No Día da Biblioteca #LemosParaTi


Cada 24 de outubro desde o ano 1997 celébrase o Día da Biblioteca, efeméride creada por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

Esta celebración, que nace co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e coa intención de dar visibilidade e potenciar a labor do persoal bibliotecario, cobra máis sentido ca nunca nun momento como o actual no que as bibliotecas como espazos seguros e imprescindibles deben xogar un papel fundamental no acceso á cultura e ao coñecemento. E precisamente baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu lado” o Ministerio de Cultura e Deporte pon en valor nesta data a capacidade das bibliotecas -independentemente da súa tipoloxía- para continuar ofrecendo os seus servizos nunhas circunstancias tan complexas como as derivadas da crise sanitaria da Covid-19.

Pincha na imaxe para ampliar a información na páxina web das Bibliotecas Municipais

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña conmemoramos o noso día sumándonos á campaña #SempreAoTeuCarón, dando visibilidade ao noso traballo e defendendo a existencia das bibliotecas a través dos testemuños dalgunhas das nosas usuarias e usuarios, de persoas participantes dos clubs de lectura e participantes e voluntarias do programa de alfabetización de adultos. E como non, tamén a través da nosa propia voz coa proposta #LemosParaTi, que naceu durante o período de confinamento e que segue en marcha para achegar lecturas en voz alta á cidadanía.

Nesta ocasión, o fío condutor de todas as historias que podedes escoitar a continuación -así como tamén nos canais corporativos de Ivoox e Spotify– é o amor pola lectura, polos libros e polas bibliotecas.

Mendel el de los libros (Acantilado, 2009)

Fragmento de lectura do relato de corte social e político “Mendel el de los libros” do recoñecido novelista, ensaísta e biógrafo austríaco Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942).

O conto, que foi publicado orixinalmente no ano 1929, narra a tráxica historia dun excéntrico libreiro que pasa os seus días sentado sempre á mesma mesa nun dos moitos cafés da cidade de Viena. No ano 1915, acusado inxustamente de colaborar cos inimigos do Imperio Austrohúngaro, Jakob Mendel é enviado a un campo de concentración .

Ir a descargar

El aroma de los libros (Alianza de Novelas, 2020)

Fragmento de lectura da novela “El aroma de los libros” da escritora, actriz e redactora de contidos italiana Desy Icardi.

A historia, protagonizada por Adelina -unha rapaza de catorce anos que vive coa súa tía Amalia no Turín de 1957- é unha obra sobre o amor pola lectura na que Icardi rende homenaxe aos librosque máis a conmoveron ao longo da súa vida e ao alquimista Edward Kelley entre outros.

Ir a descargar

Os libros prestados (Galaxia, 2010)

Fragmento de lectura do libro de relatos “Os libros prestados” do prolífico escritor Xabier López López (Bergondo, 1974).

Unha obra composta de catro relatos de xénero e temática completamente diferente, pero que teñen algo en común: en palabras do propio autor, os protagonistas de todos os relatos non son os libros senón os lectores, isto é, o importante é contar o que agochan as vidas dos que len.

Ir a descargar

Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros (Siruela, 2017)

Fragmento de lectura do libro “Manual de remedios literarios: cómo curarnos con libros” das autoras inglesas Ella Berthoud e Susan Elderkin, creadoras do servizo de biblioterapia en The School of Life – con sede en Londres.

Un orixinal tratado de biblioterapia que condensa todo o poder de curación da palabra escrita e no que é posible atopar remedio en forma de novela para todo tipo de males.

Ir a descargar

Vampira de biblioteca (Xerais, 2020)

Fragmento de lectura da novela de literatura infantil “Vampira de biblioteca” da recoñecida autora galega Ledicia Costas (Vigo, 1979), ilustrada por Víctor Rivas (Pontevedra, 1965).

A obra descúbrenos a vida de Eleonora, unha peculiar vampira que se dedica a ler e papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da Biblioteca da Universidade de Coímbra, lugar onde ela vive.

Ir a descargar

La historia interminable (Alfaguara, 2007)

Fragmento de lectura dun clásico da literatura fantástica como é “La historia interminable”, do escritor alemán Michael Ende (Garmisch-Partenkirchen, 1929 – Filderstadt, 1995).

Traducida a máis de 36 idiomas, esta novela que narra a historia de Bastián -un rapaz que lendo un estraño libro descobre que o reino de Fantasía corre serio perigo e inicia a máis incrible das aventuras- está entre as mellores obras infantís e xuvenís da historia.

Ir a descargar

Agardamos que desfrutedes escoitando estes fragmentos e recordámosvos que este espazo de encontro que é #LemosParaTi irase nutrindo periodicamente con novas lecturas en voz alta.

Aproveitamos tamén para desexarvos un Feliz Día da Biblioteca e convidarvos a visitarnos para celebrar e poñer en valor as Bibliotecas como espazos seguros e como servizos esenciais na cidade.

About nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Posted on 24 Outubro, 2020, in A biblioteca recomenda, Efemérides and tagged , , , , , , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: