Australia. Un bibliotecario polo mundo. Capítulo 3


E xa peguei o salto! Xa estou en Australia. A que se vos fixo curta a viaxe? Pois tedes sorte, porque a maxia da escrita evitouvos pasar as 23 horas de voo e as 13 de aeroportos para chegar desde Nova York ata aquí. Pero xa cando chegue o último capítulo destas entregas falaremos das aventuras de avións, aeroportos e demais.

Australia? En que pensades cando vos falan de Australia? Non, non digades nada, xa o sei: canguros, koalas, praias… A cara amábel desta enooorme illa. Eu vouvos descubrir outras facianas. Tranquilas, dos koalas, dos canguros e das praias tamén falaremos, faltaría máis.

Ópera de SidneyA porta habitual de entrada a Australia é Sidney. Pero podería ser Melbourne, Adelaide ou Perth. Sidney é, posibelmente, unha das miñas cidades favoritas. Asenta nunha baía enorme, chea de illas, de pequenas rías, de recunchos paradisíacos. Algo así como se Deus, ao rematar a creación no sétimo día, segundo contan as Escrituras, se cabreara e tirara un enorme cinceiro metálico neste borde do continente e fanicara todo (por certo, fumaba Deus? Se non é así, perdón pola licencia literaria, pero acae moi ben). Tamén aquí peguei unha boa pateada. Díxenvolo… Boas zapatillas e en forma. Aquí en Sidney, nun día, 25 km. E nada que ver as súas dimensións coas de Nova York. Ten moito que ver pero todo moi concentrado. A onde primeiro hai que ir é ao edificio da Ópera, a icona da cidade. Eu contratei unha visita guiada en español. Aos dous minutos de escoitar á rapaza que a guiaba, eu xa notei algo. Pregunteille, e ti de onde vés sendo? E era de Vigo, claro.

Ponte de SidneyA ponte da baía é outro dos símbolos que identifican Sidney. Sabedes que Paul Hogan, o protagonista da película Crocodile Dundee, antes de dedicarse ao cine traballou como pintor nesa ponte, aló polos mediados dos 70? Agora tamén tedes a opción de escalalo. Unha subida que dura sobre 3 horas por un custe aproximado de 100 euros.

Entrada ao museo de Melbourne

Senior?? Vello eu???

Melbourne é a outra gran cidade australiana. Multicultural, facilmente “camiñábel”, con moita vida nas súas rúas, con parques, con transporte gratuíto na zona centro, con museos interesantísimos e moi didácticos. E o que me chamou a atención especialmente nesta cidade é o concepto de “vellez” que teñen os seus habitantes. Cada vez que compraba unha entrada para un museo, sen me preguntar nada, dábanme desconto por “senior” (ou sexa, maior de 60 anos). Ou con moi mal aspecto cheguei a Australia ou é que non saben calcular a idade. Faríame máis ilusión que me deran entrada de neno, pero non, eles así a vulto xa calculaban que eu estaba na terceira idade. De calquera xeito, son home práctico e calei: un desconto é un desconto.

AdelaideAdelaide, esa gran descoñecida. Esta cidade, do estado de Australia do Sur, ten 1.300.000 habitantes. A cidade en si, o centro, podedes vela nunha mañá. Pero arredor ten moitísimas atraccións: praias inmensas (sempre as vexo sen xente), montañas con estradas como as do interior de Galiza, viñedos (moi bos os viños desta zona, hip)… E tiven a sorte de coincidir co Adelaide Fringe Festival, o festival máis importante de todo o hemisferio sur que durante 30 días acolle cerca de 1500 eventos e máis de 7000 artistas de todas as artes: música, teatro, circo, audiovisual, danza, obradoiros, cine, maxia…

E outra curiosidade. As tres cidades das que vos acabo de falar figuran no máis alto da clasificación que a revista The Economist publica cada ano e onde nos di cales son as cidades do mundo con máis calidade de vida: Adelaide está no décimo lugar, Sidney no terceiro e Melbourne no segundo.

Avisos nas praias de QueenslandCrocodilo de auga salgadaCousa diferente á vida urbana é cando imos ao norte. Non vos vou falar –por cuestións de espazo– do Northern Territory, onde podedes atopar, por exemplo, Uluru, a gran rocha, sitio sagrado para os aborixes, no medio do deserto (e lugar recomendábel tamén para visitar), senón do estado de Queensland. Puiden visitar toda a zona arredor de Cairns e Port Douglas. E alí atopei a fauna salvaxe de verdade. Praias como as dos anuncios, coas súas palmeiras, a súa area branca… os seus crocodilos, as súas medusas velenosas, os seus casuarius, as súas serpes… Aaaaah, pensabades que todo eran koalas e canguros? Pois estes bichiños dos que vos falo tamén son fillos de Deus. E o que atopei de entrada cando visitei por vez primeira un deses areais sacados do paraíso foi un carteliño onde me advertía da posíbel presenza do crocodilo de auga salgada, o réptil máis grande do planeta, que pode chegar a medir 7 metros e que se adentra no mar. Xa me avisaron: de atopalo, non intentes correr: cun so movemento de aleta pode avanzar 4 metros, e se se empeña en ir tras min na auga pode facelo a 43 km/h (confeso: no meu caso con que puidera avanzar a 2 km/h xa me collería). Non foi na praia, por sorte, onde vin esta criatura, pero si no río, e mesmo puiden presenciar unha pelexa entre dous deles. Medo dan. E logo están as medusas… Eses bichiños tan lindos, tan riquiños… e dos que hai documentadas 5500 mortes en Australia pola súa picadura. Esta é a razón pola que tamén figura unha alerta da súa presenza á entrada das praias. Será por todo iso que sempre as vexo baleiras??

Outra categoría da fauna australiana son os insectos, os arácnidos e os pequenos –ou non tan pequenos– réptiles. Arañas como a que vedes na foto, ou formigas que fan enormes niños que, xa vedes, son máis altos ca min. E ese non era dos máis grandes. Ou as especies en perigo de extinción, como o demo de Tasmania, aqueixado por un estraño tumor facial que contribúe máis á súa desaparición.

Todo isto é fácil de atopar en Queensland, ese estado do nordeste de Australia. E da miña aventura neses lugares exóticos, ilústrovos con este documental:

KoalaE si, ademais están os canguros e os koalas. A da foto é unha koaliña de 6 anos coa que fixen bo caldo nada máis coñecernos. E os canguros… Que vos vou contar dos canguros. Tan amigo me fixen deles que un dos días subín velos cun libro de Manuel María e púxenme a recitarlle un dos poemas. E mirade no vídeo como se interesou!

Souben despois, que tanto lle atraeu a lectura, que se fixo socio da biblioteca de Marion, un dos barrios de Adelaide. Que por certo, ten unhas instalacións ben chulas. Tiña que poñer algo de bibliotecas. Sei que non perdoades que un bibliotecario polo mundo non visite as bibliotecas de cada lugar.

Como no anterior post, tedes aquí unha galería onde podedes ver máis imaxes desta viaxe por Australia. Se tedes oportunidade, non deixedes de coñecela. E eu agora póñome a preparar o meu próximo destino: Doha, en Qatar! Dentro de dous días vémonos no Golfo Pérsico!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Posted on 25 Marzo, 2020, in Novela por entregas and tagged , , , , . Bookmark the permalink. 4 Comentarios.

  1. Magnífico… que ganas de ir a la playa…. jejeje

  2. Ben se ve que ao canguro lle encanta a poesía de Manuel María. O vídeo ou a serie de fotos guionizadas de “Náufrago en Australia” edítalo á volta ou durante a viaxe? A mesma pregunta sobre este diairo de viaxes, vas escribíndoo diariamente durante a viaxe ou só tomas notas e redáctalo á volta? Graciñas

    • O vídeo monteino durante a viaxe, “en fresco”. Non tiña pensado facer nada, pero cando vin aquela inmensa praia na miña mente xa fixen un bosquexo do que podía ser. Así que tomei varias fotos e despois fixen o guión e logo a montaxe. E non fago diario de viaxes. O único que vou facendo é ordenar as fotos, coidar que todas estean xeolocalizadas e subilas á nube. Todo isto procuro facelo día a día, ao final da xornada. Subo todas e téñoas organizadas en Flickr, onde teño máis de 20.000 fotos. Logo abonda con ver eses álbumes para lembrar todo. Así que non, nin notas tomo.

  3. Que traballazo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: