Author Archives: remevmeitinc

Roteiro Literario A Esmorga. Clubs de lectura Biblioteca Ágora

O pasado 10 de xuño os clubs de lectura da Biblioteca Municipal Ágora visitamos Ourense. O motivo non era outro que percorrer o roteiro literario de A Esmorga. A nosa guía era Rosa, unha apaixoada da literatura e arquitectura da súa cidade. Ourense, como ben se sabe, engaiola nada máis poñer os pés nel. As prazas, as rúas empedradas, ese sol abafante…

roteiro literario

Da man de Rosa soubemos meternos na pel dos protagonistas de A Esmorga: Aladio Milhomes,  Cibrán o Castizo e Xanciño o Bocas. E soubemos agradecer a primavera, xa que eramos conscientes do ambiente húmido e frío que reflicte a novela.

IMG-20150625-WA0005

Na tarde acudimos á exposición O Bodegón Oculto, na Fundación Abanca. Un percorrido polos bodegóns de pintores galegos dende os cadros máis clásicos ás obras máis modernas.

Aquel día transportámonos a outro século e outra maneira de vivir e comprender a sociedade do momento, pois observamos a cidade con ollos viaxeiros no tempo.

A Ourense tamén fumos de algueirada: comer e beber nos lugares máis tradicionais do casco vello,  compartindo a amizade surxida da unión dos clubs de lectura. Porque unha vez máis, a biblioteca proporciona un lugar de encontro, de abeiro e de formación.

IMG-20150625-WA0002

Para o vindeiro curso prevemos que poidan abrirse prazas para os clubs de lectura dos martes e dos mércores. As inscricións estarán abertas a partires de setembro.

Un Roteiro Rosaliano por Compostela

rosaliaQue Rosalía é unha poetisa universal é cousa que sabe todo o mundo, e que a súa poesía está máis presente ca nunca comprobárono os participantes dos clubs de lectura Ágora durante a pasada semana de novembro.

Achegámonos a un vídeo documental que nos donou a AS-PG de A Coruña titulado I ante aquel silencio Mudo: Rosalía e Cantares Gallegos, e desfrutamos do bo facer dos expertos Pilar García Negro e Francisco Rodríguez. Un documental gravado polo 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, no que mozas e mozos, e escritores e escritoras galegos recitan unha escolma moi xeitosa nun entorno de sobra recoñecible para calquer coruñés.

Pero o trato era outro, había que poñerse na pel de Rosalía e sentir coma ela sentía, e ver, canto dela hai en nós hoxe. Por iso, e porque contabamos co apoio de Merche Espiño, marchamos a Compostela o xoves 20, no tren das dez da mañá. Non hai choiva compostelá que se atreva a desafiar un roteiro rosaliano…

DSC04225

Varios emprazamentos lembran a Rosalía de Castro en Santiago, casas nas que viviu, prazas que cruzou, xardíns, rúas, vistas…o mérito de Merche Espiño estribou en transportarnos ao século XIX e documentarnos coa súa verba e con fotografía antiga, de xeito que podiamos ver a casa familiar, o centro onde estudiou, o teatro no que actuaba.

Construimos un retrato da poetisa que nos levou a estar máis preto dela, mais non era nin por asomo un sentir tal, como o que Pilar Maroto nos transmitiu no seu recital. Son 88 os anos desta muller. Ten unha presenza Pilar, que enche calquer escenario. Unha voz que atravesa calquera fronteira, unha ollada que abriga, un abrazo que achega. Di ela que descubriu a Rosalía cando emigrou a Bos Aires, e non a había descubrir…

Recitaba, cunha amargura contida que só presta a experiencia. Cantaba, cunha sorna e unha verdade que os artistas envexan. Foi coma un vendaval que pasou con forza por riba de todos nós, deixándonos espidos. “A poesía, aínda me segue axudando” – nos dixo a modo de despedida.

IMG-20141124-WA0010

– Imos xantar – dixemos cando rematou o encontro. – Imos.  -E fumos calados, abeirados polas rúas compostelás baixo un sol cativo, agardando que o comer nos devolvese ó realismo.

Na tarde, marchamos á Fundación Abanca ver a exposición Tradición, Cambio e Innovación. Asistimos a unha visita guiada a través dos séculos e dos artistas máis relevantes, especialmente galegos. De artistas galegos tamén se nutre Arga en Compostela: exposición colectiva, da que forma parte Rosa Guisán, do club dos martes. Celebramos con entusiasmo poder ter a artista ao noso lado cando entramos na Galería Sargadelos.

Somos un club de lectura. Gostamos de xuntarnos e vivir experiencias, arredor dunha personaxe literaria, dunha obra, dunha canción. Arredor dun café, nunha rúa en Compostela, nunha aula, nun tren. Somos un club de lectura, dous, tanto ten. E declarámonos dende xa e para sempre,  seareiros de Rosalía. Seareiros da poesía.

MAPA copy

Píntame un año

– Píntame un año!  -Peguei un brinco como se me ferise un raio, refreguei os ollos, mirei ben arredor de min e vin un rapaciño extraordinario que me ollaba gravemente. Velaí tedes o mellor retrato que, máis adiante, conseguín facer del. 

Image        Hai un s días saiu do prelo a viséxima edición en galego de ‘O Principiño’, obra que na editorial Galaxia se publicou no ano 1972 en tradución de Carlos Casares. Co gallo deste acontecemento a Editorial Galaxia botou a andar un concurso en twitter que animaba aos tuiteiros a que explicaran por que lles gusta ‘O Principiño’. A través do hastag #gustameoprincipiñopor trasladáronse as opinións, textos, emocións e sensacións que, en 140 caracteres, O Principiño de Saint-Exupéry segue a provocar nos seus lectores. O concurso gañouno Patricia Blanco co tuit #gustameoprincipiñopor porque mo imaxino así conversando coa súa flor. 

 O xurado achou que os traballos de Patricia Blanco, pola súa variedade, carga poética e relación con ‘O Principiño’ eran os merecentes do premio, consistente nun exemplar do libro en capa dura  e un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor no ano 1972 do libro cando se publicou por vez primeira na editorial Galaxia. Parabéns!

Aínda con todo o tarde que cheguei ao twitter, o concurso fixo que O Principiño caese de novo nas miñas mans. A primeira vez que o lin, coido que era moi pequena  xa que non entendín nada. Que lío de historia, non ten sentido! E non quería pensar, e non quería deixarme envolver, e non quería, e non quería… Sen embargo, lino outras veces e xa había un lugar na miña mente para esta historia. Ás veces as historias atópannos a nós, e aínda non tivemos tempo de prepararnos para coñecelas. Máis temos a tranquilidade de saber que están aí, esperando a ser lidas.

Aunque non gañei o concurso, escribín tuits igualmente, algúns publiqueinos e outros simplemente os imaxinei, mentres camiñaba, mentres durmía, no baño, ollando a neveira… podo compartir con vós algún, aunque vos confeso que vergoña me dá abrir a fiestra dos meus pensamentos. Pensádeo vós tamén #gustameoprincipiñopor

#gustameoprincipiñopor voltar á esencia das cousas

#gustameoprincipiñopor que ler na miña lingua nai é un pracer

#gustameoprincipiñopor ir cansa de sumar, restar, multiplicar…

#gustameoprincipiñopor que eu tamén vivo nun asteroide

#gustameoprincipiñopor agardar sempre resposta ás preguntas.

E a ti? Gústache O Principiño?

Algún conto…LGTB

«Bien mamá […] tengo que decirte que nunca me han gustado mucho las princesas…»

Isto é o que o xoven príncipe advirte á súa nai cando, chegado a unha idade, ésta se emperra en casalo, e logo de moito buscar e ver desfilar centos de exóticas princesas ao máis puro estilo de conto de príncipes que escollen princesas foi quedar prendado do irmán da última que se veu presentar. De Lee. Porque nos contos infantís, o fío de esperanza hai que respectalo sempre. E agora, co poder que se me otorga, declárovos Rei e Rei.

 Noutro reino, o de Trasantonte, Titiritesa e o seu burro Bufaldino van rescatar a Wendolina. Wendolina ía diante e Titiritesa, detrás. – Que ben cheiras…! –murmurou Titiritesa. –É colonia de azucre! –dixo Wendolina. Entón sentiron un airiño trangalleiro que lles fixo cóxegas no pensamento.

Máis neste tipo de contos sempre Foron Felices e Comeron Perdices. Puidera parecer unha trama ficticia ou que tódolos contos son historias inventadas, sen embargo, tamén ocorre que ás veces estas tramas atópanse en historias de diario, cotiás, que descenden ao nivel máis sinxelo para chegar aos infantes do xeito máis natural.

E se non credes, ollade As Cousas Que lle Gustan a Fran:

Isto é coma todo, hai boas historias e hainas malas, hai boas edicións, e malas, hai boas ilustracións e malas, hai historias nas que a mensaxe LGTB é a única trama e hainas nas que é tan só un tema secundario. Asistimos a unha integración da temática LGTB na LIX e de momento estamos no primeiro estadío: explicando que existe. É o caso de Aitor tiene dos mamás, o rapaz vese na obriga de xustificar a composición da súa familia diante dos seus amigos para ser aceptado e frear os comentarios. Sen embargo, chegará o momento no que xa non se escriban historias para explicar a situación senón que a situación formará parte dunha historia.

Para os rapaces, unha das mellores obras LGTB dos últimos tempos escribeuna Concha Blanco en 2008: Nano é un mozo que ben se pode identificar co inverno, pola súa cor gris, estación do ano de días curtos e noites longas…

Todas e cada unha destas obras, xunto con outras moitas, atópanse nas Bibliotecas Municipais a disposición dos usuarios, para compartir e gozar de maneira individual ou en familia. Están aí para que lle amosemos aos nosos nenos e nenas, rapaces e rapazas o tipo de sociedade que queremos ter.