Historias de regalo 2020


Cada ano nestas datas as Bibliotecas Municipais da Coruña publicamos a guía de lectura “Historias de regalo”, que recolle unha selección de títulos para axudarche a elixir o mellor agasallo de Nadal.

Esta escolma, realizada con ilusión e afecto polas bibliotecarias e bibliotecarios para vós, inclúe desde música e cine ata literatura ou libros de divulgación de diversas áreas temáticas (LGTB e feminismos ou biblioteca verde, entre outras).

Hoxe presentámosvos nesta entrada os materiais da guía que recomendamos nas seccións “literatura para adultos” e “voces poéticas”. Cinco títulos de narrativa e cinco de poesía que vos convidamos a descubrir nas nosas bibliotecas e entre os que agardamos atopedes a vosa lectura de regalo para este Nadal.

Narrativa



La buena suerte , de Rosa Montero

Alfaguara, 2020. Premio Nacional das Letras Españolas.

Pablo baixa dun tren en Pozonegro, antigo centro mineiro, lugar maldito e con xente luminosa, incompleta e algo tola como Raluca, que pinta cadros de cabalos e ten un segredo, coma todas as persoas de alí, algúns máis escuros e perigosos que outros, ou simplemente ridículos. Tamén hai humor nesta vila triste, porque a vida ten moito de comedia e a xente finxe ser quen non é ou oculta o que planea. É o gran xogo das falsidades.

Rewind, de Juan Tallón

Anagrama, 2020.

Un venres de maio, con trazas de ser un día perfecto, prodúcese unha explosión estraña nun edificio de Lyon. Nun dos pisos do inmoble, que queda reducido a entullos, viven un grupo de estudantes de distintos países que esa noite celebraban unha festa. A través de cinco narradores, vítimas e testemuñas, coñecemos que aconteceu esa noite, así como as súas consecuencias a longo prazo.

O libro da filla, de Inma López Silva

Galaxia, 2020.

Helena Sánchez é unha recoñecida xornalista cuxa traxectoria profesional sempre a levou a cubrir temas da política e sociedade. Ao coñecer a noticia dun empresario que foi condenado por violar á súa filla pero que leva once anos negando o crime, entende que necesita contar esa historia. Unha historia que ten que ver coa súa propia familia e co seu pasado, que intentara esquecer consciente ou inconscientemente.

Los chicos de la Nickel, de Colson Whitehead

Penguin Random House, 2020. Premio Pulitzer.

De pouco serve ser un bo estudante na Academia Nickel para mozos. Elwood -pobre, orfo e de raza negra- non tarda en descubrilo cando, por un malentendido, o pechan neste reformatorio. Coa axuda dun bo amigo, este adolescente descubrirá como sobrevivir neste lugar que esconde un brutal segredo e unha realidade corrupta, apoiada por moitos e obviada por todos.

Un lume azul, de Pedro Feijóo

Xerais, 2019.

Existe una maldade excesiva e grotesca. Non deixa gretas e arrastra toda posibilidade de expiación ou perdón. O responsable da Brigada de Investigación Criminal a comisaría central de Vigo aínda non o sabe, pero enfróntase a ese tipo de maldade.

Voces poéticas



La sombra del otro mar , de Joan Margarit

Nórdica Libros, 2016. Premio Cervantes 2019.

Libro cunha selección de poemas en edición bilingüe xunto á recoñecida obra pictórica de Subirachs. Joan Margarit diríxise a Josep Maria Subirachs cuns primeiros versos dun poema en memoria da amizade que uniu a ambos os artistas até os últimos días do escultor.

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes

Galaxia, 2018. Premio Gala do Libro 2019 a mellor libro de poesía do ano.

Esta Memoria do corpo é un tempo de investigación para o autor. Dentro de si mesmo, como debe facer o poeta. É, sen dúbida, o seu mellor logro. E a frase non é arriscada. Así o sente o creador, que viaxa desde o barro por corpos, iniciacións eróticas e camiños ue, como todos os periplos, nos devolven ao punto de partida.

Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao

Apiario, 2018.

Di Lucía Aldao “Todo isto antes era noite é un libro que abre tantas cousas como pecha, que ilumina e ensombrece a partes iguais. Nel trázase o mapa da aprendizaxe sentimental e hai unha ruta nocturna que atravesa o mellor e o peor das relación coas demais e comigo mesma. Todo isto antes era noite é un paseo pola intimidade, é entrar e saír.”

Atlas, de Alba Cid

Galaxia, 2019. Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020.

Un texto singular en que a palabra e a imaxe viaxan da man canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas… Os poemas e as fotografías fan calas nos cinco continentes e desprázanse adiante e atrás na historia na procura de encrucilladas luminosas. Unha nova cartografía. Un novo planeta.

No interior do abandono, de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos

Figurando Recuerdo(s), 2020.

Este libro articula un feliz encontro entre as fotografías de Carlos Lorenzo e as creacións poéticas de Baldo Ramos, que nos convida á reflexión sobre o abandono do rural galego, a través dunha viaxe emocional por aqueles espazos físicos do rural que están a esmorecer. O proxecto tamén conta cunha peza de vídeo que se pode ver premendo aquí.

E ata aquí as nosas propostas de novela e poesía para agasallar nestas datas tan especiais. Acercádevos a descubrir estes e outros títulos nas nosas bibliotecas e a botar unha ollada ao resto de recomendacións da guía “Historias de regalo 2020”. Bo Nadal!!

About nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Posted on 21 Decembro, 2020, in A biblioteca recomenda and tagged , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: