Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, e visita da autora
O pasado mes, no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais tivemos a sorte de contar coa visita da escritora Emma Pedreira.
Emma Pedreira Lombardía naceu na Coruña en 1978, onde segue vivindo. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha artista multidisciplinar á que encadran na Xeración dos 90, aínda que a súa obra transcende todas as etiquetas.
O seu primeiro libro foi Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), que acadara o ano anterior o Premio de Poesía Johán Carballeira. Desde ese intre case non houbo ano en que non publicase unha ou varias obras, tanto de poesía coma de narrativa.
Os seus últimos éxitos foron o Premio Xerais en 2018 con Besta do seu sangue, o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño no 2018 por As voces ágrafas e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019 con Os corpos invisibles.
Todas as súas obras acadan sempre o aplauso da crítica: de feito, en 2018 recibiu por Bibliópatas e fobólogos o Premio da Crítica de narrativa galega, outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios.
Non obstante, o traballo de Emma Pedreira no eido artístico non se circunscribe só aos libros: é pioneira nos mouthcollages/skincollages, que colga a miúdo no seu muro de Facebook.
Tamén elaborou mostras-exposicións coma a de O fotógrafo, na que conxuga as antigas fotografías de seu avó, poemas e colaxes. Ademais, formou parte da Plataforma de Crítica Literaria Feminista A Sega entre e os seus compañeiros e compañeiras dedicáronlle documentais (Emma Pedreira: o des-en-freo) e fanzines (Emma Pedreira: fanzine dunha persoa renacentista).
No club de lectura puidemos ler Besta do seu sangue., da que a crítica dixo:
Nesta obra faise unha revisión de xénero da figura e mito de Blanco Romasanta, coñecido tamén coma O sacauntos. Era Manuel ou Manuela? Ademais, tendo en conta que xa se escribiu moito sobre este tema, tivemos a oportunidade de debater sobre o feito de que nos interese algo do que xa se dixo tanto, pero ao parecer, non todo.
Non é a primeira vez que a autora reinterpreta mitos e/ou historias clásicas, sobre todo os contos de fadas, coma no Libro das mentiras.

Encontro na biblioteca de Estudos Locais do club de lectura con Emma Pedreira
Ademais, puidemos trasladarlle todas as nosas dúbidas á autora, tanto desta como doutras obras, pois tivo a xentileza de acompañarnos nunha sesión do club. Moitas grazas, Emma Pedreira!
Posted on 10 Febreiro, 2020, in A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, escritoras, Libros lidos, Libros para ver e mirar, Novela histórica e biográfica, Obras, Xeral and tagged Besta do seu sangue, Blanco Romasanta, Club Estudos Locais, Emma Pedreira, escritoras, Literatura galega. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0