Voltamos con… La mujer habitada


Tras o verán, que parecía a fin do pesadelo, comprobamos que non estabamos exentos de unha nova embestida e volvemos a padecer o incremento no número de contaxios por Covid-19. As Bibliotecas Municipais da Coruña foron abrindo, con cautela, os seus servizos á cidadanía. Sen présa pero sen pausa, as bibliotecas retornan ao seu lugar, xunto aos seus usuarios, recibindo os alentos e colaborando para facer un pouco máis levadeira esta impensable pandemia que nos tocou vivir.

Na biblioteca Sagrada Familia comezamos outubro coa volta ás sesións presenciais do club de lectura. Unha vez establecidas as distancias de seguridade, os grupos estables de participantes e as medidas de hixiene, todos estabamos desexando volver a vernos as caras, poder acompañarnos. As redes sociais poden axudar á comunicación pero nunca substituirán as miradas cara a cara, os sorrisos cos ollos (xa que as máscaras non nos deixan ver os dentes) e o ton das voces nos comentarios. Os clubs de lectura naceron para facer compartido o pracer da literatura, para achegar persoas diversas en torno a este obxecto e necesidade comúns, e por aquí continuamos facendo valer esa proposta.

Portada da edición en Seix Barral, 2010

Como primeira lectura deste novo curso seleccionamos La mujer habitada da nicaragüense Gioconda Belli, unha novela de aventuras con píntegas de realismo máxico que nos sitúa na cidade imaxinaria de Faguas nun tempo indeterminado que parece rondar a década dos 70. Protagonizada por dúas mulleres fortes e empoderadas, vivindo en épocas moi distintas ambas teñen que loitar pola liberdade, a propia e a dos que as rodean.

Lavinia é unha arquitecta nova, formada en Europa, que retorna ao seu país coa esperanza de poder construír a súa vida á marxe das convencións da sociedade á que pertence. Revelada contra ese mundo de inxustizas sociais non atopa o seu sitio a carón dos que sempre a acompañaron, a súa visión do mundo está moi afastada da que se espera nunha rapaza da súa clase. A relación con Felipe proporciónalle a perspectiva que lle faltaba para comprender a realidade do país, o seu compromiso vai máis alá do medo e lévaa a vivir experiencias que nunca imaxinou.

Itzá é a segunda protagonista. Atravesa o tempo e entra a formar parte da vida de Lavinia, aínda que non sexa consciente desta conexión. Itzá viviu a chegada dos conquistadores españoles, participou na rebelión contra as masacres, os roubos e os enganos aos que someteron ao seu pobo, e agora ve como a vida das mulleres actuais tampouco está exenta de soidade, sacrificios, loitas e medos. Moito cambiou o mundo desde que ela non o habita pero as mulleres continúan traballando polo seu lugar e someténdose infinidade de veces aos designios do “establecido”.

O contexto no que se desenvolve a novela parece reflectir a loita do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) de Nicaragua, do que a propia autora formou parte, ata o derrocamento de Anastasio Somoza como presidente do país e a fin da dinastía da súa familia. A distancia entre clases sociais, o goberno militarizado e a impasividade das clases altas ante a extrema pobreza das baixas están presentes ao longo de toda a novela. Estes feitos non deixan indiferente a Lavinia e desde a súa posición privilexiada colabora coa loita superando todos os prexuízos.

Gioconda Belli

Gioconda Belli

A autora posúe unha posición privilexiada para falar da historia recente do seu país. Feminista, activista, periodista e política, traballou toda a súa vida do lado da liberdade, intentando derrocar aos opresores e construíndo unha Nicaragua igualitaria. Durante a ditadura participou activamente no FSLN realizando todo tipo de traballos, desde facer de correo clandestino ata buscar apoios estratéxicos en Europa. Tras o triunfo da Revolución Sandinista desempeña varios cargos de goberno ata a súa renuncia no 1990.

Casada en tres ocasións e nai de catro fillos, a súa carreira literaria comezou da man da poesía, xénero polo que acaba de recibir o premio Gil de Biedma 2020 por El pez rojo que nada en el pecho, inédita polo de agora. Desde o seu primeiro poemario, Sobre la grama, editado en 1972, xa son doce as obras poéticas publicadas da autora, a maior parte delas en varios países. Na Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña contamos con Fuego soy, apartado y espada puesta lejos, Apogeo, El ojo de la mujer e Escándalo de miel.

A novela que nos ocupa é a primeira da autora, editada por vez primeira na décado dos 80, pero non por iso menos trascendente. Seguíronlle Sofía y los presagios e Waslala na década dos 90 e xa nos 2000 El pergamino de la seducción, El infinito en la palma de la mano, El país de las mujeres, El intenso calor de la luna e Las fiebres de la memoria, a maioría delas tamén dispoñibles no catálogo das BMC xunto ás obras doutros xéneros. El taller de las mariposas é un conto infantil publicado xa en 1987 e que foi traducido ao alemán, holandés e italiano. Plasmou as súas vivenzas dentro do sandinismo na obra El país bajo mi piel, memorias de amor y de guerra, que editou Plaza&Janés en España en 2001 e tamén se publicou noutros idiomas e países ese mismo ano.

Na sesión deste luns comentaremos o remate desta novela. Xa na anterior reunión nos aportou boas reflexións sobre o papel da muller, a súa dependencia e independencia dentro da sociedade, o que se espera dela e o que está disposta a facer para reivindicar o lugar que cada unha de nós consideramos que nos corresponde. Foron recoñecidas na tertulia as expresións do país, tan ben reflectidas na narración, e que tanto axudan a crear o ambiente no que se desenvolve a acción. Sen dúbida é unha lectura interesante, polo tema, pola forma, polo contido. Pese a estar escrita na década dos 80 non resulta anacrónica na actualidade, hoxe continúa a manterse como lectura recomendable. Pechamos xa este capítulo para comezar un novo dedicado ao mestre Miguel Delibes, no ano do seu centenario, coa lectura (ou relectura) de El hereje que, sen dúbida, tamén nos reportará boas conversas no club.

Despedímonos ata a próxima, boas lecturas a todos!!

Posted on 26 Outubro, 2020, in A biblioteca recomenda, Club Sagrada Familia, Clubes de lectura, escritoras, Libros lidos, Novela social e política, Xeral and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: