Polo centenario de Emilia Pardo Bazán, os clubs de lectura lemos “Insolación”


Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña unímonos á celebración do Centenario de Emilia Pardo Bazán lendo e comentando xuntas a súa obra. Non hai mellor xeito de achegarse á escritora, á súa figura e obra, que lendo algún dos seus textos no seo das nosas tertulias. A lectura compartida dun libro danos pé a tentar aproximarnos a unha das figuras máis relevantes da cidade. Un ano cheo de celebracións que queremos disfrutar canda as nosas lectoras e lectores.

Moitos clubs xa tiñamos lido, ao longo deste anos, o seu libro de contos “El encaje roto” así como “La tribuna” ou “Memorias de un solterón“. Pero nesta ocasión queriamos celebrar as novas edicións de gran parte das súas obras mercando para os clubs de lectura “Insolación“. Unha novela “feminista”, divertida e moi castiza, pero sobre todo adiantada na súa concepción á época na que foi escrita e publicada. Descubrimos a edición de Reino de Cordelia, ilustrada por Javier de Juan e con prólogo de Luis Alberto de Cuenca e namoramos dela. Pois dende as Bibliotecas gústanos reivindicar os libros ilustrados para adultos, as edicións que lle aportan un valor extra aos libros que poñemos nas vosas mans, así como o traballo de todos os axentes que participan na cadea do libro. Cal foi a nosa sorpresa cando pouco tempo despois outra editorial escolleu o mesmo texto para unha edición especial polo centenario. Falamos de Alianza editorial, coas ilustracións (fermosas e ben diferentes ás de Javier de Juan) de Irlanda Tambascio (EIRE).

Os clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, tivemos o privilexio de dar o pistoletazo de saída á lectura en grupo de “Insolación”, pero de aquí a finais de ano, os exemplares de Reino de Cordelia irán pasando polas mans, Bibliotecas e tertulias de todos os clubs de lectura da Rede Municipal. Unha oportunidade única para celebrar a Emilia Pardo Bazán. Pero… imos entrando en materia! ¿Por que dicimos que é unha novela feminista, ademáis de divertida, castiza e adiantada ao seu tempo?

“Insolación” narra a historia de amor, apaixonado e irresistible, entre Diego Pacheco, un don Juan díscolo pero de bo corazón, e a marquesa de Andrade, viúva, inxenua pero non tanto, bela e sensual, que case por casualidade descobre que para recuperar a vida primeiro ten que atreverse a resucitar o seu corpo, sepulto baixo capas de decoro e esixencias sociais. Na novela vemos desfilar ao Madrid da época en todo o seu esplendor, desde os chulapos aos maleantes, as clases populares e os aristócratas, os reformadores e os que de ningunha maneira queren ser reformados, todos mesturados cando do que se trata é de participar da festa e do pracer. Escrita para entreter e tamén para abrir as mentalidades da época, cun ritmo fluído, cheo de anécdotas e de situacións divertidas, en “Insolación” Emilia Pardo Bazán atreveuse a tocar un tema tabú que aínda hoxe en día é motivo de cuchicheos en faladoiros trasnoitados: o desexo feminimo.

Para coñecer un pouco máis polo miúdo as implicacións desta obra, podedes escoitar o podcast de Los lunes de Pardo Bazán: El feminismo en Emilia Pardo Bazán, unha campaña organizada pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura a través dun podcast de seis episodios con entrevistas a distintas especialistas na obra e biografía da autora. Outra opción, ademáis de lela en papel, é acceder ao texto completo da obra na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, onde podedes ler en liña “Insolación” e o resto da súa obra. Botádelle un ollo.

Na páxina web das Bibliotecas Municipais podedes consultar toda a programación que temos preparada para festexar o Centenario de Emilia Pardo Bazán. Mención aparte merece a guía de lectura que elaboramos con todo o cariño para todas e todos vós: unha guía de lectura que pretende darvos a coñecer boa parte das primeiras edicións que atesouramos na Biblioteca de Estudos Locais así como as edicións máis recentes que podedes levar en préstamo nas Bibliotecas, e é que a obra de Dona Emilia está máis viva que nunca. Estades de acordo?

Posted on 11 Maio, 2021, in Clubes de lectura, Efemérides, escritoras, Libros lidos and tagged , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: