UN CUARTO DE NOSO…


Dicía Virginia Woolf -e case 100 anos máis tarde seguímolo pensando- que unha muller, para escribir, precisa de ter un cuarto de seu e independencia económica.

Expoñendo as diferenzas sociais, económicas e educacionais das mulleres do momento, a escritora británica establece un fresco da sociedade post-victoriana, atacada de inmobilismo e afectación e tan pouco dada aos cambios, sobre todo aos que supoñen unha nivelación ou un equiparamento entre os sexos.

Convidada por unha universidade –Oxbridge, como ela propón-, a autora trata de facer fincapé sobre as carencias e as necesidades da novela, falta até o momento de novelas de mulleres e abondosa en novelas por e para mulleres e, sobre todo, trata de facer unha denuncia das necesidades urxentes das novelistas.

Austen, as irmás Bronte, Mitford…son examinadas e sopesadas nas súas vidas cotiás, femininas e, polo tanto cheas de labouras domésticas, de coidados aos demais, de preocupacións pouco artísticas que quedan limitadas polos estudos e a educación recibidos.

Cómo serían as novelas destas mulleres se, por unha vez puidesen disfrutar dun espazo privado e dunha renda que lles permitise a dita privacidade e a abstención do mundo doméstico simplemente para crear?

Jane Austen agochaba a folla na que escribía cada vez que se vía interrumpida por unha visita –escribía no salón común e unha táboa solta do chan renxía como unha vixía alerta-. As Bronte xa medraran nun isolamento que permitía medrar cunha imaxinación desmesurada, pero todas mulleres, educadas para cousas de muller…Aphra Behn superou con paciencia todas as etapas da vida feminina até enviuvar e conseguir as cobizadas liberdade e renda; foi, polo tanto, a primeira escritora profesional –recibía un soldo- coñecida e recoñecida.

Nenos ou libros, esa era a disxuntiva moral da muller inclinada a escribir. Borrar horas de sono para cubrilas co soño, fuxir do establecido para establecerse no mundo desexado e, nalgúns momentos, mudar o nome propio polo anonimato (Austen publicou Sentido e Sensibilidade como “A lady”. e as Bronte asumiron todas nomes masculinos: Currer, Ellis e Acton Bell, cuxas iniciais coincidían).

Pasado xa case un século, a proposta da Woolf segue estando activa, a medio reparar as problemáticas prantexadas, a medio debuxar a liña que divide a literatura feminina da literatura de muller. Unha serie de cuestións vivas e latexantes que deberiamos volver a rescatar dentro doutro século, a ver qué pasou e por onde decidimos ir en cuestións de paridade.

Posted on 29 Novembro, 2011, in Club Monte Alto, Libros lidos and tagged , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: