepcional como a que estamos a vivir, moitxs constatamos a vital importancia que ten a cultura para nós: podemos quedarnos nas nosas casas pero viaxar moi lonxe coa nosa imaxinación. As Bibliotecas non estamos abertas físicamente pero dende o espazo virtual estamos a ofrecer recursos de calidade para ler, entreter e formar. E agora que chega unha efeméride tan importante para nós, non podía ser menos.
Queremos compartir contigo a proposta que se desenvolveu no marco das Bibliotecas Municipais da Coruña para celebrar o Día do Libro, e convidarte a participar activamente da mesma.
Fixemos unha aposta pola visibilización do traballo e a reinvindicación da profesión, así como a necesidade de crear rede entre todos os axentes que formamos parte do mundo do libro: librarías, escritorxs, editorxs, ilustradorxs, narradorxs, bibliotecas e lectorxs. Arredor dese obxectivo, apostamos por lanzar unha chiscadela a cada un dos axentes do sector, do que formamos parte, a través dun video/spot que levará por lema: #mollamonospololibro.
SÚMATE Á CAMPAÑA:
Emprazamos a todo o mundo a mollarse e poñer en valor unha data tan relevante para as bibliotecas como é o Día do Libro. Se queres participar e sumarte á proposta, só tes que responder á pregunta: como te mollas ti polo libro?
Contamos coa túa aportación, podes facelo no formato que desexes e nas canles que consideredes oportunas empregando o hashtag #mollamonospololibro.
Vídeo da sesión virtual dos clubs con Marta Sanz e “Sherezade en el búnker”
Case 60 integrantes de clubs de lectura da Rede de bibliotecas participaron nunha sesión virtual con Marta Sanz arredor do relato “Sherezade en el búnker” (de descarga libre e gratuíta), creado polo autora durante a pandemia e sobre o confinamento.
A intención orixinal de Sanz cando comezou a escribir este relato era dar resposta a unha petición dunha pequena editorial de elaborar unha serie de historias breves baseadas na personaxe de Sherezade. Comezou a crealo durante o estado de alarma, e o resultado foi, nas súas propias palabras, “unha historia breve co confinamento de fondo que intenta aliviar e facer que a xente poida sorrir e, ao tempo, visibilizar un problema social que vai seguir estando aí durante a pandemia, e que vai permanecer cando todo isto remate“.
Marta Sanz é unha escritora de enorme potencia e cun amplo número de libros publicados e, algún deles, dispoñibles en eBiblio Galicia: Tsunami: miradas feministas; Amor fou, Clavícula ou a sua recentísima pequeñas mujeres rojas, obra coa que pecha a triloxía iniciada con Black, black, black e continuada por Un buen detective no se casa jamás (tamén dispoñibles no catálogo das bibliotecas para cando a situación permita volver facer uso deles).
Mentres tanto, convidámoste a ler a entrevista que lle fixemos recentemente no blog do club LGTB QUEERuña e tamén a que te acomodes no teu rincón favorito e vexas a gravación desta sesión na que cada club plantexou as súas preguntas.
Que che pareciu a experiencia? Organizamos unha nova sesión conxunta?
Se nunca participaches nun club de lectura, quizás isto te anime a facelo. Que opinas?
Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!
Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.
Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.
- Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM
Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)
Recoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.
Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.
A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).
Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)
Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.
Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.
No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.
Olga Patiño (A Coruña, 1949)
Docente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.
A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados” (2002), “Atmosferas” (2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku“ (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado” (2013), “Territorio acoutado” (2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978)
Filóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.
A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos”, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas”, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por “Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)
Poeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.
O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco” (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade” é galardoado co Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.
No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.
Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)
Licenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.
Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler)” , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.
A proposta “Mulleres de carne e verso“ chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!
Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso“.
Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).
Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!
María na busca da liña do horizonte, Esther López Castro
Nestes días de confinamento non vén mal rememorar todos eses bos momentos pasados nos clubs de lectura das bibliotecas coruñesas. Ademais, cómpre lembrar tamén que o préstamo de ebooks segue dispoñible e que as horas a carón dun bo libro non son nunca tempo en balde. Aproveitemos para ler!
Hoxe queremos falar da marabillosa xornada que Esther López Castro, asistente ao club de lectura da biblioteca de Estudos Locais, pero tamén escritora, nos fixo pasar. Co seu libro María na busca da liña do horizonte, Esther deleitounos o mércores 4 de marzo cunha aventura que os e as asistentes ao club chegaron a comparar con La Sirenita ou as películas de Disney, pola viveza e colorido das súas palabras.
Esther naceu en Betanzos, vila moi presente na súa vida e nos seus textos. Aí é onde vive María, a protagonista desta historia, e o lugar ao que a escritora dedica moitos dos seus poemas, publicados, entre outros, no libro das festas que anualmente saca do prelo o concello.
Cando casou marchou vivir á Coruña. Ten os estudos básicos, pero iso nunca foi un impedimento para que as súas ganas de aprender e de entender o mundo por medio das súas reflexións se visen plasmadas na fermosura dos seus textos.
Comezou a escribir a unha idade que moitas persoas coidarían tardía e, nun principio, como mera reflexión persoal e impelida pola necesidade de reordenar o seu mundo interior, pero iso non evitou que a xente ao seu redor a animase a compartir os seus escritos, vista a súa calidade. E iso fixo. Autopublicouse e vendeu dúas edicións enteiras, e ademais fíxonos desfrutar dun serán moi agradable na biblioteca de Estudos Locais no que, ademais, recitou poesía e cantou, xa que pertence á Coral do Sporting Club Casino de A Coruña.
Aquí vos deixamos con ela, porque ben merece a pela escoitala. Grazas, Esther!