Recomendacións do Club dos Luns de Fórum


Comezamos un novo curso e unha nova andaina entre libros. Con motivo da entrega do Premio Princesa de Asturias das Letras 2019, a lectura coa que retomamos as tertulias dos luns foi “Todo cuanto amé” da premiada Siri Hustvedt.

Adicada ao que por aquel entón era o seu marido, Paul Auster, Todo cuanto amé é unha novela inquietante e profunda, articulada sobre os procesos creativos da arte contemporánea e os fenómenos de trastorno da personalidade (histeria, depresión, bulimia, esquizofrenia …). Elaborada cunha prosa elegante e detallista, que o título non vos leve a engano porque Todo cuanto amé non é en absoluto unha novela fácil ou superficial, senón unha obra dun alto nivel intelectual, con profundas reflexións sobre a arte (as excesivas referencias artísticas en ocasións poden desbordar ao lector), o individuo e as consecuencias que un acontecemento tráxico pode ter nas nosas vidas.

Sinopse: O aprecio por un cadro de Bill Wechsler leva ao historiador de arte Leo Hertzberg a querer coñecer ao seu autor. Unha profunda amizade, baseada por igual en afinidades e contrastes, uniraos desde entón, e incluirá así mesmo ás súas familia. Ao longo dos anos tres mulleres orbitan no seu universo: Erica, a fermosa profesora casada con Leo, e as dúas esposas do pintor. A primeira Lucille, é unha hermética e perfeccionista poeta; a segunda, Violet, antiga modelo, dedícase á investigación psicolóxica. Pero cando unha morte tráxica sacode inesperadamente o mundo destes personaxes, entre eles xorde unha nova orde, baixo o que latexa un escuro engano que acabará por erixirse nunha ameaza de imprevisibles consecuencias. Nesta ocasión a autora mostra a súa exquisita sensibilidade, a súa agudeza analítica e a súa mestría literaria nun apaixonante estudo sobre as relacións humanas e o proceso da creación artísitca.

Para coñecer máis da autora recomendámosvos a lectura doutras reseñas do noso compañeiro Enrique sobre o libro Recuerdos del Futuro.

Da mesma autoría é tamén a reseña do título co que seguimos avanzando nas nosas lecturas outoñais, La sociedad literaria del pastel de piel de patata de Guernsey das estadounidenses Mary Ann Shaffer e Annie Barrows.

Traducida a máis de vinte idiomas, con máis de cinco millóns de exemplares vendidos en todo o mundo e levada ao cinema por Mike Newell, La Sociedad Literaria del Pastel de Piel de Patata de Guernsey é unha deliciosa e conmovedora novela epistolar que se converteu nun clásico indiscutible sobre o poder da palabra e o valor da literatura como refuxio e consolo en tempos difíciles.

E con autoras estadounidenses seguimos porque a seguinte lectura que recén rematamos é Olive Kitteridge de Elizabeth Strout. Nada en  Portland ( Maine) en 1956 a súa consagración chegoulle precisamente coa obra  Olive  Kitteridge (Premio Pulitzer 2009).  Outras das súas obras son Amy e Isabelle (1998), Chámome Lucy  Barton (2016), Todo é posible (2017).

Olive Kitteridge tamén foi finalista do National Book Critics Circle Award 2008 e gañou o Premio Otras Literaturas. Llibreter 2010.

O xurado do Llibreter sinala que:

“Strout ganó el Premio Pulitzer 2009 pero pasó desapercibida. Que la autora trató durante 25 años publicar Olive Kitteridge y no hubo manera. Es un libro que no se podía dejar en la sombra y nunca ha estado en la lista de los más vendidos pese a su calidad”

“Se trata de una novela coral formada por 13 capítulos que en ellos mismos son historias completas engarzadas por el hilo conductor de Olive Kitteridge, una persona gruñona que no tiene futuro, sino pasado, y que con los años se va ablandando y ganando humanidad”

Strout retrata cunha gran precisión psicolóxica o mundo pechado e pequeno dos habitantes dun pobo marítimo do estado de Maine. O suicidio, a depresión, a falta de comunicación e o amor percorren as páxinas deste libro.

Non é unha novela e tampouco son historias curtas. Son trece retratos que están interrelacionadas entre si pero descontinuos en termos narrativos. Este magnífico mostrario ábrese na farmacia do lugar. Alí atopamos a Olive Kitteridge, profesora de instituto, e o seu marido, Henry, o farmacéutico e un home con pouca personalidade.

A presenza de  Olive  Kitteridge, será a que vincule estes retratos. Varias historias poñen a  Olive no centro, pero nalgunhas só fai unha aparición fugaz, pois non ocupa o centro da escena ata o cuarto capítulo, Unha pequena alegría, que dá conta da voda de  Christopher con  Suzanne vista a través dos ollos da súa nai.

Olive  Kitteridge ten un argumento aparentemente sinxelo, pero as historias están incriblemente ben contadas. É un libro ameno, sinxelo de ler, e que fala de problemas cotiáns – pero tamén de grandes temas que a todos nos afectan, como o amor, a amizade, o fracaso, a lealdade, a decepción, a vellez…

A pesar de que algúns relatos son tristes, amargos e que expoñen esa crueza da vida, non podería dicirse que sexa unha lectura triste. Incluso a mensaxe final ca que quedas é esperanzadora. Pois aínda que vivir sexa raro, angustioso e difícil, o valente e fermoso  é apostar por seguir camiñando.

Existe unha versión do libro que foi levada á pantalla en forma de serie de tan só catro capítulos protagonizada pola excelente actriz  Frances  McDormand, producida pola HBO e que gañou seis premios Emmy no 2015. A serie será a que poña o broche de ouro á lectura do club e da que vós tamén podedes desfrutar pois está dispoñible no  catálogo das Biblioteca Municipais. Recomendámosvos que consultedes a súa dispoñibilidade ao igual que a dos títulos dos libros recomendados.

Posted on 18 Novembro, 2019, in Club de los Lunes de Forum, Libros lidos and tagged , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: