Mulleres, poetas e galegas


Cada 21 de marzo, desde a súa aprobación pola UNESCO na 30ª Conferencia Xeral en París no ano 1999, celébrase a nivel mundial o Día da Poesía co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades.

 “A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar da maneira sempre renovada a forma en que utilizamos as palabras e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade”. (Nacións Unidas, 2019)

Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña, dentro do noso compromiso de promover a nosa cultura e a lingua galega, sumámonos á celebración desta efeméride tan fermosa coa campaña Mulleres de carne e verso coa que procuramos achegarvos a través das nosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) unha escolma de versos das nosas poetas nuns días especialmente difíciles por mor do Covid-19.

Campaña poetas galegas

A proposta lanzouse a comezos desta semana nos nosos canais corporativos co propósito de celebrar a poesía e honrar ás mulleres poetas. Cada día unha biblioteca da rede foi compartindo as verbas da escritora homenaxeada e ata o momento puidemos gozar dos versos de…


Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977)

Escritora e xestora cultural ademais de creadora e coordinadora dunha das citas poéticas máis importantes na cidade: o ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolve con carácter mensual no Centro Ágora.

Muller polifacética (guionista, presentadora de television, comisaria de mostras de arte e poesía, tradutora) e creadora recoñecida, entre outros, cos seguintes galardóns: Premio da Crítica e Premio Johán Carballeira por “Vivimos no ciclo das Erofanías” (1998), Premio Espiral Maior por “Profundidade de campo” (2007), Premio de Poesía Afundación por “A segunda lingua” (2014).

Lucía Aldao (A Coruña, 1982)

Poeta coruñesa que desenvolve a súa carreira tamén como cantante, guitarrista, guionista e animadora cultural. Xunto á escritora María Lado forma equipo para desenvolver proxectos como o espectáculo poético “Onde estea un cubata que se quite un soneto” ou a exitosa proposta poética, humorística e musical denominada “Aldaolado”.

Publica con Luis Walter Muñoz Fontenla a obra “Unha ducia máis un” (2005) e no ano 2018 sae á luz o seu primeiro libro de poemas en solitario “Todo isto antes era noite”.

Eli Ríos (Londres, 1976)

Autora prolífica que ten publicado obras de poesía, ensaio, narrativa infantil e xuvenil e novela para adultos . Galardoada, entre outros moitos, cos seguintes premios dentro do eido da poesía: XII Premio de Poesía Concello de Carral por “Nós escoitando o badalo de marienplatz” (2009), I Premio Rosalía de Castro por “Café intenso” (2015), XXVIII Premio Torrente Ballester por “Luns (2016), IV Premio de Poesía González López Abente por “Culpable(2017).

Realiza ademais obradoiros de escrita, contacontos para público infantil e colabora na revista dixital de crítica literaria feminista “A Sega”.


Desde o noso Club de Lectura Virtual se sumaron á proposta “Mulleres de carne e verso”, realizando no seu blog un percorrido pola vida e obra da poeta e membro da Real Academia Galega Luz Pozo. Convídovos á pasar tamén por aí e gozar da lectura desta entrada: “Luz Pozo, la poetisa de Ribadeo”.

Estade atentas e atentos ás nosas redes, a vindeira semana compartiremos con vós o nome e as verbas doutras cinco poetas galegas ás que desde as Bibliotecas Municipais rendemos homenaxe. Mentres tanto, despídome cunhas palabras de Audrey Azoulay -Directora Xeral da UNESCO- máis necesarias ca nunca:

Cada forma de poesía é única, pero cada unha reflicte a universalidade da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia. Este é o poder da poesía!

About nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Posted on 21 Marzo, 2020, in Efemérides, escritoras and tagged , , , , , , , , . Bookmark the permalink. 1 comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: