Author Archives: nmartinezrey

Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!

Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.

Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.

Muller lendo un libro
Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM

Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)

Luisa_VillaltaRecoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.

Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.

A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).

Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)

Dores_Tembras

Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.

Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.

No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.

Olga Patiño (A Coruña, 1949)

Olga_PatiñoDocente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.

A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados(2002), “Atmosferas(2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado(2013), “Territorio acoutado(2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978)

Emma_PedreiraFilóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.

A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)

Pilar_PallaresPoeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.

O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade é galardoado co  Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.

No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)

Estibaliz_EspinosaLicenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.

Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler) , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.

A proposta Mulleres de carne e verso chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!

Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso.

Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).

Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!

Mulleres, poetas e galegas

Cada 21 de marzo, desde a súa aprobación pola UNESCO na 30ª Conferencia Xeral en París no ano 1999, celébrase a nivel mundial o Día da Poesía co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades.

 “A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar da maneira sempre renovada a forma en que utilizamos as palabras e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade”. (Nacións Unidas, 2019)

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña, dentro do noso compromiso de promover a nosa cultura e a lingua galega, sumámonos á celebración desta efeméride tan fermosa coa campaña Mulleres de carne e verso coa que procuramos achegarvos a través das nosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) unha escolma de versos das nosas poetas nuns días especialmente difíciles por mor do Covid-19.

Campaña poetas galegas

A proposta lanzouse a comezos desta semana nos nosos canais corporativos co propósito de celebrar a poesía e honrar ás mulleres poetas. Cada día unha biblioteca da rede foi compartindo as verbas da escritora homenaxeada e ata o momento puidemos gozar dos versos de…


Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977)

Escritora e xestora cultural ademais de creadora e coordinadora dunha das citas poéticas máis importantes na cidade: o ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolve con carácter mensual no Centro Ágora.

Muller polifacética (guionista, presentadora de television, comisaria de mostras de arte e poesía, tradutora) e creadora recoñecida, entre outros, cos seguintes galardóns: Premio da Crítica e Premio Johán Carballeira por “Vivimos no ciclo das Erofanías” (1998), Premio Espiral Maior por “Profundidade de campo” (2007), Premio de Poesía Afundación por “A segunda lingua” (2014).

Lucía Aldao (A Coruña, 1982)

Poeta coruñesa que desenvolve a súa carreira tamén como cantante, guitarrista, guionista e animadora cultural. Xunto á escritora María Lado forma equipo para desenvolver proxectos como o espectáculo poético “Onde estea un cubata que se quite un soneto” ou a exitosa proposta poética, humorística e musical denominada “Aldaolado”.

Publica con Luis Walter Muñoz Fontenla a obra “Unha ducia máis un” (2005) e no ano 2018 sae á luz o seu primeiro libro de poemas en solitario “Todo isto antes era noite”.

Eli Ríos (Londres, 1976)

Autora prolífica que ten publicado obras de poesía, ensaio, narrativa infantil e xuvenil e novela para adultos . Galardoada, entre outros moitos, cos seguintes premios dentro do eido da poesía: XII Premio de Poesía Concello de Carral por “Nós escoitando o badalo de marienplatz” (2009), I Premio Rosalía de Castro por “Café intenso” (2015), XXVIII Premio Torrente Ballester por “Luns (2016), IV Premio de Poesía González López Abente por “Culpable(2017).

Realiza ademais obradoiros de escrita, contacontos para público infantil e colabora na revista dixital de crítica literaria feminista “A Sega”.


Desde o noso Club de Lectura Virtual se sumaron á proposta “Mulleres de carne e verso”, realizando no seu blog un percorrido pola vida e obra da poeta e membro da Real Academia Galega Luz Pozo. Convídovos á pasar tamén por aí e gozar da lectura desta entrada: “Luz Pozo, la poetisa de Ribadeo”.

Estade atentas e atentos ás nosas redes, a vindeira semana compartiremos con vós o nome e as verbas doutras cinco poetas galegas ás que desde as Bibliotecas Municipais rendemos homenaxe. Mentres tanto, despídome cunhas palabras de Audrey Azoulay -Directora Xeral da UNESCO- máis necesarias ca nunca:

Cada forma de poesía é única, pero cada unha reflicte a universalidade da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia. Este é o poder da poesía!

Todos os días son #8m

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, un día para reflexionar acerca dos avances logrados, reivindicar mais cambios e celebrar a valentía e determinación de tantas e tantas mulleres que loitaron e loitan por avanzar na igualdade de oportunidades. Pero cada día é 8 de marzo, cada día dos 365 do ano é unha loita para reclamar os nosos dereitos, romper estereotipos e liberarnos dunha sociedade patriarcal que relega á muller a un papel secundario.

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos a esta loita coa campaña #MulleresCoraxe, rendendo homenaxe a todas aquelas mulleres que, ao longo da historia romperon cos moldes que lles impoñía a sociedade na que viviron. O seu modo de ver e facer as cousas, as súas decisións e o seu traballo supuxeron un avance na defensa dos nosos dereitos.

E aproveitamos a ocasión para recomendar un lote de materiais, que forma parte da iniciativa Date ao lote! e que aborda historias de amor, resistencia e violencia nun mundo no que é preciso mudalo todo: Mulleres e activistas políticas.

mulleres_coraxe

O lote inclúe a novela de María Reimóndez En vías de extinción (Xerais, 2012), o poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através, 2013) e a película Al otro lado (2007), dirixida por Fatih Akin. Leva ademais un dossier con material complementario, que permite relacionar e ampliar contidos. Neste caso, unha entrevista a María Reimóndez e o artigo A xeración Nós-outr@s: mulleres e ensaio en Galicia, de Montse Dopico.

en_vias_de_extincion“Gaia, a protagonista desta historia, é unha deses persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.

Un día, o seu traballo como intérprete fai que a súa traxectoria se cruce coa da cantante de máis éxito do momento. Daquela, todas as certezas que ela manexara semellan estar en perigo. Ou, se cadra, é nesa intersección onde as súas pólas de montañesa políglota e viaxada poden chegar ao máis fondo do ceo”.

teresa_moure

Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida palpitante,
da dor imensa de ver-me desamparada
logo de tantas ideias libertadoras
que pulam, aí onde estais, fora destes muros,
nas ruas, nos antros mal ventilados
que não se conformam com o ar assético da democracia
Mas, sobretudo, este livro
nasce duma ferida
carnosa e suave
que ciclicamente sangra
e que levo aberta
entre as pernas.”

al_otro_lado

“As fráxiles vidas de seis persoas crúzanse durante as súas viaxes emocionais cara o perdón e a reconciliación, entre Alemania e Turquía.

Nejat non mira con bos ollos a relación que o seu pai, Ali, mantén coa prostituta Yeter. Yeter morre inesperadamente, deixando a súa filla Ayten en Turquía. Ayten, lesbiana e activista política, escapa a Alemania onde é acollida por Lotte. Susanne, nai de Lotte, está en contra desta situación”.

Premio ao mellor guión no Festival de Cannes, 2007

Premio Lux do Parlamento Europeo para o Cine, 2007

Lembrade que podedes seguir a campaña Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe, podedes participar das actividades programadas nas distintas bibliotecas da rede e podedes seguir facendo as vosas achegas á nosa wiki colaborativa.

Animámosvos a compartir con nós as vosas mulleres coraxe!!

Falemos de #libreríasmolonas

O Observatorio do Libro e a Lectura acaba de poñer en marcha en Twitter a campaña #libreríasmolonas coa intención de contribuír á difusión da labor das librerías e das persoas que traballan neste gremio. Con esta iniciativa, súmanse á celebración do Día das Librerías que terá lugar o próximo venres 13 de novembro.

Se, coma min, eres unha persoa namorada do cheiro a libro novo, dos marabillosos escaparates das librerías e poderías perderte durante horas e horas nos seus recunchos máxicos de lectura, anímote a que o chíes ben alto!

#libreriasmolonas

  • Onde participar? En Twitter
  • Cando? Do 6 ao 13 de novembro
  • Como? Enviando un tweet a @observalibro co hashtag #libreríasmolonas e compartindo a librería ou librerías que mais che gustan e porqué. Podes empregar texto, imaxes, enlaces e/ou vídeos.

Na cidade da Coruña temos varias librerías molonas, que che parece se lles damos visibilidade na rede?

#Vivalabiblio, campaña do Observatorio da Lectura e o Libro

O Observatorio da Lectura e o Libro pon en marcha hoxe, luns 19 de outubro, a campaña #vivalabiblio para celebrar o Día da Biblioteca. Con esta iniciativa, que estará activa en twitter dende hoxe ata o 25 de outubro, preténdese render unha pequena homenaxe ás bibliotecas e a todas aquelas persoas que as fan posibles.

Como participar?

Enviando un ou máis tweets a @observalibro coa etiqueta #vivalabiblio no que contes cal é a biblioteca na que máis tempo pasas ou pasaches, en que proxectos ou actividades participaches nela ou incluso rendas homenaxe a aquel bibliotecario ou bibliotecaria que un día che recomendou algún libro que te marcou especialmente. Os tweets deberán remitirse do 19 ao 25 de outubro, ata ás 24  horas.

De entre todas as mensaxes recibidas, o Observatorio da Lectura e o Libro seleccionará 5 finalistas, de entre os cales un grupo de expertos no ámbito bibliotecario, elixirá á persoa gañadora. Os finalistas recibirán un lote de libros e a persoa gañadora, desfrutará ademais dunha visita guiada, personalizada e exclusiva, xunto a un acompañante da súa elección, á Biblioteca Nacional de España (BNE).

#Vivalabiblio

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos á campaña #vivalabiblio e animámoste a que compartas a través de twitter o teu amor polas bibliotecas!!

Atopamos historias, creamos vivencias

Dicía Emily DickinsonPara viaxar lonxe non hai mellor nave que un libro” e dende a Biblioteca Municipal Ágora animámosvos a viaxar con nós a través da lectura. Porque sempre hai algo novo por aprender, por descubrir … e que mellor maneira de facelo que compartindo historias, reflexións e experiencias nun club de lectura!

CLUB DE LECTURA XUVENIL QUÉROTE +

Club de lectura xuvenil queroteSe che gusta ler, tes entre 14 e 18 anos e queres formar parte dun grupo que aborda diferentes temas dende relacións saudables a sexualidade consciente, o #CLXQ+ é o teu club.

Comezamos no mes de outubro e reunirémonos os xoves pola tarde, cunha periodicidade quincenal.

Se che interesa participar podes apuntarte cumplimentando o formulario de inscrición na nosa páxina web, que estará operativo dende o 7 de setembro ata cubrir prazas.

Podes botar un vistazo ás fotos do curso pasado no noso perfil en Instagram ou en Flickr!!

CLUB DE LECTURA EN INGLÉS

Agora's Book Club

Se che gusta ler, queres practicar inglés e formar parte dun grupo que se reúne para compartir lecturas… este é o teu club!!

A actividade terá lugar todos os luns a partir de outubro, en horario de 18.00 a 19.15.

O prazo de inscrición estará aberto dende o 7 ao 30 de setembro. Requírese un nivel pre-intermedio de inglés, xa que as sesións se desenvolverán íntegramente en lingua inglesa.

Se estás interesadx en participar, podes anotarte por calquera das seguintes vías:

-Achegándote á Biblioteca Municipal Ágora

-Chamándonos por teléfono 981 189 886

-Enviándonos un correo electrónico bagora@coruna.es 

Ademais …

Temos dous clubs de lectura de adultos, un que se reúne os martes pola tarde e outro o mércores tamén en horario de tarde. No grupo dos mércores todavía hai algunha praza vacante, así que se estás interesadx … pregunta na biblioteca!!

De maior quero ser… pequena!

Comeza o mes de agosto, o mes de verán por excelencia, e gustaríame aproveitar para recomendar un libro que me chamou a atención polo seu título e que me namorou con cada páxina: De mayor quiero ser pequeño, escrito e ilustrado por Ximo Abadía e editado en Dibbuks.

De mayor quiero ser pequeño

Un álbum ilustrado que, a priori está destinado ao público infantil, pode e debe ser saboreado por todas aquelas persoas adultas que na súa apretada axenda olvidaron reservar un oco para mirar o mundo cos ollos do seu neno interior.

Os textos son simples e divertidos e conseguen o seu obxectivo: debuxar un sorriso na cara da persoa que os está a ler.

Pola súa banda, as ilustracións son realmente entrañables e nos transportan a esos momentos máxicos da infancia nos que todo semella ser posible: saír a pasear cun elefante, atopar un pingüín na neveira ou charlar cunha xirafa. E evocaron en min recordos como unha tromba que te sorprende en pleno verán, a brisa do mar cando roza a pel ese primeiro día de praia ou cando empezan a soar os primeiros acordes da túa canción favorita no momento axeitado. Para que te fagas unha idea de que estou a falar… comparto contigo as catro ilustracións que máis me impactaron:

De mayor quiero ser pequeño

De mayor quiero ser pequeño é, en definitiva, unha obra para todos os públicos. Para nenas e nenos porque invita a xogar, a imaxinar e a soñar e para persoas adultas porque nos dá a clave para crecer sen olvidarnos de ser pequenos de cando en vez.

Convídote a gozar desta delicia para os sentidos acompañada dunha boa banda sonora, por exemplo, a canción New soul de Yael Naim.

 

Libros en directo: Paolo Giordano

O próximo venres 19 de xuño terás a oportunidade de ver e escoitar no Centro Ágora a Paolo Giordano. O escritor participará no ciclo de encontros con autores Libros en Directo, presentado por Pedro Ramos.

Paolo Giordano

Giordano (Turín, 1982) falará nesta ocasión da súa terceira novela, Como de la familia, unha minuciosa radiografía da familia moderna.

Persoalmente descubrín a este autor alá polo ano 2009 cando se publicou en España a súa primeira novela La soledad de los números primos. O debut como escritor deste licenciado en Física Teórica resultou todo un éxito, sendo galardoado co máximo premio literario en Italia, o Strega. Pero a min o que me chamou a atención non foi o galardón nin a xuventude de Giordano -que contaba con 26 anos cando se publicou a súa ópera prima. O que espertou en min un especial interese por esta historia foi esa brillante metáfora sobre a soidade … os números primos!

Cinco anos despois sorprendeume coa novela de corte social El cuerpo humano, protagonizada polos soldados italianos da base de operacións Fob Ice, no val de Gulistán (Afganistán). Unha historia que fala da guerra, da dor, da traizón.

Los traumas familiares son el motor de mi trabajo como escritor. Sí, he estado en Afganistán, en la guerra. Pero yo las peores guerras las he visto dentro de las familias. Y es ahí por donde seguirá avanzando mi obra.

Como de la familia, GiordanoE agora ve a luz a súa terceira novela, Como de la familia, unha obra íntima e breve que fala da morte, pero tamén da vida.

A historia xira arredor dun matrimonio novo que sufre a morte da señora A, a muller que coida da súa casa e do seu fillo. Cambalearase toda a súa existencia?

—¿Qué es lo que más echas en falta de ella? —dije.

No tuvo necesidad de reflexionar, era evidente que ya había meditado la respuesta.

—Echo de menos la forma que tenía de darnos ánimo. La gente es muy avara con el ánimo. Sólo quieren asegurarse de que tengas aún menos que ellos.

Se che apetece descubrir máis detalles desta historia e de Giordano … lembra que tes unha cita o xoves 19 ás 20.00 horas no Centro Ágora!!

Libros en directo: Rodrigo Muñoz Avia

O próximo xoves 28 de maio teremos a oportunidade de escoitar a Rodrigo Muñoz Avia no Centro Ágora. O escritor participará no ciclo de encontros con autores Libros en Directo, presentado como ven sendo habitual por Pedro Ramos.

