EL SOL DESNUDO, de Isaac Asimov


Nestes días de illamento entre persoas e onde pararse para falar na rúa soa a pecado, non hai nada como unha novela que nos presenta unha sociedade onde a xente ten noxo de estar en grupo, tocarse entre si e nin sequera desexa verse de preto… a menos que sexa por hologramas. Se ademais hai un asasinato por medio e unha estrutura semellante ás novelas de Agatha Christie, onde o lector recibe todos os datos nos primeiros capítulos para que teña a oportunidade de resolver o crime antes do final, entón temos unha ben amalgamada historia de misterio e estudo social.

Asimov pertence, e pódese dicir que lidera, á era clásica da Ciencia Ficción americana, que vai dos 50 aos 70, e esta é unha das súas novelas máis peculiares e entre as máis coñecidas na súa prolífica carreira, que pertence ás súas historias de robots, que xunto coa saga da Fundación son as súas obras máis destacables.

Todo empeza cando ocorre un asasinato no planeta Solaria, unha colonia humana onde só viven 20.000 persoas solitarias, afastadas unhas doutras por amplos espazos e servidas por un exército multitudinario de robots parcos en palabras, que fan as tarefas rutineiras, mentres os solarianos dedícanse nos seus enormes latifundios á enxeñería robótica, a arte abstracta e ao deseño dos seus descendentes, de maneira que non teñan que xuntarse para o asqueroso e repulsivo acto de reproducirse. Todos os solarianos desde que nacen son criados, educados e mantidos por solícitos robots. O contacto social con outros humanos é visto con profundo desprezo, tinguido dun silencioso medo que chega ao noxo.

Así que cando ocorre un asasinato, xorde unha verdadeira conmoción. Porque non puido ser un dos millóns de robots do planeta, xa que nunca infrinxen as tres leis da robótica, a primeira das cales prohibe matar humanos. Así que tivo que ser un solariano, por absurdo que pareza.

 

Para resolver este inconcibible misterio chegan desde a primitiva e promiscua nai Terra, chea de xente que se toca, fala de preto e ata se bica, o detective Elijah Baley e o seu compañeiro robot R. Daneel Olivaw, que comezarán unha ardua investigación entre os distantes e esquivos solarianos.

Pero o Sol Espido non é só unha novela de crime e misterio nun mundo futurista, ou máis ben, alternativo á Terra. Nesta novela, Asimov deixa ao carón a súa probada habilidade para ofrecer entretemento e aventura espacial, propio a Ciencia Ficción americana da súa época, e pásase ao estudo dunha sociedade humana tecnificada, ata o extremo de abandonar o contacto social e adorar o illamento autista dos seus membros como cume e meta da civilización.

Máis dunha vez o lector poderá facer inquietantes paralelos entre os illados solarianos e o noso momento actual, e non só me refiro á pandemia.

Pero á parte de todo isto, a novela tamén é unha historia de amor, única e orixinal na literatura, entre un personaxe agorafóbico, que non soporta os amplos exteriores de Solaria, e outro obsesivo-compulsivo, que non soporta ser tocado, os cales protagonizan unha das escenas finais máis logradas da historia da ciencia ficción.

Verán como é difícil de esquecer a frase que dá orixe ao título:

“Viu como os seus raios bañaban ata o último recuncho da cidade, os raios do sol espido”

A novela podédela atopar fisicamente nas nosas bibliotecas e tamén en formato dixital na plataforma de GaliciaLe.

 

Posted on 7 Maio, 2020, in A biblioteca recomenda and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: