Desconfinamos a lingua Lendo para ti


Con motivo do Día do Libro, o pasado 21 de abril, botaba a andar a proposta de lectura en voz alta para adultos Lemos para ti. A idea naceu co obxectivo de acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía, especialmente a todas aquelas persoas non conectadas a través da Internet e/ou das redes sociais. O proxecto viu a luz en plena crise sanitaria provocada polo Covid-19 para combatir dalgún xeito ese  distanciamento social ao que nos vimos obrigados, para poder achegarnos un chisquiñoo, aínda que só fose a través das ondas, a toda a comunidade de usuarios e usuarias das nosas bibliotecas.

A través desas pequenas lecturas ao tempo que achegamos os libros ás persoas tentamos chegar tamén a maiores das historias que se contan, ideas, sentimentos, emocións e forza a través da palabra e da voz que a narra.

Até o de agora a periodicidade foi semanal, mais esta semana co gallo do Día das Letras lanzamos un audio diario en galego. Unha proposta encaixada dentro da campaña #DesconfinarALingua que a rede de bibliotecas municipais levou a cabo durante toda a semana e que remata hoxe co día grande. Durante toda esta semana desconfinamos a lingua amosando a nosa cara nas redes, con libros, discos, publicacións, filmes… na nosa lingua, como xeito de os mostrar, recomendar e dar a coñecer.

Hoxe queremos compartir con vós as lecturas que nos acompañaron durante esta semana para desconfinar a Lingua e que podedes escoitar e compartir por diversas canles:

  • Fragmento do relato “Grieih”, incluído na obra “Percival e outras historias” do escritor e político galego X. Luís Méndez Ferrín. A obra, dedicada a Ramón Piñeiro e Ramón Otero Pedrayo, foi publicada orixinalmente na colección Illa Nova da Editorial Galaxia no mes de febreiro de 1958.  X. L. Méndez Ferrín sorprendía así ao mundo literario co seu primeiro libro de narrativa.

Ir a descargar

  • Poema “Deitado frente ao mar” do escritor ourensán Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1914 – Vigo, 1979), máxima figura da poesía social e políticamente comprometido coa cultura de Galicia. Foille dedicado o Día das Letras Galegas de 1989. Un feito que vén confirmar a gran repercusión da obra do celanovés é a cantidade de versións musicadas que acadaron algúns dos seus poemas máis emblemáticos como é o caso de “Deitado frente ao mar” polo grupo de hip hop de Ordes Dios ke te crew.

Ir a descargar

  • Conto baseado nunha historia de transmisión oral, “O pirata Moitabarba” recollido no libro “Contos para nenos que dormen deseguida”, de David Pintor (A Coruña, 1975) e Carlos López (Boimorto, A Coruña, 1967), dous humoristas gráficos máis coñecidos por Pinto Chinto. O libro foi publicado na editorial Kalandraka e contén un total de vinte e oito contos breves.

Ir a descargar

  • Fragmento de lectura da novela de corte social “Remexido de Patacas” de Eli Ríos, unha das voces de maior proxección dos últimos anos. En apenas oitenta páxinas Eli Ríos conta unha historia, na que a protagonista ten que derrotar ao monstruo que convirte a súa vida nun pesadelo constante e loitar xunto a unha amiga pola súa liberdade. É unha novela con moita crítica e denuncia social. Neste caso os temas que se tratan son: a violencia de xénero e o sistema social patriarcal no que vivimos. Eli Ríos mantense fiel á súa interpretación da actividade literaria como canle de compromiso, crítica e cambio social.

Ir a descargar

  • Fragmento do poemario “ELexías a Lola” da autora galega Xohana Torres Fernández. Poeta, dramaturga e escritora, Xohana é unha referencia obrigada na historia da literatura galega da segunda metade do século XX, recoñecida co Premio da Crítica, en 1980, polo poemario “Estacións ao mar”.“Elexías a Lola” é un traballo editado por Engaiolarte que inclúe poemas inéditos e que supuxo regreso ás librerias da escritora ferrolá despois de 14 anos. A obra contén ademáis un fragmento do discurso de ingreso da poeta na Real Academia Galega, no que tamén tivo palabras, e versos, de recordo para a muller da que herdou a fala e a sabedoría popular, a súa avoa.

Ir a descargar

  • Fragmento do relato breve “Agarda longa ao sol”, recollido no libro “Vento ferido” do escritor ourensán Carlos Casares (Ourense, 1941 – Nigrán, 2002).A obra inclúe un total de doce relatos breves e foi publicada inicialmente no ano 1967 pola Editorial Galaxia. Casares comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. Ademais da súa condición de novelista, Casares cultivou a literatura para nenos. Ademais foi colaborador habitual na prensa, dirixiu a editorial Galaxia, foi presidente do Consello da Cultura Galega e ingresou na Real Academia Galega en 1978.

Ir a descargar

  • Fragmento de “A filla da patrona”, de Xoan Xesús González, versátil avogado, xornalista e escritor, colaborador frecuente en xornais e revistas, e comprometido políticamente cos valores agraristas e republicanos, que espallou nos seus escritos. As novelas, en cambio, non participan deste obxectivo e seguen a tradición folletinesca dominante na literatura popular da época. “A filla da patrona” é a segunda obra do autor publicada na editorial Lar e saíu do prelo en setembro de 1926, facendo o número vinte e cinco da colección de novela breve.  A obra é un folletín onde atopamos moitos dos elementos habituais no xénero: a nai abnegada que despois de morrer deixa a filla desvalida; a orfa rescatada polo cabaleiro; a rexouba dos veciños empecendo a relación dos namorados e, por último, o trunfo final da orfa para escarmento do melindroso cabaleiro.

Ir a descargar

  • Fragmento de “Cartas a Lelo” de Xosé Neira Vilas. Lelo vén sendo aquel amigo de Balbino (o das Memorias dun neno labrego), o que con el xuntaba herbas para o fumazo da noite de San Xoán, o que o salvou de morrer afogado no río, o que soñaba con ser músico, ou mariñeiro ou aviador. Mais Lelo se vai cos pais para o Brasil. E os dous amigos cartéanse. Balbino comeza a contarlle todo ao seu compañeiro de aventuras que está lonxe, máis alá do mar. Un día vai á súa aldea e fala desta correspondencia. E outro rapaz, Toño, comeza tamén a escribirlle a Lelo. E Lelo contéstalle dende o Brasil. Estas son, pois, as cartas de Toño nas que algunha vez alude ao contido das que recibe do seu amigo.

Ir a descargar

Agardamos que desfrutarades coas escoitas dos fragmentos que con tanto agarimo foron lidos e convidámosvos a compartilos para axudar a nutrir este espazo para todos que é  #LemosParaTi.

Feliz Día das Nosas Letras!!

Posted on 17 Maio, 2020, in Xeral. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: