O quimérico inquilino


 

Debuxante coñecido máis que escritor, membro do grupo Pánico, xunto con Jodorowski e Fernando Arrabal, Roland Topor (París, 1938) achéganos unha historia terriblemente próxima a nós pola súa localización e ao mesmo tempo íntima de seu polo seu escurantismo, o seu obsesivo traballo de caricaturización, o seu finísimo humor negro.

Topor o debuxante, o pintor, tíñanos afeitos ao canibalismo das súas imaxes (La cocina caníbal, textos e debuxos con prólogo de Arrabal, moi recomendado para os pouco escrupulosos), aos seus brancoenegros luxados e puros ao mesmo tempo, ao home hipersexual e cruel devorándose a si mesmo como xeito de atravesar a sociedade que o atrapa. E aquí debúxanos cunha prosa áxil e simple, as máis das veces, a Trelkovski, un home normal, nunha situación vital normal como é buscar un sitio no que vivir, integrarse definitivamente nunha comunidade.

 

O aparentemente tranquilo Trelkovski, anódino oficinista que non se enfronta a ninguén, non sabe a sorte que ten cando atopa un pisiño agradable nun bo barrio do centro. Segundo a porteira e os veciños o piso non ten problemas, é cómodo, pequeno, doado, aínda que hai un furado na solaina xa que a anterior inquilina dicidiu tirarse pola ventá.

 

Nunca ficción lenta e pouco cargada de detalles superficiais, o debuxante debúxanos, perfílanos exactamente a historia do inquilino Trelkovski e, a través dos seus ollos, vamos achegándonos a unha comunidade aparentemente perversa, maliciosa e terrible que foi borrando as pegadas da anterior inquila, Simone Choule, tras dun máis que sospeitoso accidente. O ruido apoucado, os pasos afogados, o medo ao sobresalto, son puntos de unión do lector co protagonista, que trata de pasar desapercibido entre os veciños ceñudos e sempre ao axexo, mentres trata de rescatar a memoria de Simone Choule, primeiro con curiosidade, despois cunha morbosa busca de calquera referencia que lle permita saber quen era ela e como chegou a desaparecer.

 

A medida que se vai abrindo a novela, vaise facendo sorprendentemente estraña e metafórica, chea de simboloxías dignas de estudo (pechaduras e regandixas, dentes arrincados, sons e voces). Todo vai presentíndose na medida en que o inquilino, o cándido home correcto se vai retorcendo sobre si mesmo, volvéndose contra a súa propia cordura, sentíndose vítima dun ambiente perturbador. Metamorfoseado e delirante, o surrealismo do propio Topor rechea os ocos dentro da nosa cabeza, como nun guión de cine ( a propósito, Polanski levou esta novela ao cine, e con moito acerto), como nunha novela gráfica.

 

O medo como sentimento que adultera todos os demais, que modifica todas as sucesións das nosas vidas. E medo da que tras do pesadelo que é buscar o piso axeitado para formar un fogar, o peor aínda está por chegar porque, sabes ben quen durme ao outro lado das túas paredes?, quen frega a túa escaleira? Quen vixila os teus pasos, as túas saídas, o teu buzón…?

 

 

 
 

http://es.wikipedia.org/wiki/Roland_Topor

Posted on 31 Outubro, 2012, in Club Monte Alto, Libros lidos and tagged , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: