Author Archives: Julia Varela

O #25N nos Clubs de Lectura

As Bibliotecas Municipais da Coruña puxemonos en marcha para ofrecer unha programación entorno ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres.

As bibliotecas  somos espazos abertos  á transformación social e queremos ser partícipes do proceso de cambio que é necesario. Sabemos que a discriminación persiste desde as formas máis extremas – como as que sofren as mulleres vítimas de violencia – ata as menos perceptibles que se producen todos os días en todas as áreas. 

Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales e máis do Agora sumámonos a esta reinvindicación co que mellor se nos da, a lectura.

Os grupos de Café con libros da Biblioteca Os Rosales arrancamos este novo curso  con moita ilusión, especialmente con ganas de volver a vernos  e poder seguir compartindo  lecturas.  Adaptándonos a un novo contexto, reubicamos as nosas tertulias nun novo espazo que garantizara todas as medidas  de seguridade e distanciamento social, máis finalmente voltamos as sesións virtuais.

Comenzamos as lecturas con tres autoras, tres historias diferentes pero que comparten un trasfondo en común, unha liña soterrada e as veces non tanto, de violencia e discriminación das mulleres a través de diferentes épocas.  Unha vez máis a literatura como espello da vida, como referente, sempre un paso por diante.

Apostamos por Estamos en el borde de Caroline Lamarche. Desta autora belga xa leramos Frufú,  o primeiro dos relatos que conten o libro durante o confinamento. Tan bo sabor de boca deixou nas nosas tertulias virtuais que apostamos pola lectura completa deste libro de contos. Nove relatos onde se fala da vida, da morte, do amor, do fracaso, da vanidade, e que deron para moita reflexión e análise. A propia autora, vitima de maltrato, volcou as súas lembranzas máis terribles na súa novela La memoria del aire, onde profundiza na  vulnerabilidade da infancia, nas relacións de poder que forman a dependencia afectiva e, sobre todo, nesa violencia que nunca debería de ser consustancial ao amor e que, con todo, tan a miúdo éo.

A seguinte parada lectora levounos ata Agnes Grey de Anne Brontë. A pequena das irmáns Brontë publicou esta novela no ano 1847, unha historia en apariencia sinxela pero que ten moitas capas.  Descubrimos unhas figuras femininas (a propia Agnes e a sua nai) nada convencionais, traballadoras, cultas, autosuficientes, marcadadas por un tempo onde o matrimonio era prácticamente unha saída laboral para a muller. Un reflexo da propia vida das irmáns Brontë, quizais. Pero é especialmente na súa segunda novela, A inquilina de Wildfell Hall, onde aborda a historia dun matrimonio degradado polo abuso e a violencia, na que a muller consigue abandonar ao seu marido e comenzar unha nova vida.  Impensable naqueles tempos.

A nosa terceira lectura do curso foi Alguien bajo los párpados de Cristina Sánchez-Andrade.  A autora  ofrécenos  un retrato, as veces disparatado, as veces mordaz de dúas mulleres octoxenarias, que levan media vida xuntas, Bruna e Olvido. As mulleres  inician unha viaxe en coche trepidante, tanto física como vitalmente,  lembrando a súa vida pasada co trasfondo do estallido da guerra civil e  o mundo rural galego. Dúas personaxes que non deixaron indiferente a ningunha das nosas lectoras. Das que deixan pegada!

Nos Clubs de lectura da Biblioteca Ágora achegámonos á violencia de xénero mediante a lectura de Seique, de Susana Sánchez Arins. O libro foi editado en 2015 por Através Editora, editorial que sacará unha segunda edición aumentada en 2019, tamén dispoñible nas nosas bibliotecas. Ese mesmo ano Seique foi traducido ao castelán e publicado por Deconatus en 2019 baixo o título Dicen. Podedes consultar a guía de lectura na nosa conta de Calameo.

A base de pequenos retallos, rumores e recordos transmitidos de forma oral case sempre por mulleres, a autora recompón a memoria familiar, marcada pola figura dun home malvado, do que ninguén quere falar: Manuel García Sampaio, Manuel de Portarís. Tío Manuel. Maltratador na esfera privada, represor, paseador, alcalde falanxista, na esfera pública. 

Se foi assim de mau com os irmâos e, como seria com os de fora…

Cun ritmo sorprendente, marcado pola repetición dunha frase pronunciada unha e outra vez por un coro ao longo de toda a narración con pequenas variacións, Seique vai penetrando na historia do terror neses primeiros momentos do franquismo. Un terror que no caso das mulleres adquiriu unha forma moi específicas de violencia sexual. Un destes fragmentos Discriminaçâo de género, foi o que produciu maior impacto entre a maioria das nosas lectoras. Outras formas de violencia contra a muller percorren a narración: algunhas bestiais e directas, como a exercida por tío Manuel contra a súa esposa (recollida na segunda edición de 2019). Outras, menos directas, aínda que non menos bestiais, como a exercida sobre a avoa Gloria, obrigada a repartir os seus fillos entre os seus familiares. Todo un armazón de violencia que ten como obxectivo xerar silencio e sumisión: 

Tal qual como mulher que teme o asanho da parella.

Nos clubs de lectura dos Rosales e Agora, tivemos lecturas reveladoras e emocionantes no marco do 25N, nas que se reinvindican os logros silenciosos e non vistos, as aldraxes esquecidas ás mulleres de todas as épocas, condicións sociais. Todas somos Bruna, Agnes, Olvido…

Poderedes encontrar todos os libros dos que vos falamos no catálogo das Bibliotecas Muncipais para ver a súa dispoñibilidade e levalos así en préstamo. Animádevos a traballar a Elimininación da Violencia sobre as Mulleres a través da lectura: exposicións e guía de lectura á vosa disposición para poñerse mans á obra entre todas e todos.

Os clubs de lectura lemos a Carvalho Calero para #DesconfinarALingua

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha a campaña #DesconfinarALingua, do 11 ao 17 de maio para celebrar o Día das Letra Galegas neste distópico 2020. Unha ocasión para coñecer, usar e vivir a lingua con normalidade e sen filtros en todos os ámbitos e situacións. Unha semana que estivo chea de actividades que combinaron a homenaxe á figura de Don Ricardo Carvalho Calero coa potenciación do idioma como lingua de creación.

As Bibliotecas lanzamos unha chiscadela a todos os galegos e galegas para cubrir a boca neste 17 de maio coas máscaras diversas da creación en galego. As máscaras, que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Tamén así os libros, a música, o pensamento, nos achegan mundos, propostas, escenarios, realidades que amplían as nosas propias. Unha auténtica oportunidade para recomendar e difundir toda a creación en galego, especialmente aquela contemporánea e que está máis viva.

Esta é a resposta que nos estades a dar, se clicades enriba da imaxe, veredes as fotografías recollidas no noso álbum en Flickr de #DesconfinarALingua:

Desconfinar a lingua

Dende os Clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña traballamos en conxunto e abrimos unha xanela para compartir e facervos partícipes dunha chea de iniciativas para darvos a coñecer a figura e a personalidade de Ricardo Carvalho Calero e a creación en galego.

Velaí vai unha mostra das nosas propostas:

Preparouse unha completa guía de lectura, unha escolma de Poemas Carvalho Calero e mesmo un vídeopoema de “Ferrol”, versos onde autor lembra con moita nostalxia a nenez na súa cidade natal:

A semana comezou ca lectura  conxunta nos nosos clubs das BMC dun relato da escritora María Reimondez , “A esencia da cidade” (de descarga libre e gratuita na web de Xerais). Tivemos a grande sorte de ter un Encontro virtual coa autora o xoves 14 de maio, onde poidemos facerlle todas aquelas preguntas que nos suscitou a lectura do seu relato autobiográfico.

Elaborado polo grupo de Teatro Lido da Biblioteca Sagrada Familia, gravouse o “Noticiario Letras Galegas” arredor da figura de Carvalho Calero, indagando tanto na súa faciana como escritor, investigador, profesor e mesmo como persoa. En clave de humor pero sen por iso restar seriedade ao contido:

Axudamos a #DesconfinarALingua apoiando á creación en galego e aos nosos autores e autoras como Lois AlcaydeTamara AndrésAndrea Barreira Clara Vidal, que foron quen de  achegarnos as súas recomendacións de literatura, música e cine en galego.

Continuamos coa presentación de “Vieiros de esperanza”, un documental  de Antón Rodríguez Fernández, inédito na rede ata esta mesma semana, no que se ofrece un percorrido  pola traxectoria vital do autor ferrolán a través da mirada dunha serie de persoeiros da cultura galega:

Desde o club de Clásicos da Biblioteca Castrillón  leeron “O Galo”,  relato incluído en “Contos da néboa” de Ánxel Fole, compañeiro de tertulias do autor ferrolán no lexendario café Méndez Nuñez de Lugo. 

Os membrxs dos nosos clubs tiveron unha participación activa e destacada,  non so cubrindo  as súas facianas con portadas de libros en galego, tamén prestaron as súas voces para gravar algúns dos poemas mais recoñecidos de Carvalho:

Ir a descargar​ ​Poema: “Calquer lugar e bo para morrer” (lectora da Biblioteca Ágora)

Ir a descargar Poema: “”Viage” (lectora da Biblioteca Ágora)

Meu querido profesor, así comeza unha carta escrita por Mercedes Bueno, una alumna de Don Ricardo Carvalho Calero na facultade de Filosofía e Letras, e membro dun dos nosos clubs de lectura. Unha sentida homenaxe que reflexa mellor que nada a esencia e a magnitude dun dos autores que máis fixeron polo uso e a divulgación da lingua galega. Pechamos deste xeito tan fermoso unha semana repleta de actividades para festexar o Día das Letras Galegas na nosa rede de clubs de lectura:

Por todo esto hoxe, no seu día, quero dicirlle que todos os seus ensinos e o seu amor por Galicia, penetraron nos nosos novos corazóns e prenderon a chama. Os seus coñecementos e sabedoría marcaronnos o camiño da liberdade, a mesma que lle faltou a vostede nalgúns momentos difíciles da súa vida.

De seguro seguiremos a festexar o ano de Carvalho Calero máis adiante, así como a ler, recomendar, visibilizar as nosas Letras, no dixital e no presencial, cada día e como parte fundamental da nosa labor.

Ao Paso Dos Versos: O Día da Danza en tempos de confinamento

TW_DANZA_2020

Eu simplemente bailaba e, un día, sin saber cómo, atopeime escribindo co meu propio corpo”

Pina Bausch

Abril é un mes de celebracións, trala resaca deixada polo Día do Libro continuamos a festexar. Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña apostamos por poñer en valor  a danza e difundir esta arte a través da iniciativa AoPasoDosVersos, uníndonos deste xeito a todas aquelas persoas que nestes días non tiveron motivos polos que bailar, pero atoparon unha razón para facelo.

Como cada 29 de abril vense conmemorando o Día internacional da Danza, esta data xurde en lembranza do nacemento do bailarín e coreógrafo francés Jean-Georges Noverre, considerado o creador do ballet moderno.

Este ano parece todavía máis necesario participar, estar presente nesta celebración. A danza é liberdade, move as persoas cando o mundo nos paraliza ou se paraliza. Se podemos bailar xuntos, podemos vivir xuntos. O obxectivo do Día Internacional da Danza é reunir a todos os que elixiron esta forma de expresión para superar todo tipo de barreiras culturais, políticas e éticas e celebrar a danza e a súa diversidade.

Son tempos de confinamento pero eso non significa que non poidamos disfrutar e bailar. Desde as Bibliotecas propoñémosvos un selección de recomendacións que vos estarán esperado á volta, para cando abramos de novo as nosas portas.

Atoparedes historias cheas de autosuperación e aprendizaxe como  a novela gráfica Polina;  o maravilloso documental e experimento educativo Five days to dance; Yuli, a última película de Iciar Bollaín baseada na autobiografía do bailarín cubano Carlos Acosta e Ovay, espectáculo de danza tradicional  a cargo de Quique Peón.

De Isadora Duncan unha das mellores bailarinas do século XX e precursora da danza contempóranea seleccionamos Isadora: mi vida, a  súa apaixoante autobiografía e Isadora: una biográfia gráfica, da ilustradora e activista estadounidense Sabrine Jones.

Recomendamos especialmente Dancing Dreams, o legado en forma de imaxes da xenio da danza Pina Bausch, extraordinario documental que conta a aventura que a bailarina emprende montando o seu famoso espectáculo Kontakthof con rapaces que nunca pisaran un escenario. E como non, Pinao fermoso film de Wim Wenders que homenaxea a figura da mítica creadora que reinventou os cánones da danza clásica para mostrar a capacidade do movemento como forma de  transgresión.

Pechamos cas fermosas e inspiradoras palabras do bailarín e coreógrafo sudafricano Gregory Vuyani Maqoma,  autor do manifesto que todos os anos encarga o ITI (Instituto Internacional do Teatro da UNESCO) a unha personalidade da danza para conmemorar este día:

A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredando xuntos convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando curación que é tan desesperadamente necesaria.
E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. ¡Todo o que necesitamos agora é bailar un pouco máis!

Lembrade que todos estes materiais os podedes consultar a través do Cátalogo das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Xa por último, compartimos con vós a felicitación audiovisual elaborada polas Bibliotecas Municipais e o noso desexo de que pronto bailemos xuntxs!!

Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!!