Lecturas ouvidas, lecturas sentidas


Temos xa encamiñada a desescalada do confinamento, nas bibliotecas estase a traballar a reo para dispoñer dos espazos coa maior seguridade para todos, usuarios e persoal. Máis axiña que tarde poderémonos ver de novo e comentar os momentos vividos durante todo este tempo. Porque do que todos estamos seguros é que vivimos un tempo estraño, para o que ninguén estaba preparado, e que fixo da adaptación a nosa principal ferramenta.

No club de lectura Sagrada Familia quedamos a medias dalgunha lectura e coa listaxe de pendentes preparada. Pero a situación non animaba á lectura, son moitas as voces que recoñeceron non contar con capacidade de concentración nestes días, e a lectura dixital tampouco nos servía como reclamo. Artellamos unha forma de estar máis conectadas e seguir facendo as reunións do xeito máis familiar posible.

A través dos audios do chat puidémonos sentir máis preto e comunicar mellor as emocións que moitas veces, na escrita de mensaxes, resultaban imprecisas. De feito, a interpretación dos textos que a miúdo aporta o relator, transmite sentimentos que nos fan espertar nestes días tan mornos de contactos. Tamén a lectura poética coa que damos comezo ás sesións actuou como un bálsamo que nos envolvía na atmósfera agradable e confiada propia das reunións de comezo de semana na biblioteca.

447px-CortázarComezamos escoitando o relato “La casa tomada” de Julio Cortázar, que foi tamén debatido en varios dos nosos clubes con magnífica aceptación en todos eles. É unha curiosa historia de confinamento; pese a ter a  posibilidade de saír á rúa e relacionarse, os protagonistas viven unha vida afastada da sociedade, chea de rutinas e co mínimo contacto co resto do mundo, ata que notan singulares “presencias” na súa vivenda. A tertulia tendeu á valoración da socialización como parte integrante do noso ser, como era de esperar dada a nosa situación, e ese illamento voluntario resulta case un insulto nestes días de incomunicación. 

Por suposto, cada quen é libre de decidir cómo vivir a súa vida, pero no caso dos protagonistas, case nos parece un desprezo pola sociedade que os rodeaba. Deixamos atrás as referencias ás presencias descoñecidas, esas amenazas que lles restrinxen os movementos dentro da súa propia casa, para centrar a conversa na actitude coa que os protagonistas afrontan as súas vidas. Sen dúbida trátase dun relato dun profundo calado tamén moral, que supoño non pretendía ser moralista, dos que permanecerán na memoria de todas nós. Tanto é así que non resultou fácil manter o nivel das propostas para todas as semanas, mais intentámolo.

A seguinte semana comentamos un relato de Juan José Millás, prolífico e irónico autor español coñecido por todas e seguido tamén nas súas colaboracións radiofónicas. Escollemos “Mi pierna derecha”, un relato curto incluído na obra “Los objetos nos llaman” publicada por Seix Barral en 2008, sobre as relacións pais e fillos e a impotencia que se crea cando a comunicación non é fluída.

Un pai e un fillo que non falan desde hai anos, atópanse por casualidade; o pai, en apuro,s é axudado polo fillo, narrador da trama, que non se da a coñecer. O feito de que se ofrecera a axudalo implica unha necesidade de aproximación entre eles que logo parece que desbota ao non identificarse, xustificándose con explicacións sobre o pasado. Non é fácil recuperar unha relación rota cando ademáis falla a comunicación, pero tampouco debe ser fácil permanecer alonxados das persoas que máis queremos. Moito nos deu para debatir este relato, pais, fillos, complexos, defectos, pérdida, comunicación, superación,… Quedamos con ganas de saber máis sobre estes dous personaxes e, sen dúbida, trátase dun autor que recomendaremos polas lecturas frescas e irónicas que nos ofrece.

Continuamos con autores españois e radiofónicos e escollemos a Elvira Lindo para a tertulia da terceira semana de audio-textos. Tratándose dunha autora con tanta traxectoria na radio, na rede atopamos numerosos arquivos de audio cos seus programas, pero decidímonos por un fragmento do monólogo “Una mujer inconveniente”, presentado no Festival Ja! (literatura y arte con humor) de Bilbao no 2016.

Neste anaco relata os seus comezos vitais como filla última do matrimonio dos seus pais; cunha alta dose de humor e ironía transportounos aos momentos da infancia, tan recordados e tan reconfortantes durante o confinamento. Aquelas nais sen medo a traumas, sen pelos na língua, aqueles irmáns que che axudaban a meter a pata cada día, a facer as maiores trasnadas posibles,… evocan lembranzas tenras e saudables. Todas estas fixeron que o debate chegase tamén a valorar o traballo feminino actual que, as máis das veces, suma todo o realizado nas xeracións anteriores dentro da casa, ao traballo fora da mesma. Canta forza demostran esas nais traballadoras sostendo toda a vida ao seu redor un día tras outro.

Co gallo da celebración do Día do Libro moitas foron as participacións de autores en programas de televisión, radiofónicos ou a través das redes sociais; achegáronse así aos lectores do único xeito posible nestes momentos (e ¡gracias!). Elvira Lindo participou no programa especial Late motiv de Andreu Buenafuente e del rescatamos un relato sobre o seu “confinamento” que fixo as delicias de todas as participantes, polo real e polo imaxinado, porque sen humor… ¿qué sería de nós sen o humor?

Xa estabamos na cuarta semana de encontros confinados e voltamos a cruzar “o charco” para escoitar os relatos de Leila Guerriero da súa propia voz. Foron tres os relatos da obra “Teoría de la gravedad” escollidos para seren liberados a través da web da editorial Libros del Asteroide, presentados en formato vídeo-lectura.

Dos tres vídeos foron máis ben dous os que estimularon o debate; “Equivocada” proxéctanos o recoñecemento deses momentos de felicidade que ás veces escápannos das máns, ou non somos quen de aprecialos ata que nos quedan lonxe e, co vivido vivido, os identificamos dese xeito. Non quedou sen mencionar a necesidade de valorar os pequenos momentos do día a día que nos resultan tan pracenteiros e nos insuflan pequenas, ou grandes, doses de conforto; o simple feito dun paseo, dun café en boa compaña, dunha parolada coa xente adecuada ou mesmo a ollada do mar, bravo ou tranquilo, ás veces apórtannos máis felicidade que a sentida o día da maior celebración. Só temos que saber saborealos para enriquecer eses nosos días.

Leila Guerriero: ‘Equivocada’ from Libros del Asteroide on Vimeo.

“Instrucción 17” trata sobre o amor, máis ben sobre a fin do amor de parella, e amosa tamén certa dose de machismo implícito en moitas delas, os coidados da muller ao marido. Cando todo aquilo que se facía para coidar, para procurar o benestar da persoa amada, xa non apetece, xa supón un esforzo porque el (neste caso é un home) xa non merece ese adxectivo. Un texto moi suxerente para comentar no club, que nos reafirma nas convicións sobre a independencia, o amor sá, o cariño sin obrigas, 

Con todo este material, estas lecturas ouvidas tan variadas, chegamos a mediados de maio pero non rematamos ahí. Nunha próxima entrega compartiremos con vós as nosas últimas tertulias antes de dar por finalizada a extraordinaria tempada 2019-20.

Posted on 28 Maio, 2020, in Xeral and tagged , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: