Despedímonos da campaña “Mulleres de carne e verso”, mais non da poesía!


Decretado xa o estado de alarma pola crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, desde as Bibliotecas Municipais lanzabamos nos nosos canais corporativos a proposta “Mulleres de carne e verso”. Unha iniciativa que naceu para celebrar a poesía e render homenaxe ás nosas poetas co gallo do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.

Cada biblioteca da rede foi compartindo durante estas dúas semanas as verbas da escritora homenaxeada, entre as se atopan: Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Eli Ríos, Luísa Villalta, Dores Tembrás, Olga Patiño, Emma Pedreira, Pilar Pallarés e Estíbaliz Espinosa.

Muller lendo un libro
Pincha na imaxe para ver o fío de tweets da campaña #poesíaconM

Nun post anterior, “Mulleres, poetas e galegas”, recollíamos unha breve entrada descritiva das poetas cuxos versos compartiramos ata ese momento polas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Dedicamos agora unhas liñas ás poetas homenaxeadas que completan a nosa campaña.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)

Luisa_VillaltaRecoñecida como unha das voces máis destacadas da cultura galega contemporánea, Luísa Villalta foi unha escritora prolífica e versátil, abarcando xéneros como a poesía, a narrativa, o ensaio, teatro e o texto xornalístico.

Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia de Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Tamén era titulada en violín e formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.

A súa escrita foi premiada en numerosas ocasións, entre as que destacan “A taberna do holandés”, galardoada co Premio Modesto R. Figueiredo (1990) ou “En concreto”, poemario que recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) e -postumamente- o Premio Galego da Crítica á Creación Literaria (2005).

Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)

Dores_Tembras

Poeta e doutora en Filoloxía pola Universidade da Coruña (UCD), Dores Tembrás é especialista ademais na obra de Alejandra Pizarnik.

Publica no ano 2009 o seu primeiro poemario, “O pouso do fume” –finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de poesía- e no ano 2012 o álbum infantil“O peizoque Roque”, ilustrado por Xosé Tomás. En 2013 recibe o galardón Premio da Poesía Concello de Carral pola obra “Cronoloxía da urxencia”, editado en Espiral Maior.

No ano 2014 funda, xunto a Antía Otero, o proxecto literario editorial Apiario.

Olga Patiño (A Coruña, 1949)

Olga_PatiñoDocente no ensino secundario, poeta, actriz e directora de teatro, ademais de colaboradora en xornais como La Voz de Galicia ou El Progreso e en revistas literarias como Luzes de Galiza, Xanela, Clave Orión e Anuario Brigantino.

A súa obra poética abrangue: “Latexos fragmentados(2002), “Atmosferas(2007)-poemario ilustrado polo gravador José Valentín, “Tempo en desuso ” (2008), “Natureza Haiku (2010)- proxecto conxunto coa pintora Isabel Pintado e a escultora Soledad Penalta , “Silencio habitado(2013), “Territorio acoutado(2017) -creación poética levada a cabo co fotógrafo Carlos Lorenzo.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978)

Emma_PedreiraFilóloga, poeta e narradora, Emma Pedreira participa tamén moi activamente na plataforma de crítica feminista A Sega.

A súa obra foi galardoada con numerosas premios literarios e participa ademais en infinidade de antoloxías colectivas. Algúns dos galardóns recibidos na súa traxectoria como poeta: Premio Johán Carballeira 1999 por “Diario bautismal dunha anarquista morta”, Premio Johán Carballeira 2001 por “Velenarias”, Premio Johán Carballeira 2002 por “Os cadernos d’amor e os velenos, Premio Fiz Vergara Vilariño 2006 por “Casa de orfas, Premio Poesía Concello de Carral 2012 por Libro das mentiras” e Premio Gonzalo López Abente 2015 por “s/t”, entre outros moitos.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957)

Pilar_PallaresPoeta renovadora da poesía galega, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e columnista en diversos medios de comunicación.

O seu primeiro libro publicado, “Entre lusco e fusco (1979) gañou o Premio de Poesía Novoa do Facho e en 1983 o seu seguinte traballo, “Sétima soidade é galardoado co  Premio Esquío. Posteriormente publica, entre outros, os libros de poemas: “Livro das devoracións” (1996), “Poemas” (2000), “Leopardo son” (2011), polo que recibe o premio da AELG; e “Tempo Fósil” (2018), Premio da Crítica 2018 e Premio Nacional de Poesía 2019.

No ano 2019 recibe, ademais, réndeselle a homenaxe na Coruña “A escritora na súa terra”, impulsada pola AELG.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974)

Estibaliz_EspinosaLicenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola UDC, Estíbaliz Espinosa desenvolve a súa actividade como escritora, creadora e tradutora. Compaxina a súa carreira profesional no eido literario coa música -é mezzosoprano- , ademais de definirse como astrónoma afeccionada.

Publicou numerosos poemarios, entre eles: “Pan (Libro de ler e de desler) , Premio Esquío de Poesía 1999; “Número e”, Premio de Poesía Espiral Maior 2001; “…as neuronas irmás…”, Premio de Poesía Afundación 2017. Recentemente -xaneiro 2020-recibiu o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”.

A proposta Mulleres de carne e verso chega ao seu fin, mais o noso compromiso de promover a lingua e cultura galegas, de celebrar a poesía e de difundir e dar visibilidade ás nosas autoras segue adiante!!

Lembrámosvos que na nosa canle en Youtube podedes desfrutar dos versos a viva voz dalgunha destas marabillosas poetas na lista de reprodución “Mulleres de carne e verso.

Despedímonos cun convite. A invitación a descubrir, para aquelas persoas que aínda non a coñecen, á poeta coruñesa Claudia González Caparrós (1993), con dúas obras xa publicadas que podedes atopar no noso catálogo: “Si la carne es hierba (Sully Morland)” (2015) e “Te miro como quien asiste a un deshielo” (2018).

Forza e azos nestes días para todxs e cuidemos a linguaxe, porque as palabras configuran o noso mundo!!

About nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Posted on 31 Marzo, 2020, in Efemérides, escritoras and tagged , , , , , , , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: