Xerais editará o primeiro libro sobre o Novo Cinema Galego
Os autores intelectuais do Novo Cinema Galego, en tanto etiqueta, a medio camiño entre o activismo e o exercicio crítico, preparan xa a primeira monografía dedicada ao fenómeno. Xerais publicará contra o final do ano un traballo de Martin Pawley, José Manuel Sande e Xurxo González, os tres críticos vinculados ao blog Acto de primavera, no que se combinarán entrevistas cos principais creadores e unha análise exhaustiva do movemento.
Un ano despois da participación de Oliver Laxe no Festival de Cannes coa súa primeira película, Todos vós sodes capitáns, o que se deu en chamar Novo Cinema Galego segue a confirmar as expectativas depositadas polos seus promotores e a gañar espazos de visibilidade. A pasada semana, o prestixioso Festival Internacional de Documental de Marsella (FIDMarseille) confirmaba que Vikingland, a primeira longametraxe de Xurxo Chirro –alcume artístico do propio Xurxo González– entraría este ano a concurso.
A falta de definir o novo papel de Xurxo González, os promotores coinciden: a publicación da monografía redunda na consolidación dos cineastas, os produtos e os modos de produción que acharon acubillo no paraugas do Novo Cinema Galego. A este proceso tampouco son alleos os ciclos dedicados a estes títulos polo CGAI, a Universidade de Vigo, o Culturgal 2010 e máis recentemente o CGAC, nunha iniciativa que terá continuidade o ano vindeiro.
A estrea de Vikingland en FIDMarseille, que se celebrará entre o 6 e o 11 de xullo, é a xuízo de Pawley o terceiro fito máis importante na historia do cinema galego tras a participación de Peque Varela en Sundance (1977) e de Oliver Laxe en Cannes (Todos vós sodes capitáns).
Posted on 7 Xuño, 2011, in Novas, Obras and tagged Novo Cinema Galego, Xerais. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0