Cactus_portada

Podes atopar nun cacto o sentido da vida??

Rodrigo Muñoz Avia (Madrid, 1967) estudou Filosofía na Universidade Complutense e formouse como escritor durante tres anos na Escola de Letras de Madrid.

Ás súas costas ten xa unha longa traxectoria como autor, tanto de literatura infantil e xuvenil como de novela para adultos.

Novela infantil e xuvenil

Lo que no sabemos (1996, Premio Jaén de Narrativa Infantil e Xuvenil), El portero de hockey (2003), Los perfectos (2007, Premio Edebé de Literatura Infantil), Mi hermano el genio (2010, Premio Edebé de Literatura Infantil), La jaula de los gorilas (2011) e El signo prohibido (2015, Premio Edebé de Literatura Infantil).

Novela de adultos

Psiquiatras, psicólogos y otros enfermos (2004), Vidas terrestres (2007) e Cactus (2015), unha historia moi divertida da que nos falará en Libros en Directo.

Todas estas obras podes atopalas nas Bibliotecas Municipais da Coruña. Se che interesa levar algunha en préstamo, consulta a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

Para rematar, gustaríame compartir un par de citas que me chamaron a atención da súa última novela:

Hay que mirar a las cosas a la cara y actuar en consonancia, tener una mirada más amplia, y sobre todo más profunda, entender que somos una mínima pieza de una larga historia, y contribuir a mejorarla, mirar hacia el futuro y hacer que el mundo sea mejor, sí, el mundo, y poder sentirnos orgullosos de nuestro paso por la tierra, tener un poco de dignidad, esa es la manera de afrontar la realidad y dejar de huir.

La vida es un segundo, un minuto, un chiste, un orgasmo. Este fue el zenit de su pensamiento. Tras él supo permanecer en silencio durante un buen rato…

Se che apetece descubrir máis detalles da obra e de Muñoz Avia… lembra que tes unha cita o xoves 28 ás 20.00 horas no Centro Ágora!!

Día da diversidade cultural

O 21 de maio conmemoramos o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento e dende as Bibliotecas Municipais queremos sumarnos a esta celebración que debe axudarnos a comprender o valor da diversidade cultural e a mellorar a convivencia.

A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural aprobouse no ano 2001 e a continuación, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, declarou o 21 de maio como o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento, a través da súa resolución 57/249 de decembro de 2002.  Dende entón vense celebrando.

Declaracion UNESCO

Fragmentos da Declaración Universal da UNESCO sobre a diversidade cultural

Gustaríame aproveitar a ocasión para recomendar unha obra que nos invita a descubrir, valorar e gozar a diversidade e a riqueza do mundo. Trátase da edición actualizada de Gente, escrita e ilustrada por Peter Spier (1927- ) e publicada recentemente en Patio Editorial. Aínda que se trata dun libro orientado especialmente ao público infantil, é de lectura obrigada para adultos de tódalas idades pola súa marabillosa lección de respecto  e tolerancia.

A través de  textos breves e magníficas ilustracións ás que non lles falta detalle, descubrimos un sinfín de persoas!!! Persoas de distintos países e continentes, persoas que viven de xeito diferente, persoas que se divirten de maneira diferente, persoas de aspecto físico diferente, persoas de relixións diferentes, persoas que se expresan en linguas diferentes… E precisamente no coñecemento desta diversidade está a base da tolerancia e o respecto á diferenza.

Gente

 Anímovos a facer un percorrido pola diversidade que existe no mundo da man de Peter Spier e se é coa canción Xente de Berrogüetto como banda sonora, mellor que mellor!

Es muy extraño: algunas personas odian a otras porque no son como ellas. Porque son diferentes. Olvidan que ellos también parecerían diferentes si se pudieran ver a través de los ojos de las otras personas.

Pero imagina lo terriblemente aburrido que sería nuestro mundo si todo el mundo pareciera, pensase, comiese, vistiera y actuara igual.

Así que, ¿no es maravilloso que todos seamos diferentes?