Category Archives: Club Monte Alto

Libros en Directo: encontros con autor

Este luns, 28 de outubro ponse en marcha unha nova tempada de Libros en directo, que neste ano cumple a súa segunda edición. Trátase dun ciclo de encontros con autores  con carácter mensual dende outubro ata o mes de xuño no Centro Ágora ás 20.30 horas.

libros en directo horizontal

Os nosos clubs de lectura  acudirán  ó encontro de estrea.  O ciclo inaugúrase  este luns, 28 de outubro coa presenza de Luis Goytisolo, o escritor que se formou no campo do dereito e que  finalmente abandou para dedicarse enteiramente á literatura.  En 1993  obtivo o Premio Nacional de Narrativa e un ano máis tarde foi membro elexido da Real Academia Española. Colaborou en xornais como Diario 26, ABC e El País.

O encontro con Luis Goytisolo centrarase  incialmente nos dous últimos libros que acaba de publicar coa editorial Anagrama.  Aínda así, o asistentes terán a oportunidade de conversar co autor nun acto que estará coordinado por Pedro Ramos.

As dúas últimas obras publicadas:

Estela de fuego que se aleja                                                    

A primeira novela escrita por Luis Goytisolo despois de Antagon, algúns dos seus postulados fundamentales elabora de forma lúdica e maliciosamente rocambolesca unha novela sobre a relación do creador con súa obra e de ésta coa súa  vida.

Naturaleza de novela 

Nesta novela coa que obtivo o Premio Anagrama de Ensaio 2013 o autor plantexa e desenvolve aspectos fundamentales ós que alude o título ¿Que é ese xénero literario chamado novela, que entendemos como tal hoxe? ¿Cando se inicia? ¿Cales son as súas orixes e características? Este libro é un ensaio sobre a novela que se lee como unha novela. Luis Goytisolo percorre un itinerario tan fruitivo para o lector que supón, en certo modo, unha lectura de varias novelas ó mesmo tempo que añadamos un espello da nosa memoria.

O ciclo de Libros en Directo terá a súa continuidade mes a mes. Alejandro Gándara será o próximo autor convidado co libro que acaba de publicar Las puertas de la noche de Alfaguara o vindeiro lunes, 28 de novembro.

12 de dicembro  quen visitará o Centro Ágora con Libros en Directo será  Javier Sierra para presentar a súa  última obra El maestro del Prado a través da cal podremos acercarnos ó proceso creativo deste maestro do suspense. O vindeiro ano, 2014 continuará o ciclo coa presenza de Agustín Fernández Mallo,

Recordámosvos que nas nosas Biblioteca Municipais podedes atopar as obras deste autores. Para comprobar a disponibilidade consulta a noso catálogo.

catalogo

Comeza a tempada dos clubs de lectura

Rematado o verán e o período de vacacións os nosos clubs de lectura voltan ó curso e retoman a sùa actividade neste mes setembro e comezo de outubro.

club de lectura

¿Que son os clubes de lectura?

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña son grupos de persoas afeccionadas á lectura que se reúnen periodicamente para comentar e valorar un libro proporcionado polas Bibliotecas Municipais da Coruña coa axuda dun coordinador.

¿Quen pode participar?

Non fai falta ser un experto lector, o club de lectura está pensado para persoas con inquietudes culturais, gañas de ler, facer amigos e intercambiar opinións con outras persoas. En realidade, o libro só é un punto de partida. Pode participar calquera persoa que queira, ata o máximo de persoas establecidas por clube.

¿Cómo funciona un club?                                           club de lectura rosales

Bibliotecas Municipais adquire a cantidade suficiente de exemplares dos títulos dos libros elexidos para que cada participante teña o seu durante o tempo necesario. A lectura  faise cada un na súa casa e o ritmo é o marcado polo club.

O coordinador encárgase de moderar as reunións semanais para comentar o que se leu ó longo da semana. Os debates adquiren sempre un carácter sempre amigable e desenfadado. O que sí , é necesario respetar os turnos de palabra e axustar os tempos de intervención. O persoal bibliotecario presta apoio a todo o que axude a contribuir a enriquecer a lectura, asesorando e facilitando aos lectores o acceso a toda a información.

¿Cando se celebran as reunións?  

Semanal, quincenal ou mensualmente dependendo do club e da biblioteca.                                                                                                                                               

En que bibliotecas se desenvolve a actividade

Na actualidade Bibliotecas Municipais de A Coruña conta con un total de 11 clubs:

Para máis información ou apuntarte como reserva nos clubes que están completos podedes acudir as nosas bibliotecas ou chamar por teléfono

CALENDARIO COMICS BUENO

Bibliotecas Municipais de A Coruña conta cun Club de Lectura Virtual na que os membros non se reúnen físicamente, senón que utilizan o blog para intercambiar as impresións sobre o lido. Se estarás interesado e queres máis información.  Visita o  Ciber Club

Faite socio das Bibliotecas Municipais  

Se queres facerte socio das nosas bibliotecas e ter o carné  podes facelo de dous xeitos:

  • Persoalmente, acudindo a unha das nosas oito bibliotecas cubrindo a solicitude
  • Electrónicamente, a través da nosa páxina web, cubrindo o formulario

Os clubs de lectura e a diversidade

Son moitas as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais, moitas e con moi diversos intereses. E precisamente por esa diversidade, a experiencia resulta enriquecedora e satisfactoria. Intercambio de opinións, vivencias, puntos de vista en torno ás vidas ficticias de personaxes que salen do papel e viven fora da ficción, e que no fondo son reflexos ficcionais de personaxes que, en maior ou menor medida, crúzanse nas nosas vidas no día a día.

 F4-CVRKitchen

E a diversidade é tamén o motivo deste post. Celebrar a diversidade afectivo-sexual por medio dunha convocatoria especial para as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña e con motivo das actividades relacionadas co día 28 de Xuño, a celebración do día do orgullo LGTBQ no que se conmemoran as revolta de Stonewall no 1969 en Nova York e que se convertiu en data clave da loita pola visibilidade das sexualidades diversas.

Dende as Bibliotecas Municipais queremos invitarvos a participar dunha sesión especial do Club de lectura no que saborearemos a narrativa de Banana Yoshimoto co libro Kitchen e a súa contrucción de personaxes diversos, historias cotiás e trasfondo universal. Así que se xa participas dalgún dos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais e queres aproveitar a coñecer ao resto de participantes doutras biblitecas, esperámoste o martes 2 de Xullo ás 19h. na Bibioteca de Ágora para facer unha posta en común arredor da obra desta xaponesa.

Podes apuntarte chamando ao 981189886. As plazas son limitadas!

Tenemos que hablar de Kevin. Lionel Shriver

tenemos-que-hablar-de-kevin-18388Desta vez temos que falar de Kevin, para rematar estas últimas sesións antes do verán. Temos que xuntarnos e discutir sobre el, sentármonos con calma a debullar os seus dezaoito anos en ver onde fallou a súa conduta, falar entre nós das súas carencias, das súas grallas e das nosas. Portarnos como eses pais que desexan un fillo e celebran a súa chegada pero que despois se van afastando do idealizado mentres o individuo se vai formando a si mesmo, tan distinto do prantexado, tan evidentemente autónomo.

Tenemos que hablar de Kevin,novela moi recente da novelista norteamericana Lionel Shriver (xa presenta a autora un grande rasgo de personalidade cando aos quince anos mudou o seu nome conformista, feminino e lindo por un nome masculino e que lle soaba mellor), atrápanos desde a primeira liña cunha historia simple na que non custa espellarse; unha parella de clase media alta e bastante nova, profesionais de éxito en traballos pouco comúns, ela –Eva- de pais armenios e fortes conviccións antiamericanistas e el –Franklin- fotógrafo capturador de localizacións para publicidade, norteamericano de postal, espécime absoluto do “american way of life”. Ambos os dous desexan dar un paso máis despois do convencional casa-coche-voda e deciden ter un fillo. Ben, el desexa ter un fillo pero ela, non tanto…

É este distanciamento da nai e da convención social que son o instinto maternal e a maternidade nos nosos días un rasgo e case unha carga xenética que atrapará e formará o carácter do noso Kevin? Porque Kevin é noso, do lector, vémolo medrar e vémolo medrado, sabemos desde o principio dos seus días o que acontecerá anos máis tarde, o motivo polo que teremos que falar tan seriamente sobre el.

We-need-to-talk-about-Kevin-1

Un cativo nada tenro nin agarimoso, unha frialdade e enfado perpétuo envólveno desde o berce, un desapego que chega a nós desde a perspectiva da súa nai Eva, que capítulo a capítulo, carta a carta dirixida a Franklin, vainos dicindo como foi esa relación familiar entre eles desde o antes de concibir ao fillo até moito despois da barbarie que cometerá xusto antes de cumpri os dezaoito da maioría de idade.

Esta Eva que nos comprime no seu mundo de viaxeira e redactora de guías de viaxes e que coa maternidade vai diminuindo en proporcións a pasos de xigante, chegando da liberdade absoluta á íntima escravitude do fillo, a tiranía dos sentimentos que son máis obrigas que amor de nai e que culminan nunha desastrosa relación nai-fillo dunha dureza sorprendente e que mesmo nos fai tolerantes e compasivos ante temas tan brutais como a delincuencia xuvenil, o maltrato psicolóxico, todo coa temática de fondo das matanzas  nos institutos norteamericanos, tema tan alleo -polo momento- a nós, a non ser pola moi comentada e mediática matanza do instituto Columbine.

Un lectura, desta vez, que nos fai partícipes mentres nos achega un segredo que non se desvelará até o final.

A novela levouse ao cinema recentemente con Tilda Swinton no pel de Eva, John C. Reilly no de Franklin e Ezra Miller como o Kevin adolescente.

Páxina da autora na wikipedia: http://es.wikipedia.org/wiki/Lionel_Shriver

kevin2

OS LIBROS ARDEN MAL. Manuel Rivas

oslibrosA cidade que le,lema de promoción cultural na nosa cidade, apareceu en forma de cartaces e proxectos de animación e achegamento á lectura hai un par de anos, pero tamén foi unha das referencias que desapareceron do noso antigo escudo histórico. Di Manuel Rivas en Os libros arden mal que no vello escudo da Coruña figuraba un libro aberto ao pé da torre e que daba medida da grande importancia da cultura e da lectura no noso lugar, onde tanto o faro como a caveira do xigante Xerión, acoutaban a nosa historia. Co tempo e cos avatares da historia ese libro desapareceu e, con el, outros moitos máis, os libros palpables e reais. Ardidos, queimados, expoliadas as bibliotecas e, por tanto, ceifados os camiños da cultura dunha xeración secuestrada e incerta.

Os libros arden mal, pero arden e con este auto de fe da Falanxe en pleno agosto do 36, a queima cruel e desapiadada, queimáronse as raíces do pensamento e da formación futura.

Con esa fotografía das pías fumegantes de libros, da queima vixiada polos falanxistas, armados e co brazo en alto, Rivas comeza unha novela polifónica, poliédrica, que crea un mosaico de memoria xunto coa xente e os tixolos da cidade, recanto a recanto toda Coruña vai tomando unha voz de séculos que declarao seu auxe e a súa caída.

Cando un grupo de mozas e mozos republicanos van debullando as súas historias e entrelazándoas, asistimos á reconstrucción dunha cidade e o seu desenvolvemento a través dunha guerra que pasou de refilón para uns e de cheo para outros, prantexando a reconstrución da esperanza e da formación dos plans de futuro a través do medo, da fuxida, da emigración, da volta ao pasado.

O expolio das bibliotecas públicas e dos ateneos culturais e das coleccións privadas –como a de Casares Quiroga, na rúa de Panadeiras- constitúe a grande metáfora que é a espiña dorsal de OS LIBROS ARDEN MAL, a queima do futuro e das posibilidades dos novos, a desaparición de toda referencia para o pensamento, a formación e promoción das vindeiras xeracións tras da postguerra, caídas na involución e o retroceso cara ao que cada guerra nos leva –ou nos devolve-, no banzo primeiro da inxustiza e da incerteza que veñen da ignorancia forzada.

Polca o gaiteiro enterrador, o cantante Terranova, a misteira Olinda e a súa filla lavandeira e clarividente Ó, os boxeadores Arturo da Silva e o Hércules do Papaigaio, amigos que se crían na cultura das ruelas da antiga pescadaría, van dando testemuña dos anos previos á guerra, da placidez e os recursos que se atopan na liberdade e de cómo se destrúen todos os camiños e as unións cando estoupa a guerra, a caza, como di un dos protagonistas, que a guerra se convirte nalgúns lugares nunha auténtica caza.

No bando contrario, en non querendo falar de vencedores e vencidos, un censor que odia tanto os libros como lle fascinan, un xuíz co degoro de atopar a Biblia de Borrow pero tamén de destacar por riba de canto se lle poña diante, a súa muller, Chelo Vidal, unha pintora que reflicte o espírito de traballo e de sacrificio das mulleres pero tamén encarna a idea de liberdade e progreso. E, entrementres, personaxes reais que conforman os ganduxos deste lenzo, o ditador de corpo presente, o pintor Urbano Lugrís, Sada, cos seus “atentados” de pinturas no Azor, o ideólogo nazi Carl Schimdt, e o grande prexudicado do cambio de tercio, o perseguido até o expolio e a aniquilación do seu nome e a súa sombra: Santiago Casares Quiroga.

Novela dura pero fluida, novela río de seu, traza con rapidez unha senda que aos de aquí nos fascina e nos atrapa polo efecto espello que provoca a identificación para o lector se se presinte no que se narra. Recoñecemos os lugares, sóannos os nombres e as anecdotas, ás veces voltas a enlear polo tempo, máis cargadas de tintas e de esaxeración, pero recentes aínda no noso patrimonio intanxible.

Curioso ver como os aparentemente inconexos capítulos iniciais nos levan até unha confluencia no auto da queima, todos os protagonistas xiran arredor do lugar das follas ardendo e do fume, dalgún xeito chegaron alí para ollar, para doerse ou tratar de rescatar unha ínfima memoria, o olor das páxinas queimadas grabado para sempre no narís, os libros como despoxos de animais mortos, e alguén que recoñece unha capa coñecida, que arrisca a punta dos dedos nas brazas, que fica luxado co tisne, pero que aínda sabe que os libros arden mal, pero que nos fan vivir e que nos salvan.

 

manuel_rivas

OS LIBROS ARDEN MAL É UNHA DAS NOVELAS GALEGAS MÁIS PREMIADAS DE TODOS OS TEMPOS:

MANUEL RIVAS na wikipedia http://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Rivas

Manuel Rivas en El poder de la palabra http://www.epdlp.com/escritor.php?id=2214

O retrato de Dorian Gray. Oscar Wilde

O Club de Lectura da Biblioteca de Monte Alto comenza unha nova lectura cun clásico. É curioso o efecto de reler un libro despois de moito tempo. Revisitar os recordos e reenganchar todo o que quedou desatrapado no tempo, comprobar como o recordo foi avariando a memoria, deformando as imaxes e os contidos, facendo unha nova versión do que realmente foi. Idealizar, disque se chama esta confusión do vivido e do pensado.

É recomendable tamén este xogo de memoria, o de revisitar o pasado de cando en vez. Volver moitos anos despois a unha lectura de xuventude, cantos máis anos mellor, por ver como sobreviviu na nosa idealización e onde fica o que pervive.

O retrato de Dorian Gray serviunos para facer este experimento. Primeiro tratando de espertar todas as sensacións durmidas que deixou o libro que limos sendo adolescentes lectores, polo xeral, e todos coincidindo no básico: a historia dun home que vendeu a súa alma por non envellecer.

Desde os quince, os vinte anos, máis ou menos, de cada quen que leu esta obra e deixou pasar outros moitos, rescatamos esta idea primordial e tratamos de ver se tras a súa redescuberta a sensación era a mesma.

Curioso ver o envellecer dun libro cuxo protagonista non se fai vello nunca…

Oscar Wilde (Dublín 1854- París 1900) fixo da súa única novela un retrato da boa sociedade

O retrato de Dorian Grey é unha excusa para un retrato máis pormenorizado e a maior escala dunha sociedade que busca a beleza e o benestar como algo valiosísimo pero inútil. Reflexo da arte e nunca imitación da vida, a beleza –e arte, porén- serán algo preciado pero inútil.victoriana, os costumes, o xogos das afinidades electivas e das apariencias, as poses de salón e os espellismos sociais, a refinación e a afectación como modelo de conducta, a falsa moralidade e, por detrás diso, socialmente convido, a malformación moral, o vezo.

Deste xeito, por riba da historia do home novo retratado que estanca a súa idade no momento de máxima aceptación pola apariencia de virtude e boa conduta que transmite o seu aspecto –o retratado e o real-, a historia é unha loita de contrarios, o universo a balancearse entre as dualidades: o vezo e a vertude, a fidelidade e a traizón, o ben e o bal, o amor e u odio.

A beleza por riba da moralidade e das convencións sociais lánzanos, a través de numerosas disertacións e preguntas retóricas de Wilde, que se reflicte no personaxe ladino de Lord Henry Wotton, unha busca da nosa propia posición con respecto ás evolucións do carácter de Dorian, que pasa de ser un rapaz inocente a un home pagado de si mesmo e máis tarde de conduta atroz en base á adulación social.

A adulación do cadro, a fidelidade do retrato co orixinal, pasará a ser a aceptación cos ollos pechados da bondade do propio Dorian e a permisividade que virá logo desa aceptación. Ademais, os consellos de Wotton, quen ve no propio Dorian o lenzo en branco no que poder pintar as súas frustracións, van deformando interiormente ao xoven, conducíndoo, sempre agochado por unha face benévola e inocente, a un mundo de inmoralidade e crime cada vez maior e sen remorsos. Mentres, na escuridade do faiado, o cadro vai deformando o seu aspecto, co paso do tempo e dos actos terribles do seu modelo, sendo testemuño e copia fiel da desintegración da súa alma.

Unha novela pola que pasaron cen anos e pasarán outros máis sen que se deforme o seu sentido e o seu pouso. Sobre a que pasaron nesta ocasión, vinte e máis anos da súa lectura e volvemos atopar un novo senso no que noutrora foi unha lectura recomendada para os novos pero na que o adulto achará sensacións primeiras e frescas. Porque Dorian, un dos dous Dorian, o de pel ou o de lenzo, non murcha nunca.

LIBERTAD. Jonathan Franzen

Hai novelas que funcionan como un puzzle pero non chegamos a sabelo até que todo por fin encaixa. Primeiro reunimos un conxunto de pezas que non saberemos até moito despois para qué nos servirán e tratamos de buscarlles unha conexión e mentres a historia se desevolve, as arestras van puíndose, os lados atopándose e encaixando as fendas entre si.

En LIBERTAD, do norteamericano Jonathan Franzen (Chicago, 1959), cada unha das pezas que se nos ofrecen ten un nome propio, unhas características físicas, unha historia pasada e un desenvolvemento individual e tanxencial co dos demais. Así vai armándose a estrutura da historia e vai rolando a acción.

O que comeza nun barrio residencial de clase media da periferia dunha cidade norteamericana típica e remata (isto non é un spoiler) no mesmo punto dun idéntico barrio noutra cidade semellante e, apostando por unha estrutura circular, é a historia dos Berglund, unha familia normal, americanos de clase acomodada de ascendencia europea e de ideas progresistas.

De cada un dos Berglund iremos coñecéndoo todo, as súas orixes, a infancia, os recordos, os remorsos e cómo os límites dos seus respectivos mundos entran en conflito cos mundos dos demais, creando os alicerces desta historia.

A liberdade á que se refire o título escollido por Franzen é non tanto a liberdade soñada como a posible, a que nos pode permitir o conxunto de liberdades dos demais, e vai sendo desafiada polo desenvolvemento de cada un dos personaxes que flutúan polas páxinas da novela.

Walter e Patty Berglund son un matrimonio maduro, típica estampa do soño americano estándar, unha boa vivenda, bo traballo do cabeza de familia, unha discreta e pulcra nai ama de casa, fillos educados en colexios estupendos e moitas historias –persoais- que ocultar que foron as que permitiron a cada un deles chegar a ese punto das súas vidas.

Richard, amigo de Walter dos tempos da universidade e obxecto de curiosidade e desexo por parte de Patty é o terceiro lado do triángulo que descompensará a perfección do matrimonio xa aborrecido, demasiado políticamente correcto e é tamén o punto en que esperta o primeira concepción da liberdade: a de escoller.

Con repentinas referencias a Guerra e Paz, o triángulo formado por Walter, Patty e Richard, suporá un epicentro da acción e o protagonismo irá dun a outro como eixo central, entramándose a evolución de cada un e os seus puntos de vista ao longo do tempo, mentres a través de argucias narrativas como flash backs, recordos, memorias e até unha autobiografía da propia Patty, chegamos a ver cómo a liberdade dirixe os nosos soños pero tamén nos afasta deles.

E xunto con eles tres, os fillos dos Berglund, as súas parellas, a compañeira de traballo de Walter, os pais e nais de cada un deles, todos os personaxes que conformaron aos protagonistas e os foron puíndo até facelos como son, van entrelazándose nesta historia de ecoloxismo, política, valores post 11-S, republicanos e neocons, pais e fillos e que non deixa de ser un reflexo de nós mesmos, de cómo a liberdade nos levou a elexir entre varias opcións e, mesmo estando conformes coa escollida, nunca deixaremos de pensar nas que quedaron sen escoller…

http://es.wikipedia.org/wiki/Jonathan_Franzen

 

Dublineses de James Joyce

De Dublineses poden dicirse mil cousas diferentes e todas serán verdade. Dicir, por exemplo, que Dublín é a auténtica protagonista dos quince relatos de Joyce e, tamén, que os personaxes, do primeiro ao último, sen tocarse entre sí dun a outro conto, forman unha unidade case novelesca.

O Dublin de James Joyce

O Dublin de James Joyce

Pódese dicir tamén que aínda que medra como un ser vivo, nacendo no primeiro relato, desenvolvéndose a través da infancia e da adolescencia nos seguintes, madurando en idade a través de cada protagonista dublinés, morre estancándose no último pero tamén é circular, volve ás súas raíces e comeza a través da morte a rexenerarse, como se rexenera unha cidade con mortes e nacementos cada día.

Dublineses de James Joyce

Dublineses de James Joyce

Pódese dicir que case un século despois (publicouse en 1914) este Dublín e aquel Dublín son a mesma cidade porque a parálise e o estancamento do que fala James Joyce é algo intrínseco do seu pobo, tal que a insularidade, tal que o carácter nórdico, tal que o frío e a chuvia irlandeses.

A través destes quince relatos a infancia, a adolescencia, a adultez e o outono da vida van perfilando o comportamento da cidade e tamén ao revés, ésta vai enmarcando o carácter de cada quen. Os nenos que xogan na rúa e de pronto descubren a realidade da doenza e da morte ou o amor e o sexo, a muller que escolle entre o sometemento e a vontade propia, a liberdade ou o matrimonio, a relixión, o alcoholismo, o determinismo de certa raza, certa situación, certa época, definíndose como algo centrípeto do lugar.

Achegarse a James Joyce (Dublín, 1882-Zurich, 1941) é recomendable facelo a través do seu retrato dublinés. A súa prosa cínica é unha representación absolutamente gráfica das xentes do seu redor, unha mostra de cada estrato da sociedade na que viviu e na que observou cada vezo ou gralla que despois descomporía para afianzar miúdos personaxes impecables que un século máis tarde seguen vivo e imperturbables até rematar na apoteose de Ulises (1922) case pensando en que todo o anterior non deixou de ser un ensaio argumental e de tipos, unha montaxe da tramoia de todo o que viría despois. Algúns mesmo xa pululan por estas páxinas case vinte a nos antes.

Abríndose e pechándose coa morte, cada un dos retratos dublineses é o que Joyce chamaría unha “epifanía”, unha pequena revelación moi íntima dunha verdade suxerida que se volve explícita de pronto. Un chispazo de luz, algo moi próximo á revelación. Desde a propia conciencia de clase até a culpa, a desintegración e os remorsos, pasando pola frustración e a inmobilidade, todos os dublineses destas páxinas conclúen no desafiuzamento; nunca conseguirán nada diferente do que o destino lles deparou, móvanse para onde se movan a parálise –de movementos ou de intencionalidade- deterá o seu progreso.

Este será o leit motiv do autor quen definiu este conxunto de relatos cunha finalidade concreta: “A miña intención era escribir un capítulo da historia moral do meu país e escollín Dublín para escenificala, porque esa cidade parecíame o centro da parálise”.

Impecable na factura, inspirador en cada liña, divertido e grotesco a un tempo, Dublineses non só é un marabilloso conxunto de relatos, senón un manual de estilo onde aínda se miran moitos escritores. “Os mortos”, o último dos relatos, case cualificado como unha novela curta dentro do libro, segue a ser un dos contos en lingua inglesa máis importante de todos os tempos e un colofón perfecto para estas estampas de Dublín.

Diario de la guerra del cerdo

Cubierta Diario de la guerra del cerdoNovela inclasificable, entre a literatura utópica, futurista e a realista, semella traída ao caso desde o ano da súa escrita –1969- até os nosos días. O tema de fondo é unha moi evidente crise económica que nos lembra a incerteza e a nosa propia situación como lectores. A acción trasconrre sobre un fío conductor de violencia e medo, de busca de alternativas para sair desa crise ou, polo menos, de paliar os seus efectos e ver a luz ao final dun túnel demasiado escuro.

Dende as primeiras páxinas podemos apalpar esa incomodidade que vai ir desenvolvéndose, facéndose medo e desesperación moi pouco a pouco, segundo coñecemos o personaxe de Isidoro Vidal e os seus compañeiros, todos homes entrados en anos e que se reúnen para pasar longas tardes de cartas, conversas e remembranzas do pasado.

O que é nun principio algo incomprensible, unha estraña actitude contra os vellos, vaise facendo pública e ascendente, desde o insulto á agresión e chegando á persecución e ao asasinato. Cando morre a primeira vítima de grupos de xoves violentos organizados, é cando comeza esta guerra xeracional, esta loita contra os vellos –os denominados porcos do título- e que levan aos maiores a vivir sumidos nunha vixilancia constante e desesperanzadora, levando unha vida de precaución e clandestinidade que se volve suspicaz, conspiradora e incómoda.

Isidoro Vidal, sobre quen recae todo o peso da acción, é un home que vive nun punto entre os banzos últimos da madurez e a primeira vellez. Móvese nun ambiente cercano ao perigo, consciente de que sobrepasará en breve os límites da idade permitida para a supervivencia. Aínda que ao principio a súa incredulidade obrígao a pensar que os casos de violencia e morte son illados e non responden a un patrón común de xerontofobia, pronto vivirá o temor no máis profundo, sendo obrigado a gorecerse na sombra, no silencio e na constante alerta.

O que nun principio é unha sospeita sobre que alguén está tratando de liquidar a todos os vellos, de socato convértese nunha certeza para Vidal, exposto á delación incluso polo seu propio fillo ou os seus compañeiros de partida e conversa.

É interesante ver cómo esta novela amosa diversos aspectos a destacar. Primeiro, desde un punto de vista literario, podemos ver como o ritmo vai acelerándose, subindo de ton e de claridade na súa intencionalidade. O que nas primeiras liñas é unha suposición, unha simple sospeita, declárase probado máis adiante e aínda máis adiante convértese nun perigo constante nun pavor auténtico: ser vello é unha sentencia de morte.

Por outra banda, dentro da intención da novela, vemos como utópicamente o home trata de desfacerse de todo elemento inútil para unha sociedade estritamente mercantil e produtiva e máis que nada baseada na idea da obsolescencia programada (idea moderna de máis para unha novela que ten corenta anos), onde o que xa non serve para nada, nin produce nada pero si consume efectivos debe ser separado do grupo e destruído.

É unha reflexión, sobre todo, interesante, sobre como se acepta a vellez na sociedade actual occidental, de cómo se puido plantexar nun principio unha matanza de cativos pola mesma improdutividade pero iso significaría rematar co futuro e o porco, do que neste caso non se pode aproveitar absolutamente nada, é o vello que xa non rende. Todo pasando pola riba da premisa de que o tempo nos iguala a todos, que a xuventude é unha doenza que o tempo cura, e que precisamente os verdugos serán mañá, probablemente, novas vítimas.

Adolfo Bioy Casares (Buenos Aires, Argentina; 15 de septiembre de 1914 – ibídem, 8 de marzo de 1999) foir un importante escritor argentino que frecuentou as literaturas fantástica, policial e de ciencia ficción. Debe, ademais, parte do seu recoñecemento á súa amizade con Jorge Luis Borges, con quen colaborou literariamente en varias ocasións. Este considerouno un dos máis notables escritores arxentinos. A crítica profesional tamén compartiu a súa opinión: Bioy Casares recibiu, en 1990, o Premio Miguel de Cervantes.

[Fonte: wikipedia]

YA NO PISA LA TIERRA TU REY

Moitas veces reflexionamos sobre o sentido que ten un clube de lectura, xente de plurais procedencias e gustos, niveis culturais e aspiracións, que nos xuntamos apretadamente arredor do mesmo título, imposto por non sei qué criterio. Sabemos de antemán que non chegaremos a uniformidades, a conclusións, que despois de dúas horas os temas derivarán cara aos nosos aspectos persoais, que se perderá o espírito primeiro, que pesará máis o non que o si e que ás veces o libro quedará a medias como un bocado esquecido.

Pero logo, pese ao si e o non, resta o descubrimento, e dámoslle resposta ao para qué. Para descubrir.

Principalmente estamos nun clube deste estilo para sair da casa, para ler, para xuntármonos, para coñecer xente, para isto ou para aquilo, pero o que nos une, por riba das calidades e das cualidades lectoras é o descubrimento.

Penso que eu me apuntaría a un clube de lectura porque alongaría os meus brazos para poder chegar aos andeis aos que por min mesma nunca chegaría, que daría atopado libros, autoras e autores, textos e capas que eu soa non, nunca. Que o marketing deslúmbranos até cegarnos, que moitas veces non podemos pasar máis aló dos andeis publicitarios, que funcionan como barricadas de best-sellers que non nos deixan ir máis alá. E entón chega, o descubrimento. Alguén de quen nunca temos escoitado falar, e os nosos reparos, a anti-intrepidez.

No caso de Cristina Sánchez-Andrade (Compostela, 1968) era o absoluto descoñecemento, ninguén, ningún de nós a escoitara nunca. Achegámonos a ela por sabela da casa –ese apelido- e polo fantástico título YA NO PISA LA TIERRA TU REY. O resultado: descolocados totalmente polo achádego non podemos entender que non se lle dea o coñecemento suficiente a esta autora que bebe do realismo máxico de raíces cunqueirianas pero tamén influída polo vido de alénmar.

A novela, máis un conto que se alonga até declinar e esluirse, ten unha estrutura complexa e incerta formalmente que atenta contra as bases estándar do relato.

Narradores plurais, personaxes crípticos e múltiples, monxas que actúan como un corifeo, ausencia de espazo e tempo, chiscadelas a coordenadas galegas, unha linguaxe sinestésica e cargada de acertados galeguismos que nos van atrapando pouco a pouco.

A forma vai collendo altura sobre o contido para abranguer moitos elementos estilísticos nunha trama simple: un pazo e un convento, un marqués, unha abadesa e unhas novicias –vinte ou máis- que actúan e falan e doen como unha soa. Un matrimonio concertado cunha misteriosa dama para evitar que o galo asalte as galiñas choutando por riba das tapias. As alegorías, a soidade grupal, a perda da liberdade, a perda da identidade esluida no interior dun grupo, a interdependencia…

O relato vai despuntando cara a todos os puntos cardinais, pero non conclúe en ningunha parte, bríndanos pasaxes excelentes, e unha técnica impecable para destacar a retórica. Onomatopeias galeguizadas, sinestesia da máis pura, descripcións animalizadas que perfilan personaxes incriblemente estraños pero próximos ao lector, brillantez e frescura máximas nesta historia de lealdades e traizóns, de espazos pechados e liberdades, de rostros agochados e olladas múltiples, de monxas, abadesas, marqueses e lacaios, novicias lavandeiras, negras, grandes, pequenas e contestatarias que, as veces, semella que non leva ao lector cara a ningures, pero coa convicción de que percorrer ese camiño, só polo feito de ver o que acontece e como se vai contando, paga a pena.