Author Archives: martelena82

As dez pragas literaria

Refuxiarse na ficción literaria para procesar mellor unha catástrofe é un fenómeno común da nosa sociedade. Puidemos observar este comportamento tras os atentados do 11-S cando os libros de Nostradamus, o profeta apocalíptico, entraron na lista dos máis vendidos en Estados Unidos, ou a obra “A nosa señora de París”, de Víctor Hugo, chegou a número un de ventas en Francia tras o incendio da Catedral de Notre Dame. En Xapón, no ano 2011, coa catástrofe nuclear de Fukushima, o libro “A peste” de Albert Camus experimentou unha gran demanda e é xusto esta obra de Camus máis o “Ensaio sobre a cegueira”, de José Saramago, as que en tempos de coronavirus están incrementando lectores. 

Presentamos dez obras de diversa natureza: literatura clásica, best- sellers, ensaios ou libros de ciencia ficción que darán moito que falar e reflexionar estes días:

“A peste” de Albert Camus, 1947.

O autor utiliza a súa novela, gañadora dun Nobel de Literatura,  para plasmar o seu pensamento existencialista (a vida carece de sentido). Inspirado nun pequeno brote de peste que aconteceu en 1931, Camus quixo explorar o que acontecería se ese brote, que daquela só afectou a un centenar de persoas, tivese unha repercusión moito maior. Narra, en forma de diario, unha epidemia de peste bubónica na cidade de Orán, Alxeria. Hai tantos paralelismos nesta obra co que nos está acontecer hoxe que a obra de Albert Camus parece coetánea: o rápido que se contaxian as persoas, a carencia dun fármaco para combatela, o alto índice de mortalidade, as medidas de confinamento, o desexo das persoas de comunicarse cos seus, as actitudes irracionais e absurdas dalgúns… E tamén vese o espertar da solidariedade da xente, neste sentido, o autor expresa a idea de que “no home hai máis cousas dignas de admiración que de deprecio”. Non é de estrañar que esta obra sexa un dos escollidos para pasar estes días.

Ensaio sobre a cegueira” de José Saramago, 1995

A obra máis coñecida do escritor portugués José Saramago, gañadora do Nobel de Literatura. É unha novela reflexiva e existencialista, a que non lle pesan os anos. Os pensamentos de Hegel  (o home sen estado é malo por natureza) e os de Sartre (venme, logo existo) están moi presentes nesta obra. Relata unha epidemia de cegueira nunha poboación e as súas consecuencias porque a Saramago non lle interesa a causa deste mal branco senón  a resposta egoísta da xente, metáfora da sociedade na que vivimos. Non relata a perdida da vista, senón a da ética e da razón e sóbralla o egoísmo como forma de supervivencia. É interesante reflexionar como a enfermidade cambia a sociedade e o ser humano.

“Os asquerosos” de Santiago Lorenzo, 2018

Unha das obras máis citadas nestes días. Se lías algunha noticia na que se nos informaba da fuxida dos madrileños a España baleira (ou más ben baleirada) alí había algún comentario facendo referencia a “mochufla”. Que é a  “mochufa”? pois a antíteses de Manuel, o protagonista de Santiago Lorenzo, un Robinson Crusoe contemporáneo que supera as vicisitudes pero a diferencia deste, Manuel non ten compañeiro de fazañas, o detestaría!. É unha obra que che fai cuestionar o tipo de vida que levas e soñar cunha vida máis austera e autosuficiente, con tempo para ti e para as cousas que realmente queres facer e conectar máis ca natureza. Vivir a soidade é como unha bendición: “Era unha sorte ter todos os calendarios do mundo para enchelos co que quixese. Pero a poldra determinante, incomparable coa anterior, era a de dispoñer de avultados catálogos de ideas para encher ese tempo. O bo non era que con tantas horas por diante puidese facer o que lle sae dos collóns. O bo era que non lle paraban de saír cousas dos collóns todo o día”.

“O ano da praga” deMarc Pastor, 2018

O criminólogo e escritor, Marc Pastor, publicou esta obra que foi éxito de críticas e lectores. A acción transcorre na cidade de Barcelona, o protagonista da novela é un asistente social que comeza a investigar porqué todos os anciáns que están a aparecer mortos teñen a mesma planta na súa casa, un eucalipto de forte cheiro. É unha novela de suspense onde o discorrer dos acontecementos é paulatino pero transcendental, xa todo desencadea nunha apocalipse imparable. A novela suscita temas para reflexionar como: a supervivencia, a aborrecida vida cotiá, as relacións persoais, a falta de empatía, a desinformación… e tamén entra na ecuación, unha reflexión moi importante sobre  deshumanización da sociedade en tanto o trato aos maiores e as persoas dependentes.

“Os ollos da escuridade” de Dean Koontz, 1981

Pasará a historia como a novela que predixo fai corenta anos o coronavirus na cidade de Wuhan, China. É unha novela de terror que narra a historia dunha nai coraxe en busca do seu fillo. Na obra aparece unha trama secundaria na que un científico chinés crea unha arma biolóxica, un virus que recibe o nome de Wuhan-400, que describe como unha arma perfecta de destrución e que afecta só os seres humanos. As alusións á epidemia aparecen só nun capítulo pero as coincidencias co COVID-19 espertaron a imaxinación dos e das internautas.

“Nada” de Carmen Laforet, 1945

Recoñecida como a primeira novela feminista moderna en España. Faise co Premio Nadal, recentemente creado por aquel entón, e co premio Fastenraht. Carmen Laforet mostra a unha muller que pensa diferente, que non se preocupa demasiado polas normas sociais vixentes naquela época e mostra tamén a situación do país de pobreza e fame.  A novela está escrita no estilo narrativo da posguerra coñecido como tremendismo, caracterizado por unha tendencia a salientar a violencia e as imaxes grotescas. Laforet pon de manifesto o estancamento no que se atopaba a sociedade española a través dos ollos dunha estudante que vivía na rúa Aribau de Barcelona. A obra é unha radiografía dunha sociedade melancólica e depresiva, insegura e triste, que se enfronta a grandes cambios consecuencia da crise, como a lenta desaparición da pequena burguesía.

“A peste escarlata” de Jack London, 1912

Esta obra postapocalíptica e futurista que parece que foi escrita onte, só que de onte fai 108 anos, inaugurou o xénero de novela catástrofe. É unha novela curta que  comeza co relato dun ancián supervivente a unha pandemia que aconteceu no verán do 2013. Esta peste contaxiábase con moita rapidez provocando febre a todo aquel que a contraía e non había ningún tipo de cura polo que acabou practicamente ca humanidade. Os superviventes formaron asentamentos rodeados de natureza, velaí vai! a idea da volta os orixes da especie humana que sempre ronda cando hai unha catástrofe.

“O último home” de Mary Shelley, 1826

A autora de Frankenstein escribiu esta obra postapocalíptica e futurista que recibiu duras críticas por ser un texto “enfermizo e cruel”. A historia transcorre a finais do século XXI, no ano 2073, cando ataca a especie humana unha praga devastadora. Os críticos literarios ven nela unha obra pesimista que crítica os ideais románticos e o libre albedrío. Sóbralla o egoísmo e a avaricia do ser humano. Lionel Verney, o último home, é o alter ego da autora, polo que tamén pode ser tomada como un relato de resistencia da propia autora, xa que o último home sobre a face da Terra rexeita a quitarse a vida. A obra permaneceu oculta ata unha segunda edición en 1960 co auxe da temática postapocalíptica en plena Guerra Fría.

“Epidemia” ou “Contaxio” de Robin Cook

Robin Cook é  o escritor do thriller médico por excelencia. Epidemia, 2011, é un dos libros apocalípticos máis vendidos da nosa era.  Relata a historia de como un grupo de científicos contáxiase dun virus que expanden os seu pacientes desatando unha alarma social. En Contaxio, 1992, Cook aborda a epidemia dunha gripe moi contaxiosa que resulta ser letal. Non é un virus que atenda o seu comportamento normal, por esta razón, volvemos a encontrar indicios que nos indican que pode tratarse dunha conspiración. As tramas de Cook son moi dinámicas e están ben argumentadas, xa que o propio autor é médico. Gústalle moito xogar cos dilemas morais dos protagonistas. É un escritor moi prolifero e as súas novelas recollen os últimos avances en medicina, máis que un escritor de ciencia ficción para moitos lectores e lectoras é un escritor visionario.

Seleccionamos dez lecturas que para reflexionar sobre a nosa situación actual e analizar a sociedade na que vivimos. En tempos de crise, catástrofe ou epidemia o individuo pensa en si mesmo como parte dunha colectividade, dunha sociedade e obríganos a facer un esforzo que simplemente non faríamos nunha situación normal. Faise necesario recorrer a algo que alimente a nosa curiosidade e para iso, non hai nada mellor que un bo libro.  

A creatividade non se pode confinar

Poderiamos dicir que a maldición do coronavirus vai desatar outra epidemia, a da creatividade. A prohibición de saír a rúa, salvo para o estritamente necesario, leva a moita xente a redescubrir o seu talento, e por esta razón, as Bibliotecas Municipais seleccionan unha serie de iniciativas no eido da literatura, música, cine ou ilustración que permitan converter o teu tempo de espera nunha posibilidade de evasión e expresión artística.  

LITERATURA

Hai iniciativas que propoñen editar unha obra colectiva na que se recompile relatos de distintas persoas para que a historia da pandemia sexa narrada polos seus protagonistas. Unha destas editoriais é LoQueNoExiste. Publicou un comunicado no que convida as persoas de todo o mundo a enviar, a esta dirección de e-mail: manuscritos@loquenoexiste.es, os seus testemuños de como están a vivir este momento. A editorial Lantia Publishing tamén quere recompilar os relatos da xente durante o actual período de hibernación, baixo o título “El libro del confinamiento”. Poden ser reflexións persoais ou relatos de ficción. Para participar tes que enviar o teu relato, cunha extensión máxima de 2.000 palabras, o correo electrónico, confinamento@lantia.com, onde deberás indicar: o teu nome completo, idade, lugar e profesión. E por último, a editorial Pábilo abriu un proceso de recepción de relatos de diferentes estilos para dar forma a “Confiletra”, unha obra que recollerá vivencias persoais durante o estado de alarma. Quen o desexe pode mandar o seu texto a edicion@pabiloeditorial.com ca firma do autor o da autora e o seu lugar de procedencia.

Aberto a todas a persoas, a Asociación Cultural El Pentagrafo e a publicación periódica ILEÓN.COM lazan unha iniciativa para recoller relatos sobre como imos levando este confinamento cunha extensión aproximada a 2.000 palabras. Podes enviar o teu relato por correo electrónico a elpentagrafo@gmail.com. Os textos publicaranse en ILEÓN.COM

Por outra banda, nas redes sociais tamén atopamos iniciativas creativas como a que propón o escritor J.J. Muñoz Rengel na súa conta de Twitter. O autor lanza o reto de escribir un microrrelato a partir dunha fotografía en branco en negro que colga no seu perfil.

CINE E TEATRO

Son moitas as ideas que xorden no eido do cine e do teatro para pasar este tempo de reclusión. Unha das ideas máis orixinais veu da man do certame de curtametraxes de Cuarentena flim Festival en Instagram, animaba os usuarios e usuarias da rede a gravar curtas ata o mes de abril. Nesta línea, tamén está o perfil de 2021 d.c. onde atopamos unha serie de curtametraxe inspiradas no confinamento. Destacar tamén, a orixinalidade do coruñés Álvaro Díaz quen está a realizar unha serie de curtametraxes de suspense baixo o título O virus do mal.

Transformar o confinamento en material creativo é a proposta de dramaturgos e dramaturgas a través da campaña #coronavirusplays. Escriben e representan pezas inspiradas na situación actual. Jordi Casanovas, @Jordi_ Casanovas, lanzou esta iniciativa de compartir nas redes micromonólogos co fin de compartir angustias e sentimentos. Destacar tamén, a iniciativa do Teatro Colón da Coruña, quere apostar polo talento local. Os usuarios e usuarias que queiran participar tan só deben subir os seus vídeo ás redes sociais e etiquetar o espazo cultural.

FOTOGRAFÍA E ILUSTRACIÓN

A axencia fotografía SpinFotos organiza un certame de fotografía para persoas residentes en España. A temática da imaxe debe responder “os momentos que pasamos en casa  pola corentena do coronavirus”. Pero se o que queres é por un toque artístico o teu illamento a proposta de Antonio García Villarán (@antoniocrea13) en Instagram esta feita a túa medida. #DibujoEnCuarentena2020 quere incentivar a túa imaxinación a través do debuxo. As técnicas e soportes son libres, o realmente importante e facer o esforzo creativo de realizar cada día un debuxo. O artista propón diferentes temas compostos por dúas palabras que unidas espera que esperten en ti todo un universo de imaxes para plasmar na túa obra.

Outra proposta orixinal ven da man de dous tuiteros, Modesto García e Javi Castro, que retan os usuarios e as usuarias a resolver crimes ilustrados con creativas conxecturas. Ideas para non aburrise que saltaron as redes sociais como un reto para pensar e axilizar a mente. Convidan a resolver unha serie de misterios en forma de ilustración baixo a etiqueta #Crimenesilustrados1.

MÚSICA

O certame PopyRockenCasa quere fomentar a creatividade artística dos mozos e mozas de entre 14 e 30 anos. Só poderán presentar traballos feitos en casa ata o 15 de abril. Cada concursante poderá presentar un máximo de dous temas gravados no domicilio en formato vídeo, poderá ser autoría propia ou unha versión. A duración non poderá superar os catro minutos. Os e as participantes deberán enviar as súas pezas ao correo juventudzgz@gmail.com. O concurso contempla tres premio. O gañador ou gañadora terá un espazo para actuar no evento PopyRock2020 e recibirá un bono regalo de 150 euros para gastar en material musical e instrumental. Ademais, seleccionaranse dous temas finalistas que recibirán o mesmo bono. 

Para moitos e moitas quedar na casa non é sinónimo de quedar quedo.  As casas énchense de iniciativas que podes facer para ocupar a túa mente e sacar toda esa creatividade que levas dentro.